A Orquestra do Conservatorio, finalista nacional, da man de Raquel Carrera Álvarez

DEDICACIÓN E APLICACIÓN

Raquel Carrera Álvarez é a profesora de violín de orquestra non Conservatorio Profesional de Música de Ourense

A Orquestra do Conservatorio, finalista nacional
A Orquestra do Conservatorio, finalista nacional | Cedida a La Región

A Orquestra de Grao Profesional do Conservatorio Profesional de Música de Ourense resultou finalista do I Concurso Nacional para Orquestras de Conservatorios Profesionais de Música de España. Un logro froito de moito traballo e esforzo que leva á formación á final que terá lugar en Soria no vindeiro mes de abril. Dedicación e aplicación por parte do alumnado, pero tamén por parte de Raquel Carrera, a súa directora que non pode menos que sentirse moi orgullosa do traballo realizado por todos eles sendo consciente da gran motivación que este logro supón.

Pregunta. Finalistas no I Concurso nacional de orquestras de conservatorios de graos profesionais de España, como xurdiu esta oportunidade?

Respuesta. Foi no mes de setembro cando nos chegou dende Dearte de Medinaceli, Soria, a convocatoria coas bases do concurso. Ao ser eu a mestra da materia, o centro fíxoma chegar e aproveitando que daba comezo o curso decidín plantexalo. E mira ti…

P. Que lles pedían para poder participar?

R. Tiñamos que interpretar unha peza da obra obrigada, gravala en vídeo e enviala no mes de decembro. O tribunal do concurso fixo a súa selección e, en xaneiro, comunicáronnos que somos finalistas coa Orquestra do Conservatorio de Torrelavega, en Cantabria, e o Centro Integrado Padre Martín Soler de El Escorial, Madrid.

No vídeo, a Orquesta do Conservatorio Profesional de Música de Ourense interpreta un arreglo de "America" do musical "West Side Story" de Leonard Bernstein durante un concierto celebrado en maio do 2024 no auditorio "Martín Códax" do Conservatorio Superior de Música de Vigo.

P. Como está composta a formación?

R. Somos ao redor de 57 persoas, de entre 12 e 22 anos unidos por un mesmo fin. Cada un deles aporta o mellor que sabe facer, tendo en conta os anos que os separan de formación, para lograr a mellor interpretación.

P. Como se sentiu a orquestra cando lles deu a boa nova?

R. Confeso que os fixen rabear un chisco… (risas). Foi a volta do Nadal e eu xa lles dixera que non se fixeran moitas ilusións que ían participar orquestras de toda España, todas ían dar o mellor de si e que era complicado ser elexidos. Con todo, que non se preocupasen que eu esta moi orgullosa deles porque, realmente, como se di coloquialmente “deron o callo”. E con ese xogo do complicado que era que saisen elexicos, cando nos comunicaron que eramos finalistas, a principios de xaneiro, alarguei o momento de decirllo. Eles síntense moi orgullosos e ven que o seu traballo se ve recompensado. E por alguén alleo á súa contorna que sempre parece que é máis. E, sobre todo, motivaoos a seguir traballando.

P. E vostede persoalmente?

R. Como docente é un orgullo, pero síntome moi feliz sobre todo por eles. Eu ao final fago o meu traballo e sempre tentarei buscar o mellor para eles, pero é unha satisfacción darlles esa alegría. Canto máis neste caso que se esforzaron tanto. Na miña cabeza están sobre todo eles, a súa alegría e a motivación que lles supón.

Orquestra de Grao Profesional do Conservatorio Profesional de Música de Ourense.
Orquestra de Grao Profesional do Conservatorio Profesional de Música de Ourense. | Cedida a La Región

P. De cara a data da final, como se preparan?

R. A final será o día 18 de abril en Medinaceli, Soria, e de momento estamos con clases normais, traballando as pezas do concurso. Unha delas é obrigada e outra é libre. O que non quita que, de ser preciso, según se achegue a data teñamos que facer un esforzo extra e intensificar os ensaios. E na semana mesma do concurso, a idea é facer un concerto no conservatorio a modo de rodaxe.

P. Cales son as expectativas?

R. Tocar e pasalo ben ante todo. Levar o traballo o mellor feito posible, desfrutar do momento e vivir esta experiencia que de seguro que nos quedará a todos gravada.

P. Para coñecela un chisco máis a vostede, como foron os seus inicios no mundo da música?

R. O típico, cando eres cativa e andas na búsqueda de actividades extraescolares. En Ponteareas había, e hai, un conservatorio municipal que naquel momento acababa de abrir. Alí ían os meus primos - que por certo todos fixeron carreira musical- así que alá fomos todos. E foi algo que nos enganchou dende o momento un e desde que entrei alí sentín que era a miña casa e o lugar onde quería estar.

Durante ensaios no conservatorio.
Durante ensaios no conservatorio. | Cedida a La Región

P. Houbo algún motivo que a levase cara o violín?

R. Daquela comezábase con 8 anos e tiñamos dous anos de teoría musical. Unha marxe que che servía para elexir porque instrumento decantarse (ou que o instrumento te elixise a ti) e por algún motivo sempre me atraeu o violín. Miña nai cóntame que cando vía na televisión a alguén tocandoo, xa imitaba a forma de collelo (risas).

P. Neses anos de formación, que foi o que a levou a converterse en profesional da música?

R. Primeiro, vin que a cousa non se me daba mal (risas). E o ambiente do conservatorio é un ambiente moi especial. Tamén hoxe en día. Como docentes temos o privilexio de ter un alumnado moi especial, rapaces moi sanos e disciplinados. Non sei ben se é algo que xa ben deles ou que o conservatorio axudo. Supoño que é unha suma das dúas cousas. Fas moi boas amistades con xente que comparte os teus mesmos problemas, os teus agobios cos horarios, colexio, exames, conservatorio… e crease un vínculo. E se a iso lle unimos que facer música en conxunto é unha actividade que engancha a calquera, foime levando paseniño a paseniño ata que tiven que decidir a miña carreira profesional. Así que chegou o selectivo, e como naquel momento, polo antiguo plan de estudos, aínda tiña pendente un curso máis do conservatorio, metinme na carreira de Traducción e Interpretación. Pero tan pronto pasou un ano e rematei a formación no conservatorio, non o dubidei e fun facer o Grado Superior a Vigo.

P. E deseguida se fixo mestra.

R. Foi un pouco froito da casualidade. Unha vez que rematas a formación podes entrar nunha orquestra, en bandas, opositar e ser mestra… e xusto dous anos despois de que finalizase os meus estudos convocaronse oposicións, aprobei, e aquí estou. Xa non tiven que pensar máis (risas).

“A disciplina que se obtén coa música é extrapolable ao día a día. E iso nótase nos rapaces do conservatorio”

P. E non lle queda a “espiniña” de tocar nunha orquestra?

R. Non, porque si toco en orquestra, pero non de xeito profesional. E o importante é facer música onde sexa. Afortunadamente podo compaxinar a docencia coa miña participación en orquestras. Levo ao redor de 25 anos na Orquestra de Vigo e, tamén colaboro con algunha más.

P. Fálenos dese percorrido musical.

R. Estiven na Orquestra Xoven da Sinfónica de Galicia, na Xove Orquestra Xoven de España, levo toda a vida como concertina na Orquestra de Vigo e tamén participei noutras de xeito puntual.

Outro ensaio baixo a súa dirección.
Outro ensaio baixo a súa dirección. | Cedida a La Región

P. Como é o día a día dunha docente de música?

R. No meu caso, como profesora de violín, como os demais profesores de instrumento, traballamos fundamentalmente polas tardes. Date conta que pola mañá, o alumnado que temos, dos 8 aos 18 anos, teñen a súa actividade lectiva regrada. Con cada un deles teño unha hora semanal, que se suma as clases colectivas que non imparto eu. Con esta clase tan personalizada a parte bonita é que o trato é moi individualizado. Se tes un alumno que colles con 8 anos e estas con el ata os 18, o vínculo que se establece entre o persoal e o musical é tan bonito. Ao igual que velos medrar en ambos eidos. Creo que nese senso somos uns privilexiados.

P. Considera a formación pedagóxica de base en música suficiente?

R. A música, sendo na antigüidade un dos piares básicos do coñecemento xunto coas matemáticas, a día de hoxe foise relegando a un segundo plano. E iso nótase.

P. Segue habendo interese na mocidade pola música?

R. Si, pero claro estou falando desde a miña posición como mestra de conservatorio. Con todo teño que recoñecer que aos rapaces de hoxe en día, nun mundo con tantas distracións, costalles manter a atención moito tempo. O que conleva que nós, como docentes, teñamos que modificar as nosas pautas de ensino para tentar manter ese interese e que lle saquen o máximo proveito. Con todo, creo que é algo que pasa a nivel xeral.

P. Con todo, os beneficios da música están máis que demostrados. Que me diría vostede diste aspecto?

R. Temos un alumnado marabilloso, e unha materia como orquestra é como unha sociedade en pequeniño. Hai un grupo humano, moi diverso, que no meu caso abrangue idades que van desde os 12 aos 18 anos, máis ou menos. Todos eses rapaces están metidos nunha sala, dúas horas, un mércores pola tarde, xa cansos do día a día e das súas cousas, convivindo, facendo música xuntos e aprendendo a respetar turnos. Aprendendo a escoitarse. Discernindo do que estou aportando eu e cando teño que estar calado. Baixo o mando dun director ou directora, pero todos a unha. Iso é unha disciplina e é extrapolable a toda a sociedade. Dache unhas claves moi importantes para a vida. Adamais, ao final eses tempos e afición compartida fai que crees grandes amigos que perduran no tempo.

P. Cal diría que é a saúde do Conservatorio de Ourense na actualidade?

R. Por fortuna, tras os anos da pandemia onde se resentiu moito, moitísimo, o número de alumnos. Naquel momento estábamos moi ben, pero ese parón supuxo un gran batacazo para todos os conservatorios en xeral. Costou revertir esa situación, pero pouco a pouco estamos volvendo a realidade prepandémica.

P. A modo de final, para vostede a música é…

R. Todo. Sen máis. É a miña vida, sinceramente. Non podo pensalo doutro xeito.

Coa venia

Pregunta. Un instrumento.

Respuesta. - O violín, por suposto. Pero tamén o fagot.

P. Un músico ao que admire.

R. - Beethoven. De aí non me baixo (risas).

P. Un disco.

R. - Moitos. Máis que un disco en concreto, as interpretacións gravadas dalgunha obra en concreto.

P. Na súa casa soa…

R. - Música clásica.

P. Un lugar onde lle gustaría tocar.

R. - Sempre é un soño tocar en grandes auditorios, como o Auditorio Nacional de Madrid, aínda que xa estiven.

P. Unha película.

R. - “Gatacca”, de Andrew Niccol.

P. Un recordo da súa nenez.

R. - Os meus pais traballando a reo para que puidese facer o Conservatorio. Levándome adiante e atrás por todas partes para que o lograse. Teño moi presente ese sacrificio.

P. De pequena quería ser…

R. - Sempre me tirou a docencia. Lembro xogar coas bonecas dándolle clase (risas).

P. Cando se mira ao espello, ve…

R. - Unha muller responsable, traballadora e orgullosa do que vai facendo.

P. Unha manía.

R. - A puntualidade.

P. Un defecto.

R. - As veces son algo marimandona e estou moito encima dos demais. Polo seu ben, pero igual debería levantar algo a man.

P. Unha virtude.

R. A puntualidade e a responsabilidade.

P. Unha viaxe pendente.

R. Preciso volver a Roma.

P. Un lugar para perderse.

R. Galicia. En xeral.

P. Perde a calma con…

R. A impuntualidade e a falta de responsabilidade dos demais.

P. Recobra a calma perdida con…

R. Coa música e na miña casa cos meus.

P. Un vicio confesable.

R. Non son moi viciosa… pero o chocolate pírrame.

P. Un soño.

R. Chegar a dirixir unha gran orquestra.

Contenido patrocinado

stats