Os segredos da Lagoa da Antela contados por Pepe Gándara
ENTREVISTA
O Centro de Interpretación da Lagoa da Antela está sendo un referente para descubrir o pasado, presente, e tamén o futuro do Complexo Húmido Limia/Antela. Unha lagoa que era a terceira máis importante da Península, tras Doñana e a Albufeira. E dicimos era porque a súa desecación e posterior concentración parcelaria supuxo un antes e un despois para toda a comarca. Para descubrir as pegadas da historia máis antiga, remontándonos ao Neolítico, ata o día de hoxe e o futuro, así como a súa riqueza de flora, fauna, toponimia, profesións derivadas deste espazo, economías perdidas da Lagoa… que xiraba en torno a ela, é imprescindible unha visita guiada da man de Pepe Gándara, coordinador do Centro de Interpretación e un amante confeso dun espazo que é o seu fogar.
Para ubicarnos, que é o Centro de Interpretación da Lagoa da Antela e cal é a súa finalidade?
Foi ao redor do 2008 cando, co apoio do programa de fondos europeos Leader, se reconverteu unha casa tradicional galega no que é hoxe en día o Centro de Interpretación. A idea da posta en marcha deste espazo naceu coa finalidade de divulgar, investigar e ter un firme compromiso de defensa do medio ambiente. De entre estos tres piares destaca, ante todo, a divulgación. Divulgar “con-ciencia”, é decir con conciencia e a través da ciencia. Outro dos alicerces é a nosa responsabilidade militante de axudar e colaborar con todas aquelas accións e causas que se fagan a prol do Complexo Húmido Limia/Antela. No que atinxe á investigación, a que levamos a cabo non é moi extensa debido as nosas posibilidades pero buscamos todas as posibilidades de transferencia de coñecemento con profesionais e asociacións científicas que nos axuden a mellorar o noso discurso e relato didáctico nas visitas guiadas.
Cando o visitante cruza as portas do espacio físico, que se atopa?
Adéntrase de cheo no pasado, presente, e tamén futuro, da Lagoa da Antela e toda a súa contorna. Así, o que era a planta baixa da vivenda acolle a recepción, unha sala audiovisual, unha biblioteca de libros e artigos de investigación e divulgación referidos á Lagoa da Antela e imaxes cunha das barcas típicas nas que se movían os veciños pola Lagoa presidindo a sala. Hai outra sala dedicada á memoria etnográfica e toponímica da zona, unha terceira dedicada ás economías perdidas da Lagoa de Antela e un corredor con murais vinculados á xeografía mitica da Lagoa de Antela. No segundo andar, mediante imaxes, textos e apoio audivisual que facilita unha museística flexible e actualizada, incluso cun pequeno espazo de xogos interactivos para os cativos, os visitantes poden descubrir toda a riqueza da flora e fauna da Lagoa da Antela.
A mellor forma de descubrir este espazo é da man dunha visita guiada.
Nos últimos tempos temos un gran número de visitantes de todas as idades que veñen desde diferentes puntos. Desde Institutos de Secundaria, a Ciclos Superiores de Formación Profesional de ramas de Forestal, Agraria e Medio Ambiente, pasando por Colexios ou visitas familiares. E nós adaptamos o discurso a cada grupo. Así, ofrecemos unha introducción que os sitúe no marco, con recursos audiovisuais sobre a Lagoa e o patrimonio social de Sandiás, e as areeiras en particular. Falamos tamén da xeografía física e humana da Lagoa, a dinámica natural da Lagoa -como se creou-, de onde proveñen as augas da Lagoa, as terras, os pobos e a súa toponimia, a mitoloxía da Lagoa -o que hai baixo as augas como a Cidade de Antioquía, a princesa Rá, os cabaleiros do Rei Arthur convertidos en mosquitos…-, a acción do ser humano dende o neolítico ata hoxe, os novos proxectos de recuperación…
Na historia é preciso destacar dous fitos que marcaron un antes e un despois irrefutábel.
Certo. O primeiro foi o proceso de desecación da Lagoa no ano 58, e, o segundo, a concentración parcelaria. Tanto un proceso como o outro o explicamos con detalle nas visitas guiadas porque supuxo unha transformación total da paisaxe.
Paralelamente están as Areeiras de Sandiás, que son exactamente?
É un espazo de traballo de diferentes empresas de extracción de area para diferentes fins. Esto supón un dinamizador da economía e a creación de emprego local que tamén sirve para fixar poboación. Estas explotacións crean cráteres que, coa intervención humana, vanse renaturalizando e convertendo en ecosistemas nos que xurde a flora e fauna, xerando unha rica biodiversidade.
Etnográficamente, aínda que deslocalizados, están as reconstrucións dun palafito e unha casa de terróns destinados a ser observatorios de aves. O Palafito que reproduce as hipotéticas vivendas dos antigos habitantes da lagoa, feito con colmo ou cuberta de beón, espadañas e canas de salgueiro nos laterias e que se ubicarían sobre as augas da Lagoa. E o segundo, feito de terróns ou “felpas” extraidos das zonas das veigas. Segado o beón, marcaban no terreo as liñas coas dimensións dos terróns. As raíces (rizomas) das plantas segadas eran usadas como armadura dos bloques de terra. Aínda están presentes en algunhas casas e palleiras de aldeas do concello.
Destaca a riqueza ornitolóxica deste espazo que atrae a xente de todo o mundo.
Sorprenderíaste da cantidade de xente que ven de Inglaterra, Alemaña e incluso Nova Zelanda a pasar días para descubrir as aves que temos na Lagoa. Desde ornitólogos experimentados e profesionais a “paxareiros” afeccionados.
Unha vez descuberto este espazo, que levan consigo os visitantes?
Gozan moito da experiencia. Pola súa tranquilidade, os sendeiros, as aves, a flora, os minifundios da auga… E sorpréndese. E, sendo sincero, teño que mencionar que tamén hai queixas de porque non se traballa máis nisto e na súa recuperación, na mellora da sinalización e renovación de paneis, limpeza e mantemento, pero todo se andará. Ou iso agardamos.
Nese futuro do que nos fala, supoño que terán unha manchea de desafíos.
O primeiro é aprobar o Proxecto sectorial das Areeiras para regular as explotación e a protección o medio natural, mantendo o equilibrio entre a economía e a ecoloxía. Este proxecto marco ofrecería novas posibilidades a este espazo.
O segundo, loitar para que xestione o tratamento da tecnoloxía industrial obsoleta, deixen de botar neste espazo entullo de obra, lixo menor… que aínda que pareza mentira, seguen aparecendo moitos restos. Esto, máis alá do papel das institucións , é un tema de concienciación ambiental individual. Parece mentira que nestes tempos aínda haxa xente que deixe refugallos en calquera sitio cando contamos con puntos limpos estáticos e móviles de recollida de voluminosos e restos de obra, de balde, en todas partes.
E, concretamente, de cara a recuperación da Lagoa da Antela?
Iso só o sabe o Galo da Antioquía asolagada que canta na noite de San Xoán… (risas) (en relación a unha das lendas sobre a orixe da Lagoa da Antela) así que non sabemos o que nos depara o futuro. O que si sabemos é que España incluíuno no Plan Estratéxico de Recuperación de Humedais a 2030, cos humidais de La Janda (Cádiz) e La Nava (Palencia) posto en marcha polo Ministerio para la Transición Ecológica y Reto Demográfico (Miteco). Con anterioridade a esta proposta do Miteco aínda que xa houbera iniciativas para a súa recuperación por parte da Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN), da Asociación de Amigos de la Laguna de la Janda, e a Asociación de Naturalistas Palentinos que expuxeron a necesidade de recuperar as lagoas desecadas. Unha iniciativa coa que se busca recuperar os humedais perdidos revertindo a situación de degración que tiñan, e que ten que comezar antes do 2030. Paralelamente tamén había unha proposta de control de especies invasoras e intervir na calidade da auga…
Persoalmente recordo a proposta de Serafín González, presidente da SGHN: “Das 4.000 hectáreas desecadas, máis de 1.000 hectáresas eran de utilidade pública que logo foron desecadas. Devandito espazo ocupaba a parte máis permanente da auga na lagoa. Aínda despois da súa desecación, no inverno segue asulagándose. O máis sensato sería chegar a acordos compensatorios cos propietarios deses terreos e comezar a recuperar por esta zona a lagoa, aínda que non se recupere na súa totalidade”.
Hoxe é domingo, día de lecer. Que plan nos ofrece para descubrir a Lagoa da Antela e as Areeiras?
Compre vir con tempo para achegarse ao Centro de Interpretación que permite a través dunha visita guiada e un relato actualizado dispor dunha visión integral deste complexo húmido e, unha vez obtidos os datos esenciais, ir ata o humidal artificial das Areeiras ou visitar a Lagoa natural de Antela. É un espazo que convida a camiñar ou percorer en bicicleta. Sós, con amigos ou en familia. Tomarse o paseo con tranquilidade para observar as aves -existe unha ruta sinalizada-, a flora e a fauna que temos. Desfura. Tamén compre sacar un chisco de tempo para achegarse ata a Torre do Castro e disfrutar da panorámica que obtemos da fosa da Limia e da lámina de auga da antiga Lagoa de Antela-. Un bo guión pódese sacar da web do concello e do Xeodestino da Limia , e seguirnos nas redes sociais. E visitar o que foi a Lagoa da Antela natural, como o Humidal Antonio Vilariño na Veiga de Trasmiras, e a Veiga de Gomareite, ou a de Ponte Liñares, ou as ubicadas na zona da Saínza. Estas todas representan a paisaxe máis orixinaria do que foi a primitiva Lagoa da Antela.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
MODELO DE CUIDADO INTEGRAL
Clínica Aurien Salud, especialistas en trabajar la salud preventiva de forma coordinada
ESPACIO PARA DESCONECTAR
Café Bar Charlotte, un ambiente acogedor que invita a pasar y disfrutar
DEDICACIÓN E COMPROMISO
Enoc xubílase tras 36 anos no Centro Penitenciario de Ourense como xefe de Gabinete de Dirección
Lo último
Miguel Michinel
TINTA DE VERANO
El tranvía
Luís Celeiro
TÍA MANUELA
A grandeza dos líderes
"MEJOR MOMENTO"
Raquelilla, jugadora del Ontime: “Está siendo mi mejor año”