Os segredos do Museo do Papel contados por Xosé Lois Sobroso

EN CONFIANZA

A carón do río Arenteiro, na parroquia de Santa Mariña de Longoseiros, Carballiño, ubícase a que fora unha das fábricas de papel máis importantes de Galicia no século XIX: A Lavandeira. Un espazo que nos vindeiros meses abrirá as súas portas reconvertido no Museo do Papel, recollendo unha parte da historia da comarca de gran interese social e cultural. Unha viaxe no tempo para os visitantes que, a través da recuperación modélica do edificio, dos obxectos relaccionados co traballo de fabricación de papel, dos paneis informativos e documentos históricos, descubrirán algún dos segredos que alberga. Outros quedarán gardados entre as pedras e no murmurio do río para a eternidade.

Publicado: 06 abr 2025 - 08:00 Actualizado: 06 abr 2025 - 14:01
Xosé Lois Sobroso no Museo do Papel.
Xosé Lois Sobroso no Museo do Papel. | JOSÉ PAZ.

A visita privada ao Museo do Papel da man de Xosé Lois Sobrado, uns meses antes de que abra as súas portas, é todo un agasallo. Polo fermoso espazo, o día solleiro, o son do discorrer do Arenteiro como acompañante e, por suposto -e ante todo-, pola paixón e ilusión coa que o noso particular guía nos fala deste proxecto. Un proxecto que tras moito traballo, investigación e insistencia, axiña se verá materializado coa súa apertura.

A idea da recuperación da Fábrica do Papel para a súa musealización foi unha teima do actual rexedor do Carballiño e doutor en Xeografía, Francisco Xosé Fumega Piñeiro, á que axiña se uniron Juan Manuel Rodríguez Rodríguez e Xosé Lois Sobrado, ambos historiadores, hai xa ao redor de 25 anos, cando se deron os primeiros pasos na creación do Parque Etnográfico do Arenteiro. Para facer realidade este ambicioso proxecto, hai tras el un intenso traballo de investigación, recollida de testemuñas, recuperación de obxectos, recreacións, deseño do espazo -encargado ao arquitecto veciño da localidade Manuel Gallego Jorreto-… que precisou do seu tempo para que o resultado fose o máis fidedigno, completo e didáctico posible.

Outra das prensas e espazo para o recorte.
Outra das prensas e espazo para o recorte. | JOSÉ PAZ.

Para coñecer a Fábrica de Papel da Lavandeira é preciso afondar na súa historia que nos leva a falar de tres fábricas máis sitas nos arredores, e co río Arenteiro como eixe vertebrador: unha en Bouteiro; outra en Lousado, Piñor, e, unha terceira, ubicada nun afluente do mesmo, en Astureses, Boborás. “A situación destas catro fábricas tan próximas non é casual, senón que responde a un motivo xeográfico. Á hora de erguer unha fábrica de papel buscaban ríos que tivesen un caudal regular ao longo do ano, e o río Arenteiro cumpría este requisito”, comenta Xosé Lois Sobrado.

No caso da fábrica da Lavandeira influíu determinadamente “un motivo capitalista. En orixe, a fábrica da Lavandeira foi levantada por unha das familias máis poderosas de Santiago, De la Riva, cuxa filla casou cun Taboada, veciño da comarca. Esa fábrica foi arrendada, ao redor de 1844, a Juan Bernardo Fernández veciño de Carballiño -que logo proseguiu seu fillo Valentín- quen, cun grande orzamento de capital, deulle o pulo definitivo que a converteu nun referente en Galicia”.

Tina para mesturar a pasta con cola e posterior prensado.
Tina para mesturar a pasta con cola e posterior prensado. | JOSÉ PAZ.

En 1896 o vigués Ramón Laforet, contratista do alumeado público da vila do Arenteiro, “mercou estas instalación coa idea de producir electricidade nelas. De feito aínda quedan os restos da ubicación da turbina hidráulica coa que a vila de Carballiño tivo por primeira vez luz. Tan só tres meses despois que na cidade de Ourense”.

Ubicada históricamente, nesta privilexiada visita percorremos unha a unha cada unha das dependencias para afondar no traballo da fábrica. “Poderíamos dividir cinco espazos diferenciados: selección e clasificación de trapo, muíño dos mazos, casa das tinas, sequeiro e bruñido e, finalmente, a preparación”. A casa máis alonxada do edificio da fábrica en si, é o lugar onde se recollía o trapo. “Para facer papel, antes non se empregaba para nada a madeira, senón que se facía a través de teas. Daquela non había tanto material sintético como agora, era todo tecido natural”. Para conseguir eses tecidos, “había unha rede de trapeiros ou farrapeiros que se adicaban a ir aldea por aldea mercando, ou trocando ao peso, trapos vellos. Non só chegaban da comarca, senón que ían ata Lalín, A Estrada, Silleda… Temos varios deles localizados documentados, e Maside era un dos lugares onde abondaban os tratantes de trapo”.

Caldeira na que se elaboraba a cola.
Caldeira na que se elaboraba a cola. | JOSÉ PAZ.

Unha vez recibido o trapo, “as traballadoras, e digo traballadoras porque eran todas mulleres, cunha coitela quitaban algún botón que puidese haber, desfacían costuras… e clasificaban a tela en fina, entrefina e ordinaria. Os desfeitos, eran destinados a facer papel de estraza”. O seguinte paso era botar as teas esnaquizadas nos podredoiros, unhas pozas en pedra con pouca luz e auga onde o trapo fermentaba e podrecía de xeito natural”.

Se damos uns pasos para seguir para seguir descubrindo o proceso de elaboración de papel, chegamos ao lugar no que cinco rodas xiraban pola acción da auga e que, a súa vez, puñan en funcionamento tres grandes mazos -o forte, o medio e o floxo- con catro afiados dentes para mazar en candansúa pía a tea. “O ritmo dos mazos está calculado en 40 golpes por minuto. Nas dúas primeiras pías seguías co desenfiado, cando o Gobernador do muíño consideraba que estaba ben traballado, pasaba ás dúas seguintes, onde tiña lugar o afinado, e, na quinta, a disolución. Ao final do acueducto, a auga caía por riba dunha sexta roda que puña en funcionamento o mazo do satinado. Cando non tiña fíos nin grumos, dábase por rematado o proceso para a preparación final do papel. Así é como os trapos xa estaban convertidos nunha pasta”. Dende aquí, era subida mediante unha roldana ao obrador para comezar o seu proceso industrial. “

Prensa e lugar de  traballo para o recorte do papel.
Prensa e lugar de traballo para o recorte do papel. | JOSÉ PAZ.

Antes de adentrarnos no edificio principal, é preciso marcar outro dos puntos de interese esenciais nunha fábrica de papel: o Taller de Cola, que se ubicaba no exterior das dependencias principais “debido a que se empregaba lume e así evitábanse riscos innecesarios”, era o lugar onde se elaboraba a cola coa que xunguir a pasta. Para facela, “depositábase sebo, coiro, ósos… de bovino nunha cesta superior que se sumerxía nunha caldeira de cobre de gran tamaño asentada nunha estructura de pedra para manter o calor. Alí cociánse durante 4-5 horas ata que se desfacían. Coabase a pasábase a outra caldeira para o seu uso final. Cola feita de xeito totalmente natural e a partir dun máximo aproveitamento”.

Unha vez que a pasta subira pola roldana que comunicaba co exterior, metíase nun gran recipiente onde se remexía mesturada coa cola. “De aí pásase aos bastidores de onde xa se sacan as láminas de papel para prensalas cunha felpa entre unha e outra para evitar que se peguen. Tras estiralas no banco, van a unha prensa pequena e o seguinte paso é recortalas”.

“Era un traballo moi duro de 14 horas diarias sete días á semana. Só descansaban para comer un bocadillo e ir á misa. Nos documentos que temos aparace tamén moita da xente que faleceu na fábrica, por accidente ou por enfermedades derivadas do proceso de elaboración do papel. Tamén cabe destacar que era un traballo que realizaban as mulleres, quitando aqueles que requerían de máis forza. Nesta fábrica chegaron a estar empregadas máis de 100 mulleres”.

Sequeiros do papel.
Sequeiros do papel. | JOSÉ PAZ.

Un traballo que aínda debía pasar polos sequeiros antes de saír das dependencias. “Uns grandes tendais onde se puña a secar cada folla cun sistema natural no que as ventás sen cristal deixaban que o aire fixese o seu traballo”. Unha vez secas, eran vendidas ao peso e saían en carretas “coa súa maculatura que era a marca de cada fábrica. Na cristalera do edificio nós colocamos catro mostras orixinais”.

“Deste papel? Ía para toda Galicia, pero principalmente para Pontevedra. Os Diarios Oficiais de Pontevedra que teñas nas túas mans, entre os anos 1850-1860 sairon desta fábrica. E tamén moitos Libros de Fábrica, que son os que empregaba a igrexa”.

Nesta recuperación do espazo, levada a cabo polo arquitecto Manuel Gallego Jorreto, natural de Carballiño e dúas veces Premio Nacional de Arquitectura, o máximo respeto do entorno, e o emprego de madeiras nobres convidan a deixarse levar e descubrir, panel a panel, imaxe a imaxe, vitrina a vitrina, ferramenta a ferramenta, como era ese traballo artesán de acadar unha páxina de papel. Ademais inclúe unha sala para conferencias ou presentacións, e está prevista a ubicación dunha aula didáctica para que os cativos aprendan a facer papel.

A uns meses da súa apertura, auguramos que acabará sendo un referente e atractivo turístico máis para Carballiño e a súa comarca. Tanto é así que Xosé Lois Sobrado comenta, en tono desenfadado, que de momento o que din que é o mellor museo deste eido é o Museo Molino Papelero de Capellades, en Barcelona, pero “en canto este abra, de seguro que o desbancamos”. E é que temos unha riqueza para presumir. Nós os primeiros.

Contenido patrocinado

stats