Taboadela, onde a vida se fai teatro

PORTADA DEL SUPLEMENTO VIDA

A Escola de Teatro de Taboadela, nada a finais de 2020 para dinamizar a vida cultural do municipio, vive un gran momento. A iniciativa, caracterizada polo seu enfoque interxeneracional e inclusivo no que teñen cabida persoas de todos os perfís e capacidades, combina o proceso creativo conxunto co compoñente terapéutico do teatro liderados polo director do grupo, David Vázquez. Tras converterse no grupo máis galardoado na última edición dos Premios Feteagal Manuel Lourenzo e sumalo a distincións de ámbito nacional, a formación afronta a nova tempada preparando novas montaxes e actividades comunitarias ó tempo que afianzan os lazos entre os membros da compañía.

A Escola de Teatro de Taboadela
A Escola de Teatro de Taboadela | Cedida

Pregunta. Como naceu a Escola de Teatro de Taboadela?

Respuesta. Naceu en outubro de 2020. E nace un pouco pola necesidade de crear tecido cultural en Taboadela. Eu viña tamén doutro grupo de teatro de Ourense e sempre estiven ligado a Taboadela, porque son de aquí. Entón propúxenllo ao grupo de goberno que entrou no 2019, pareceulles moi ben, e botamos a andar coa Escola de Teatro. Non somos unha entidade directa do Concello pero si que temos relacións porque nos facilitan un lugar onde gardar as cousas, onde ensaiar e onde poder reunírmonos.

P. Fostes valentes de empezar no 2020, en plena pandemia...

R. Si, a verdade é que si. Ademais pódoche dicir que eu e Valentín, que é o vicepresidente da asociación, tiñamos aí esa espiña cravada de facer algo en Taboadela. E dixemos: “É un momento complicado, si, pero arrancamos”. E comezamos con obradoiros de formación que os impartía eu. Empezamos cinco persoas, chegamos a ser 20 e agora somos 14.

P. Xa sodes un número xeitoso para facer producións.

R. Si, totalmente. E ademais este ano queremos poñer en marcha o grupo infantil. Imos iniciar as inscricións, pero a reunión previa vai ser o día 13 de outubro. Queremos poñelo en marcha se conseguimos 4 ou 5 nenos de entre 6 e 12 ou 14 anos, de Taboadela ou non de Taboadela, pero que lles apeteza vir facer teatro aquí. Porque nós xa traballamos con nenos. De feito, un dos fundadores era un neno, que naquel momento tiña seis anos e agora xa é case un adolescente. Pero como non había máis crianzas nin da súa idade nin de idades similares, non podiamos facer un grupo infantil só con un neno. Entón integrámolo sempre nas nosas montaxes, nas nosas viaxes e na nosa vida. Convivía un neno de seis anos cunha persoa maior de 80, por exemplo, e iso foi marabilloso.

Participan actores de tódalas idades.
Participan actores de tódalas idades.

P. Tedes un perfil de participantes?

R. Nada, nada. Todo o mundo é ben recibido, quen queira. Hai xente que está estudando, outra que está traballando, hai xente con discapacidade, con mobilidade reducida, temos persoas xubiladas... Hai de todo.

P. E como foi a resposta dos veciños de Taboadela, tanto na participación como na recepción do grupo?

R. Na recepción do grupo foi marabillosa, creo que a mellor resposta que se pode ter. Na participación, fixemos pé con xente de Ourense que estaba interesada en vir. Como dixen antes, eu xa estaba nun grupo de Ourense, entón compañeiros que se quedaron un pouco orfos na pandemia, sen grupos ou sen actividades teatrais, viñeron para aquí e agora continúan, por suposto. Axudámonos de xente de fóra de Taboadela que seguen vindo. Pero danos igual de onde sexas, coma se es da Rúa ou de Valdeorras, con tal de que queiras facer teatro, aquí es ben recibido. E a resposta dos veciños foi marabillosa. En principio non iamos facer nada público ese primeiro ano, pero eu pensei: “E por que non unha obriña pequena, así de catro ou cinco personaxes, que eran as persoas que máis ou menos estabamos naquel momento?”. A raíz diso, xunto con Valentín que me dixo: “Podes facer algo da aldea, algo rural, algo dos marcos, por exemplo”, xurdiu unha idea moi curta. En principio quería que durase media hora, e ao final durou unha hora. Esa obra estreámola na Semana Cultural de Taboadela do 2021 e a verdade é que foi extraordinario, coa praza chea, tivemos moitísimo público, felicitacións... E esa primeira obra é a que máis representamos na nosa historia.

P. E cal era?

R. “Os marcos da vida”. Escrita e dirixida por min. De feito, vén de gañar nos premios no Feteagal Manuel Lourenzo ao mellor espectáculo costumista.

P. E como é ese proceso creativo? Porque agora estaredes facendo polo menos un espectáculo anual…

R. Si, máis ou menos un anual. Houbo un ano que fixemos dous, pero iso foi un atrevemento moi grande! En canto ao proceso creativo..., eu escribo, desenvolvo a idea e demais, pero gústame axudarme da xente do grupo, quero facelos partícipes. Entón eu ao mellor lanzo a idea e digo: “Mirade, temos esta idea; por exemplo, imos falar dos marcos, do rural galego, das historias persoais, do amor, do non amor...”. Un pouco de todo. E xa sexa en medio do grupo, nunha mesa redonda ou cunha improvisación, eles vanme axudando. Dunha improvisación pode saír unha escena que queda superchula no guión, e eu trabálloo, adáptoo e métoo finalmente na obra. É dicir, eu podo escribir, plasmalo todo no papel e darlle forma, pero gústame que todos participem nese proceso creativo.

P. Como foi a evolución dos actores?

R. Moi boa, a verdade. No caso particular do neno ou o dunha persoa que entrou no segundo ano que ao principio era un pouco tímida, á que lle custaba interactuar ou mirar ao público de fronte e dicir as cousas. Agora é unha pasada! O neno sálvanos de situacións incribles, toma a iniciativa na escena se ve que alguén se esqueceu do seu papel ou o que sexa, sabe como traernos de novo á escena e á realidade, interactúa co público... está superdesenvolvido. E a outra persoa, que empezou un pouco tímida, agora xa é un protagonista e está xenial. Ou sexa que a evolución si que se nota.

P. E cal dirías que son os beneficios do teatro?

R. Como comentaba, temos xente xubilada, con discapacidades ou con mobilidade reducida. Eu intento adaptar todo, tanto o físico como o mental, ao contrario do teatro profesional onde tes que estar nun estado concreto, adapto todo para facerlles a vida cómoda aos actores e ás actrices, e intentamos sempre ser un refuxio. Non todo é reunirse, chapar o guión e ensaiar. Ao mellor un día hai unha persoa que necesita falar porque tivo un mal día e simplemente precisa compañía; ou despois de ensaiar vas tomar unha cervexa, ou quedas alí no local tomando unha auga, falando... Ten ese compoñente terapéutico de pertencer a un grupo cómodo e seguro onde podes expresar como foi o teu día, as túas semanas ou se tes algún problema. Xa che digo, temos xente con moitísimos problemas que está moi agradecida.

P. E vindes de conseguir varios recoñecementos a nivel teatral.

R. Si, vimos da gala dos Premios Feteagal Manuel Lourenzo de ser o grupo máis laureado da gala, o grupo galego máis galardoado nesta ocasión. Vimos de rescatar varios recoñecementos, tres deles por unha obra que está tendo unha acollida espectacular que gañou o Xuventude Crea, o Premio Nacional Estela Matér Juan Mayorga, que é o premio máis importante a nivel de teatro afeccionado de España, na sección de Mellor Espectáculo nunha lingua diferente ao castelán, e agora gañou tres premios máis no Feteagal Manuel Lourenzo, como son Mellor Dirección, Mellor Guión Adaptado e Mellor Vestiario. A verdade é que supón esa alegría e esa euforia do momento que che dan folgos para pensar que non o estaremos facendo tan mal, así que imos continuar, imos seguir apostando por este traballo, por esta entrega e por esta dedicación.

“Escandalo’s Club”.
“Escandalo’s Club”.

P. Pero tamén vos pon agora o listón máis alto.

R. Tamén. Pero sempre son da opinión de que non ten por que ser o ano seguinte; pode ser dentro de cinco ou de seis. Somos capaces de facelo, e traballando en equipo, traballando en grupo e facendo as cousas ben, con cariño e con calma, as cousas saen.

P. Cales son os proxectos para este curso?

R. A ambición máis grande é poñer o teatro infantil en marcha. Creo que para os cativos e cativas facer teatro pódelles vir moi ben para relacionarse e interactuar. Así, cando chegan á ESO ou á universidade, para expoñer traballos ou falar en público, vai de marabilla para perder a vergoña. É realmente unha aprendizaxe para a vida real. Hai xente moi tímida e vergoñenta que sobe a un escenario e transfórmase, e aí pode dicir o que sexa e falar do que sexa sen vergoña ningunha. Entón, o proxecto principal é poñer en marcha o teatro infantil e máis cousiñas. Estamos preparando xa unha nova montaxe para empezar antes de Nadal cos ensaios, aínda no proceso creativo. E cousas que vaian xurdindo durante o ano. Normalmente facemos tamén a noite do 31 de outubro o Samaín en Taboadela. Pechamos un pobo, baleiramos as rúas, apagamos as luces e queda coma un pobo pantasma. A xente que queira participar adéntrase e vai descubrindo as sorpresas por si mesma.

Contenido patrocinado

stats