Xosé Manuel Piñeiro, profesionalidade, carisma e agarimo para un gran “súper”

DESPEDIDA

Querido por todos, Xosé Manuel Piñeiro foi sempre unha cara amiga nos fogares dos galegos. Piñeiro, a parroquia non te esquecerá

Publicado: 26 ene 2025 - 07:00 Actualizado: 26 ene 2025 - 19:34

Piñeiro durante a presentación dun “Supermartes” nos seus primeiros tempos.
Piñeiro durante a presentación dun “Supermartes” nos seus primeiros tempos.

O alaricano Xosé Manuel Piñeiro emprendeu a súa propia viaxe, deixando a súa “querida parroquia” algo máis orfa dunha cara amiga que traspasou a pequena pantalla converténdose en algo máis que unha icona da nosa terra. Pero para ter esa “parroquia querida”, “Superpiñeiro” foi un traballador incansable, cunha permanente alegría que era capaz de contaxiar a todos aqueles que se sentaban ao outro lado da televisión descubrindo un nova e exitosa maneira de comunicación que supuxo os antecedentes dos “talent shows” e concursos que aínda hoxe manteñen - salvando distancias- o mesmo formato daqueles primeiros programas.

Piñeiro era ese terceiro elo no que á información e o entretemento da televisión, se lle suma unha cara que acaba converténdose en familiar polos anos compartidos. Presentadores, tertulianos, animadores, opinadores… pero non na abundancia deles está a excelencia. E diso si que podía sentirse orgulloso Xosé Manuel. Tan só algúns, os escollidos polo seu don de xentes, a súa empatía -e simpatía-, a súa capacidade comunicativa desde unha cámara… acadan o agarimo e complicidade do público. Iso é algo que non se pode mercar e que non se aprende en facultades e másters. É algo que se ten ou non se ten. E “Superpiñeiro” tiña ese don.

Conseguir que o espectador te vexa como un veciño, un amigo, un familiar ao que convidarías a un bo cocido na túa casa ou as festas parroquiais, non é tarea sinxela. E non se pode finxir. Lograr que o teu nome prevaleza sobre un programa, por máis ou menos exitoso que sexa, é o que marca a diferenza. Xosé Manuel sempre foi e será “Superpiñeiro”. E non só para esas primeiras xeracións nas que apareceu a TVG fai xa 40 anos, senón tamén para as máis actuais. Porque hai iconas que non entenden de tempos nin modas. E desde mozos de 20 anos a xubilados de 80 saben de quen falamos. E ata poden facer un repaso mental de todos e cada un dos programas onde o viron. Por suposto o “Supermartes” foi o primeiro e máis celebrado con 13 anos de emisión logrando entreter a varias xeracións que cada martes se sentaban ante aquel aparello que daquela facía comunidade para botar unhas risas e ata participar desde a distancia en cada proba. Pero tamén co “Tequelexou”, “Tequele Tequele” ou “Acompañenos”. Máis recentemente o “Bamboleo”, ademais de exercer de xurado do mítico “Luar” na súa sección de “Recantos”.

A radio tampouco escapou ao seu carisma. Así, a súa característica voz -paréceme estar escoitándoa de fondo mentres enfío palabras- conduciu o programa “Sesión Vermú”. Como persoa orquestra que era, a súa faceta de cantante fixo que editase varios discos, un deles con autobiografía. Tamén se atreveu, e con moi bo saber facer, coas letras. Así, fiel colaborador deste xornal, La Región, e Atlántico Diario, as súas columnas nas que facía repaso e nos puña ao día de temas sobre todo musicais, botaranse de menos. Non lle faltaron os recoñecementos. Aínda que nunca son suficientes.

Superpiñeiro” foi un home feliz facendo o que sempre quixo facer: ser presentador de televisión e cantar. E acadou exitosamente ambas cousas. Agora, o “show” ten que continuar, pero gracias a comunicadores e personalidades tan enriquecedoras como a del, a televisión ten un mestre ao que seguir. Cecáis, nese lugar onde habitan aqueles que xa non están entre nós, esté pensando en como, por estas cousas dos fados, xusto se lles ocorre chamalo un martes. De sete días da semana, tivo que ser nun martes.

Contenido patrocinado

stats