Lorenzo Blanco, director do CEIP Plurilingüe de Vilar de Barrio: “Os cativos aprenden vivindo e interactuando”
EDUCACIÓN NO RURAL
Os centros educativos rurais seguen renovándose. Este curso o CEIP Plurilingüe de Vilar de Barrio arrincou cunha directiva que aposta por unha educación holística que axude aos cativos a coñecerse e a aprender a través da experiencia, alén do tradicional.
As escolas son as forxas das xeracións futuras, unha responsabilidade que transcende a adquisición de coñecementos. Nas primeiras etapas da infancia os cativos desenvolven gran parte do seu carácter, polo que é importante ofrecer unha educación que vaia máis alá do teórico. “Nós estamos aquí para apoialos, para que crezan como persoas, que sexan autónomos, que aprendan a relacionarse e a coñecerse a si mesmos”, afirmou Lorenzo Blanco, director do CEIP Plurilingüe de Vilar de Barrio.
Este leitmotiv é da nova dirección do centro que comezou a principios deste curso e que desde entón vén apostando por unha educación holística, que atenda non só aos contidos teóricos, senón tamén ás emocións e a personalidade. “Buscamos que teñan as ferramentas necesarias para xestionar os seus sentimentos e, en definitiva, teñan unha mellor autoestima”.
Lorenzo contou que dentro das propostas implementadas xa neste curso inclúese unha asemblea tódolos luns pola mañá, onde todo o alumnado do centro -23 cativos- responde preguntas sobre os seus gustos ou as súas emocións e pensamentos. Nesta reunión, o profesorado tamén adianta o que se vai facer durante a semana e expóñense os proxectos -onde se colocan os mobles, por exemplo- “para que formen parte das decisións que se toman no día a día do centro”.
Outra das actividades novas deste curso é o emprego do ioga dun xeito lúdico a través de cartas ilustradas, contos e xogos, “aproveitamos para mesturar a práctica do exercicio físico, a expresión oral e a lectura”.
Nenos autónomos
“Favorecemos que os cativos sexan autónomos, encamiñándoos a que resolvan os conflitos eles mesmos facéndolles preguntas para que reflexionen”, contou o director, “cando entenden como se senten eles e como se senten os outros nenos, adoitan chegar a bó porto”.
Así, Lorenzo apuntou que para o próximo curso, cando se sumen dous profesores definitivos máis ao elenco -no que agora mesmo só teñen praza definitiva él e Laura, a profesora de infantil-, comezaran con novos proxectos. “Queremos facer as merendas de balde no centro para os cativos, con produtos de calidade e proximidade como os que empregamos nas comidas”. Ademais, están prantexando un horario que favoreza que o alumnado teña un estado anímico óptimo para as aulas e se concentre mellor, mesturando o traballo intelectual con momentos de esparexemento ou exercicio físico.
“Buscamos que sexan protagonistas da sua propia aprendizaxe”, dixo Lorenzo, aclarando que “os cativos aprenden vivindo: buscando, tocando interactuando e non só directamente dos libros, que é importante, pero hai que compaxinar”. Para isto, o centro está desenvolvendo diferentes propostas, como a inclusión na rede de “Meteoescolas”. Os cativos teñen unha estación instalada no centro, de onde toman os datos que logo teñen que analizar e enviar.
Ademais, contan con lupas e microscopios manuais cos que saen ao patio a explorar: “estamos facendo unha zona de investigación con animais e plantas”, adiantou Lorenzo, aclarando que pretenden instalar un pequeno horto hidropónico, que se sumará aos formigueiros que hoxe xa cuida -e analiza- o alumnado. “Intentamos que veñan ao colexio motivados e aprendan a cultura do esforzo”, apuntou Lorenzo, “dámoslle moita importancia a como se senten eles e intentamos que se esforcen, apoiándoos cando algo lles custa”.
Lorenzo quixo facer un chamamento: “temos as portas abertas e estamos traballando para ser unha opción atractiva para as familias dos concellos veciños”.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
ORZAMENTO 2026
Vilar de Barrio reserva 465.000 euros para inversións
PULO AL SECTOR PRIMARIO
Vilar de Barrio amplía el elenco de productores de patata
MEMORIA DEMOCRÁTICA
Vilar de Barrio homenaxea a dúas vítimas da represión franquista
Lo último
REUNIÓN CON LA SUBDELEGACIÓN
Las multas a los tractoristas suman cerca de 300.000 euros
RALENTIZADAS POR LA LLUVIA
Se reactiva la construcción tras un parón superior a 50 días
Manuel Orío
RECORTES
Saber o no saber
ÉL NIEGA LOS HECHOS
Acusa a su ex de violarla en Ourense: “Me bajó el pantalón y me bloqueé”