A Abelliña Azul, a primeira escola apícola de Ourense

COMPROMISO CO RURAL

O Concello de Vilar de Santos conta coa primeira escoliña da provincia que busca protexer e divulgar a apicultura, na que ademais de aprender de abellas, se reconecta coa natureza.

Leila e Inés Mirás, fundadora da Abelliña Azul.
Leila e Inés Mirás, fundadora da Abelliña Azul. | B. L.

A provincia de Ourense conta cunha grande tradición apícola, e cun recoñecemento internacional importante pola calidade do seu mel. Malia este status, a provincia carecía dalgún centro ou escola que atendese a este saber que forma parte do noso patrimonio inmaterial. Esta situación cambiou o pasado mes de agosto co nacemento da “Abelliña Azul”, a primeira escoliña apícola de Ourense.

A escoliña atópase na Limia, no Concello de Vilar de Santos, e é unha iniciativa de Inés Mirás, de “O Mel da Inés”, da man da Asociación Apícola Abellas Nais. Inés explicou que a Abelliña Azul pretende ser un “espazo de reconexión coa natureza”, ó contar que esta iniciativa naceu cando comezou a súa andaina na apicultura: “sempre pensei: os nenos e abellas é a mellor combinación do mundo, xa que lle transmites tantos valores: sociais, medioambientais, de economía circular, nutritivos, de impacto...”

Segundo explica a apicultora, gañadora do ouro nos “London Honey Awards 2025” na categoría de calidade pola súa mel, nos tempos actuais que corren “polo xeral, todas as crianzas viven a un ritmo de vida moi acelerando, que empeora a desconexión -coa natureza- á que a nosa xeración xa se enfrontou”. A escoliña pretende que as crianzas recuperen ese vínculo co natural: “queremos que os cativos e cativas sintan que forman parte de algo, que todo está en equilibrio e que eles forman parte del para que poida seguir en pé”.

Ademais, Inés explicou que a Abelliña Azul busca protexer “a transmisión deste oficio, que sempre se fixo de xeito oral de xeración a xeración, pero cada vez quedan menos apicultores e a cousa vai minguando”, xa que “hai un vacío pendente de encher a nivel formativo e de transmisión do noso patrimonio inmaterial”.

“Agora mesmo xa estamos programado a escolas e centros educativos para que a partir do mes de abril poidan vir os cativos de excursión”, apuntou Inés, “polo de agora son todos de Ourense, o que me resulta moi simbólico”. Ademais, outras cativas, como Leila -na fotografía-, pasan o seu tempo aprendendo de apicultura, e outros, como Ían e Fabián, de Vilar de Santos, con dezaseis anos xa coidaron os seus dous primeiros enxames este ano, “dende o principio do proceso ata esmelgar”, e agora poderán vender os quince quilos de mel que recolleron, coa intención de ampliar a seis colmeas. “É un recurso para que aproveite toda a veciñanza, sabendo que hai moitas posibilidades facendo cousas boas e que reporten un impacto positivo a todo o Concello”, afirmou Inés.

“A min gustaríame que houbese xente nova vivindo no rural e aproveitando os recursos que da, ó tempo que o coidan e o manteñen vivo”, dixo a apicultora, reafirmándose en que “creo sen dúbida que a aposta polo rural -e pola apicultura- serve para matar moitos paxaros dun tiro: económico, social, medioambiental, saúde física e mental”.

Contenido patrocinado

stats