Inés Mirás, apicultora en Vilar de Santos: "O salario do ano que vén xógase dende agora ata xuño"

LONDON HONEY AWARDS

Coa chegada da primavera dá comezo un dos tramos máis importantes da tempada a apícola, na que os enxames adormecidos durante o inverno comezan a crecer

Unha trampa para velutinas feita a man.
Unha trampa para velutinas feita a man. | Óscar Pinal

Co comezo da primavera iníciase un tramo vital na tempada apícola. Malia que moitos traballos seguen durante o inverno -revisión de enxames, control de reservas-, esta estación trae con ela unha carga que pon en xogo a produción do ano.

“O salario do ano que vén xógase dende agora ata o mes de xuño”, aclarou Inés Mirás, apicultora afincada en Vilar de Santos e gañadora da medalla de ouro pola calidade do seu mel nos London Honey Awards de 2025. Inés enumerou o extenso número de labores da tempada, que van dende a preparación do terreo, o cálculo de espazo e tamaño dos enxames, ata a alimentación extra, no caso de que o enxame creza demasiado rápido ou amodo. “Cada colmea, unha casuística”, afirmou, confesando levar un control exhaustivo das súas colmeas, que este ano espera aumentar ata 150.

Unha abella no cadro de mel que Inés lles prepara para que se alimenten durante o inverno.
Unha abella no cadro de mel que Inés lles prepara para que se alimenten durante o inverno. | Óscar Pinal

Neste proceso, na que a mau experta do apicultor e a correcta estimación dos recursos do entorno xogan un papel crucial, tamén o fai a climatoloxía. A primavera é unha estación crítica “na que hai que estar moi encima revisando que non lles falte de nada”, apuntou, “adoita haber máis mortalidade de enxames no estoupido da primavera que durante o inverno”. “Tampouco nos podemos esquecer das velutinas, estamos no momento idóneo para pór as trampas”, insistiu mentres ensinaba unha trampa que fai ela mesa -na foto-.

Inés conta que “por sorte non tivemos que lamentar ningún incendio na contorna”, aclarando que pola contra, un número grande de apicultores doutros concellos afectados polos lumes do verán tiveron que trasladar as colmeas. “Que haxa herba para o gando non quere dicir que haxa pasto apícola, queda moito por rexenerar”.

Si ben os lumes foron un problema, as copiosas precipitacións dos derradeiros meses de inverno foron todo o contrario: “Ano chuvioso, ano meloso”, afirman os veciños da zona, un dito que Inés confirma, “os anos de colleita forte é cando hai invernos húmidos que deixan reservas de auga no solo. Pero tamén pode ser un problema porque os enxames máis febles pásano mal e poden chegar a enfermar, depende do manexo que fixera o apicultor durante o inverno”.

Malia que a primavera é un período crucial pola cantidade de actividade, o inverno tamén supón retos para os apicultores. A falta de alimento é un dos principais problemas, ao que Inés fai fronte coa sua propia produción. “Procuro depender o menos posible do alimento industrial, que non é tan nutritivo”, aclara. “As contas teñen que dar, e a comida apícola é moito máis barata que darlles mel, pero iso vai en como ti enfoques o teu modelo apícola e a saúde das túas abellas. Hai moitas correntes e eu aposto por devolverlles o que me dan”.

“Póñolles os cadros con mel afastados das colmeas, para que fagan o traxecto voando e simular que hai unha árbore en floración”, explicou. “Este ano tiven un número mínimo de baixas durante o inverno, quedei moi contenta. Agora a ver o que pasa na primavera”, rematou. “Esperemos que cando chegue o verán e os castiñeiros florezan, non veña a calor do ano pasado, se non o néctar evapórase”.

Contenido patrocinado

stats