A memoria do pastoreo, inmortalizada en Vilariño de Conso
OBRA DOA OA
O mural de Castiñeira, no concello de Vilariño de Conso, nace das conversas entre integrantes de Outonía e xentes do sector
A aldea de Castiñeira, no concello de Vilariño de Conso, acolle estes días unha nova intervención artística do proxecto Paisaxes Candentes, a última mutación do Laboratorio Mutante da cooperativa Outonía. A artista Doa Oa está a desenvolver unha creación mural inspirada nas historias, coñecementos e vivencias compartidas por un grupo de pastores da Serra de Conso.
A obra nace das conversas mantidas por Tania Sánchez e Branca Albán, integrantes de Outonía, con persoas da contorna vinculadas ao pastoreo e ao coñecemento tradicional do monte. Estes encontros permitiron recuperar relatos sobre a vida cotiá nas montañas, os usos das plantas silvestres, as relacións co territorio e as transformacións experimentadas pola paisaxe ao longo do tempo.
A través deste exercicio de escoita e diálogo coa comunidade, os saberes transmitidos oralmente entre xeracións convértense en materia artística. A proposta busca crear unha ponte entre a memoria das persoas que habitan o territorio, o patrimonio inmaterial e novas formas de interpretación da paisaxe.
A intervención forma parte da liña Reforestando, un proxecto de Doa Oa centrado na realización de intervencións pictóricas no espazo público en formato de herbario mural, espalladas por diferentes localizacións.
No caso concreto da peza de Castiñeira, a artista tomou como elemento central a Arnica montana, unha planta silvestre presente nas zonas de montaña galegas e tradicionalmente vinculada aos usos da medicina popular. A árnica foi empregada durante xeracións para a elaboración da coñecida augardente de árnica ou augardente dos golpes, unha preparación utilizada para aliviar contusións e golpes mediante a maceración das flores en alcohol. A elección desta planta xorde do coñecemento achegado polos pastores da Serra de Conso, persoas cunha relación especialmente estreita co medio natural.
A peza pretende ser unha homenaxe tanto ás plantas como ás persoas que conservaron e transmitiron estes coñecementos ao longo do tempo. Deste xeito, o mural convértese nun espazo de memoria e divulgación, onde a botánica, a cultura popular e a arte se entrelazan para poñer en valor o patrimonio natural e humano das montañas galegas.
A creación mural poderá visitarse na propia aldea de Castiñeira a partir de hoxe, data prevista para a finalización da obra e apertura deste novo elemento artístico integrado na paisaxe.
Paisaxes Candentes é un proxecto de Outonía Coop financiado pola Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC) e o Ministerio de Cultura, coa colaboración do Concello de Vilariño de Conso e da veciñanza de Castiñeira.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último
FESTA DO PULPO
Carballiño preparará unha tapa de pulpo de 610 quilos
Francisco Muro de Iscar
El Gobierno del “todo pendiente”
FESTA DO PEMENTO
El pimiento vuelve a reinar en A Arnoia
FUSIÓN EN O RIBEIRO
La oposición de Carballeda agita una moción de censura