Os Boteiros achegaron a súa historia a Xinzo de Limia

Vivencias propias

Os Amigos do Entroido Tradicional buscan coñecer outros Entroidos

Uxía -co Boteiro posto- e Socorro, falando do Entroido.
Uxía -co Boteiro posto- e Socorro, falando do Entroido. | B.L.

A Asociación de Amigos do Entroido Tradicional organizou onte na Casa da Cultura de Xinzo de Limia a primeira parada das Xornadas de Divulgación do Entroido Tradicional.

A cita, que contou cunha vintena de asistentes, estivo protagonizada por Socorro e a súa filla Uxía, dúas mulleres de Vilariño de Conso que contaron a través das súas experiencias o que significa para elas o seu Entroido e o Boteiro, así como anécdotas sobre a súa tradición.

Máis aló de quedar nas explicacións superficiais sobre a elaboración do Boteiro, as mulleres ofreceron a súa perspectiva persoal. Uxía, co traxe posto, contou como o viste dende ben pequena. “Leva ponto o Boteiro dende os dous anos”, explicou a súa nai, unha das artesás que elaboran os traxes. Segundo contou Socorro, non foi ata mediados dos anos 90 cando apareceu a primeira muller vestida de Boteira: “A primeira foi Carolina”, lembrou.

Así, achegaron aos limiaos un dos Entroidos máis singulares da provincia, constatando que o amor por esta tradición tamén se vive con “sentimento” máis aló da Lagoa de Antela.

Contenido patrocinado

stats