Celanova pudo ser unha parada chave do Camiño de Santiago hai mil años: a historia que poucos coñecen

CAMIÑO XACOBEO

A exposición “Hospitalidade monástica” de Xosé M. Salgado, instalada no mosteiro de Celanova, revela o papel clave das abadías, da súa acollida e das reliquias que gardaban nas orixes dos percorridos que deron forma ao Camiño de Santiago.

Xosé M. Salgado coa exposición no claustro celanovés.
Xosé M. Salgado coa exposición no claustro celanovés. | Concello de Celanova

O Camiño de Santiago é unha das grandes riquezas das que desfruta Galicia, contando cun amplo repertorio de hostais e albergues para acubillar aos peregrinos. Pero, quen amparaba aos primeiros devotos, hai preto dun milenio, que emprendían tan longo camiño? A respota a esta pregunta ofrécea o xornalista e investigador Xosé M. Salgado na exposición “Hospitalidade monástica”, que estará instalada no claustro do mosteiro de San Salvador de Celanova ata decembro. A mostra, impulsada pola editorial Initium Lar e o programa “O Teu Xacobeo”, revela o papel fundamental dos mosteiros nas orixes da peregrinación.

Segundo o xornalista e investigador, o fenómeno que da orixe ao que hoxe coñecemos como Camiño de Santiago aséntase sobre dous piares básicos: a hospitalidade que ofrecían os mosteiros e as reliquias que gardaban e que servían de paradas “intermedias” na longa peregrinación. Cando o trazado aínda era unha rede indefinida, e os peregrinos tiñan que buscar o camiño, foron as abadías as que ofreceron refuxio para descansar e curación espiritual aos camiñantes.

Pezas clave

Neste contexto, Celanova posuía os elementos para converterse nun gran eixo xacobeo. A mostra documenta que o mosteiro rexentaba un hospital en Compostela desde o século XI, auténtico xerme do actual Hostal dos Reis Católicos. A maiores, mantiña outro hospital -lugar de descanso, non de curación como os actuais- na Portela (Verea), un paso de montaña que conectaba cara a Bande. A isto sumábase un reclamo extraordinario: as reliquias de San Torcuato, un dos sete varóns apostólicos cuxos restos foron trasladados primeiro desde Guadix (Granada) ao norte hispano e despois, dende Santa Comba ao enclave celanovés.

Para Salgado, estes esforzos confirman a ambición do cenobio para atraer camiñantes. Tal e como explica o autor, “Celanova debeu de estar na orixe intentando colocarse como un lugar que atraía peregrinos”, ou iso indica o traslado das reliquias de San Torcuato e as infraestrutura que posuían”.

A institución relixiosa cumpría cos alicerces da época, posto que “está nunha vía de comunicación principal, promove hospitais e ten reliquias”, afirma Salgado. Sobre esta base documentada, o investigador conclúe: “Hai indicios que mostran que Celanova estivo nesa especie de camiño indefinido orixinal”, e que logo non tiveron a sorte que outras zonas e quedaron fóra do mundo xacobeo principal”. Iso impediú que o percorrido celanovés chegara a establecerse como un dos trazados de referencia da peregrinación a Santiago.

Códice Calixtino

Segundo explica Xosé M. Salgado, a hospitalidade monástica dos primeiros séculos estaba destinada aos camiñantes con menos recursos, mentres que os peregrinos adiñeirados adoitaban empregar outro tipo de aloxamentos. O investigador sinala que o Códice Calixtino apenas menciona a acollida nos mosteiros porque, en realidade, estaba dirixido a un “público culto e con cartos”.

As paradas e etapas descritas estaban pensadas para facerse a cabalo, un ritmo de viaxe que non estaba á altura dos pobres. Por iso, en lugar de centrarse na caridade das abadías, o documento describe a hostalaría privada nos burgos, dedicándose a advertir a estes viaxeiros podentes sobre as fraudes que adoitaban sufrir nos hostais, como os enganos co cambio de cartos ou a adulteración do viño. n

Contenido patrocinado

stats