O certame literario Antón Tovar do Museo Etnográfico da Limia amplía o rexistro
PROSA E VERSO
Os traballos presentados nesta terceira edición deberán centrarse na Limia
A asociación do Padroado do Museo da Limia vén de convocar a terceira edición do certame literario Antón Tovar, que nesta ocasión vén acompañado de novidades. Delfín Caseiro e Antón Jardón, representantes do Padroado, anunciaron a convocatoria onte pola mañá no espazo Ágora, de Xinzo de Limia.
As dúas principais novidades desta terceira edición, segundo explicou Antón Jardón, atenden ao premio para o gañador, que recibirá 600 euros en metálico, e ao rexistro do certame. “Os xurados dos anos anteriores nos plantexaban que se abrise o contido do certame”, explicou, sendo que, ata o de agora, as creacións literarias participantes -en prosa ou verso- debían atender á figura do autor ou a súa obra. Así, nesta ocasión, as propostas deberán estar vinculadas á Limia: “Parécenos oportuno que quen queira participar faga algunha creación vinculada á nosa comarca”, rematou Jardón.
Cambio
Delfín Caseiro explicou que este cambio responde “a un empeño que temos de consolidar no tempo e converterlo no certame de referencia na Limia”. Esta terceira edición tamén servirá de lembraza para o profesor Xesús Alonso Montero, recentemente finado, “quen se implicou de maneira absoluta en tódalas actividades que o Museo da Limia acometu arredor da figura e obra de Antón Tovar”, afirmou Caseiro. Sendo amigos dende novos, Alonso Montero “foi o máis grande valedor do poeta da Pereira”.
“Estará moi presente no acto de entrega do premio, que servirá para exaltar tanto a obra e a figura de Tovar coma para homenaxear a don Xesús”, dixo Delfín Caseiro. As obras deberán presentarse antes do 20 de maio, sendo o acto de entrega o 20 de xuño no Museo da Limia.
“Seguiremos insistindo na demanda da dedicatoria das Letras Galegas ao poeta da Pereira. Temos a confianza de que algún ano vai ser, e se poidese ser no 2027 sería mellor que nos pilla máis novos”, dixo Caseiro, ao que, reglón seguido, sumou “desgrazadamente Alonso Montero non poderá ver cumprido ese desexo de que un día se lle dedicase o Día das Letras Galegas ao seu amigo e camarada Antón Tovar”.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último