Pais da Limia critican a desatención oftalmolóxica
ESPERA "INASUMIBLE"
A Plataforma de Loita Pediátrica da Limia critica a “desatención que sofren actual e sistematicamente os seus fillos e fillas na especialidade oftalmolóxica”.
O Centro de Saúde de Xinzo de Limia volve ser obxecto de reclamacións por parte dos pais e nais da comarca limiá. A Plataforma de Loita Pediátrica da Limia critica a “desatención que sofren actual e sistematicamente os seus fillos e fillas na especialidade oftalmolóxica”.
Segundo afirman dende a Plataforma, a actualización na gradación de lentes, ordinariamente anual, “non se pode facer nos prazos indicados” e as revisións de seguimento e evolución mensuais recomendadas “non se poden celebrar en menos de tres meses”.
Os pais e nais afirman que esta espera é “inasumible” para as familias, “ao estar en xogo a visión de nenos e nenas de poucos anos”. Noela Moreiro, voceira da Plataforma, explica que afecta “ó rendemento escolar ou a relación con grupo de iguais”.
Sonia é unha destas nais que vive a situación coa súa filla: “O pediatra remitiunos á óptica para facer unha primeira criba, ‘pola gran demora nas listas”, facendo a suxestión de acudir á sanidade privada. “En xuño levei á nena á privada, porque xa levábamos meses agardando e en setembro comezaba as clases”.
“Chamáronnos este mes do oftalmólogo, levabamos esperando sete meses”, aclarou Sonia, e que o oftalmólogo “díxonos que cumpría ver a nena de xeito regular”, cousa que é “imposible”, segundo lle confirman ao pedir a seguinte cita.
Os pais e nais da Limia solicitan que as citas se ofrezan en función das necesidades e patoloxías dos pacientes e non das listas de espera. Dende a Plataforma inciden en que “esta estratexia de desprestixio dos servizos públicos empurra ás familias ós servizos privados ante a imposibilidade de agardar os devanditos prazos”.
Sanidade
Dende a Área Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras apuntan que comprenden e comparten “a preocupación das familias da Limia. A detección temperá dos problemas de visión é fundamental para o desenvolvemento dos nenos e nenas, e somos plenamente conscientes”. Explican que “desde o Servizo de Oftalmoloxía se están a aplicar medidas para mellorar a atención: revisando os circuítos de derivación desde Atención Primaria, para priorizar os casos preferentes así como ampliar a actividade asistencial con consultas de tarde e axendas específicas para Pediatría”.
Tamén se reafirman en que, “como quedou recollido nos últimos datos de tempos medios de demora, estes melloraron significativamente, non si, este é un proceso continuo e seguiremos traballando para reducir os tempos de espera e ofrecer a mellor atención posible aos pacientes máis novos”.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
MÚSICA EN XINZO DE LIMIA
Tres conciertos llenan el auditorio Ángel Cocho
DIVULGACIÓN DE AYUDAS
Xinzo encabeza la lista de las villas con más vivienda vacía
Lo último
GRAVEDAD DE LAS LESIONES
Muere la mujer apuñalada en A Coruña por su compañero de piso, que también provocó un incendio