Dignificación da figura
O rexurdir da Pantalla de Xinzo de Limia
Dignificación da figura
Xinzo de Limia non se pode entender sen o seu Entroido, que, ao mesmo tempo, tampouco se podería entender sen as pantallas. Malia que hoxe as raíñas da capital limiá son respectadas e recoñecidas, houbo un tempo no que a figura e a tradición tocou fondo. Foi no ano 1996, o 14 de outubro, cando naceu a asociación cultural A Pantalla por conta dun grupo de mozos, algúns aínda menores de idade, fartos de ver desprestixiada a figura, “vestíndose e comportándose de calquera xeito”, que decidiron facer algo ao respecto. Segundo conta Suso Fariñas, o primeiro presidente da asociación, a finais dos anos 80 e comezos dos 90 comezou a pórse de moda “e todo o mundo quería vestirse de pantalla”.
“Con estes rapaces novos fixemos capas e caretas decentes para que saísen, e comezamos as visitas aos colexios e institutos para, dalgunha maneira, dignificar a máscara”, contou Fariñas. Tras varios anos, a asociación viviu unha segunda fundación, convocando desta volta a veciños máis veteranos -catro deles na foto-, que comezaron con campañas máis agresivas. Nesta segunda etapa, os comezos dos 2000, a vila aparecía empapelada co carteis con mensaxes impactantes sobre a Pantalla, algúns aínda no imaxinario local.
Coa segunda fundación, prepararon na rúa dos Viños un pequeno local xa que “queríamos estar onde se movía o pobo”, explicou Fariñas, recordando as exposicións e actividades que facían. Así, continuaron tamén as iniciativas cos máis novos e as visitas aos colexios e institutos, nos que explicaban de xeito sinxelo como se comporta unha pantalla, como se viste, que non debe facer, así como a historia e a tradición “que muda, pero non debe rachar nunca”.
“Os principios foron duros”, confesou o primeiro presidente, “falabamos, discutíamos moito do que debíamos facer, os proxectos que tíñamos... Foi un traballo moi grande que eu creo que deu os seus froitos. Hoxe o Entroido non ten nada que ver co daquelas, a xente hoxe ten coñecemento da Pantalla e vístese ben”, engadiu.
Co paso dos anos, a asociación medrou e mudou, pasando por diferentes directivas e acadando os seus obxectivos. O presidente actual, Carlos Valle, aclarou que o compromiso divulgativo continúa, malia que “hoxe é totalmente diferente a situación”. “O moito que temos é grazas ao esforzo dos que estiveron antes ca nós”, recoñeceu, insistindo en que queda traballo por facer: “Debemos achegar á xente a idea de que por ir ben vestido non é suficiente, a actitude é fundamental tamén”.
No seu trinta aniversario, A Pantalla busca conseguir 300 socios, contando con preto de 180 hoxe. “Queremos enriquecer a asociación involucrando a máis xente. Cantas máis ideas e opinións diferentes teñamos, mellor”, afirmou Adriana Iglesias, da directiva da Pantalla. “Ser socio é formar parte dunha comunidade activa, que organiza actividades e participa noutras moitas, e cada membro toma parte das decisións”, dixo Valle, aclarando que non son só as actividades ligadas ao Entroido, senón que “nós traballamos en prol da cultura do pobo de Xinzo”.
Así, grazas á teima duns rapaces, axudados polos seus veciños, hoxe Xinzo presume dun Entroido único que ademais axudou á recuperación e divulgación doutros moitos que seguen a súa estela.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Dignificación da figura
O rexurdir da Pantalla de Xinzo de Limia
A DEBATE O AUDITORIO
Os nacionalistas critican o novo auditorio de Xinzo de Limia
Lo último