Sacan ao mercado o primeiro vodka elaborado con pataca de A Limia
PRESENTACIÓN
Seis limiaos levan identidade e “sentimento” a un vodka. Baixo o nome “636”, nace esta nova bebida feita con pataca da Limia e destilada en Galicia
A pataca da Limia, a raíña dos produtos na comarca, convértese unha vez máis no símbolo e bandeira do territorio. Seis veciños limiaos presentaron onte ‘636’, un vodka nado da xuntanza de dous agricultores, dous ‘barmans’ e dous empresarios que decidiron facer esta bebida a partir das patacas de mellor calidade.
Máis dunha vintena de persoas ateigaron o Xpazo, situado na praza Carlos Casares de Xinzo de Limia, que foi o escenario elixido para presentar este proxecto que botou a andar no ano 2019, tal e como explicou Amador Díaz, un dos dous agricultores que deron vida a ‘636’. “Meteuse a pandemia polo medio e tivemos momentos difíciles neste longo camiño, pero ao final os desexos fanse realidade”, dixo Díaz, mentres contaba parte da andaina de varios anos que levou á creación deste produto, posible grazas “a nosa terra, os nosos produtos, e ao noso amor polo galego”.
Identidade
“Este vodka nace directamente das nosas raíces”, afirmou Amador Díaz, “collemos a materia prima, a máis nobre, a que nos dá identidade e levámola a unha nova categoría”. O nome que recibe esta bebida alcólica non é casualidade tampouco: “Non é un número ao azar, é a altitude media de Xinzo de Limia, un lugar onde a terra nos dá o mellor que ten”.
Así, Díaz rematou a presentación afirmando que esta é unha homenaxe á pataca da comarca, “cando a probedes, estaredes saboreando o esforzo dos nosos agricultores, a frescura da nosa altitude e o orgullo de ser de Xinzo”.
A morea de persoas que asistiron á presentación desfrutaron do vodka tanto seco como acompañado de outras bebidas. Entre trago e trago, os veciños ían soltando a lingua e dando o seu parecer: “Mira que eu non che son de vodka, pero así está moi bó!”, exclamou un, mostrando a copa que lle prepararon os dous ‘barmans’ que participan na empresa. Ademais da degustación do ‘636’, os asistentes puideron desfrutar dunha variedade de pinchos dos que deron boa conta ata os máis cativos que acompañaron aos seus pais.
A pataca da limia dalle un sabor “recoñecible”
Xaime Rodríguez, outro dos fundadores de ‘636’, explicou que o que diferencia a este vodka e o fai “premium” é o seu proceso de elaboración, no que teñen o control absoluto: “Queríamos unha destilación que marcara o territorio e para iso traballamos o produto dende a calidade”.
Rodríguez puntou que se seleccionan exclusivamente patacas da variedade Agria con altos niveis de almidón para obter un alcol “puro e con carácter e que lle da un sabor recoñecible”. Así, fixo fincapé en que “buscabamos un resultado que identificara a Limia. Ata que demos coa mestura exacta, decidimos non sacalo. A espera pagou a pena”.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último
PLANES EN OURENSE
Agenda | ¿Qué hacer en Ourense hoy, sábado 18 de abril?
Isaac Pedrouzo
¡ES UN ANUNCIO!
El servicio militar
LOS TITULARES DE HOY
La portada de La Región de este sábado, 18 de abril
advierte “nulidad”
Opain acusa al Concello de usurpar las obras de la avenida de Portugal