Creatividade e diversión en Ribadavia
O CRA Amencer de Ribadavia organizou unha Feira Artística Solidaria coa que recadaron fondos para a delegación ourensá da Asociación Española Contra o Cancro.
Distribuídos en diferentes postos decorados por eles mesmos, os alumnos venderon materiais elaborados ao longo deste curso académico a través do proxecto anual “Artellando os 25 anos do CRA”. Obxectos inspirados en artistas coma Paul Klee, Yayoi Kusama, etc. E tamén promoveron a alimentación saudable vendendo leitugas ecolóxicas do seu invernadoiro de Francelos.
Á actividade, que se enmarca no 25 aniversario do centro educativo agrupado, asistiron o xefe territorial da Consellería de Educación, Jorge Rubén Sampedro Grande; a delegada de Sanidade, Laura del Castillo; a inspectora de Educación Laura Seara, o rexidor municipal de Ribadavia, César Fernández, e representantes da AECC de Ourense.
O apartado solidario completouno a subasta dun cadro cedido pola pintora ourensana Ángeles Jorreto, que finalmente adquiriu o alcalde de Ribadavia.
Foi unha xornada moi especial para toda a comunidade educativa, que a preparou con moito esmero adornando os postos e vestidos para a ocasión, non só polo seu carácter solidario senón tamén para amosar o traballo que fan cos seus alumnos durante o curso.
Contenido patrocinado