Rochi Nóvoa, escritora e poeta de Xunqueira de Ambía: “Fóra hai menos complexos co noso idioma”

POESÍA

A poeta e escritora Rochi Nóvoa vén de publicar o seu segundo poemario bilíngüe, “Corpos en espiral”, unha obra que se presenta como un xogo para falar sobre o corpo da muller.

Rochi Nóvoa co seu novo poemario, “Corpos en espiral”.
Rochi Nóvoa co seu novo poemario, “Corpos en espiral”. | R.N.V

A poeta e escritora natural de Sobradelo, en Xunqueira de Ambía, Rochi Nóvoa Vázquez, vén de publicar o seu segundo poemario bilingüe -en galego e castelán-, “Corpos en espiral”, unha obra que segundo explica a propia autora “nace das entrañas, pero que mira cara a fóra”, unha viaxe a través dos sentimentos e emocións que medran no interior ao mirar cara a fóra: o amor, a perda, o paso do tempo e a “necesidade de habitar o propio corpo con verdade”.

O poemario divídese en cinco partes que atenden a diferentes estadios polos que transita o corpo feminino: “Nese buscar o corpo, a sexualidade, e as propias sensacións, atópase o xeito do que cambiamos constantemente, dende a infancia, a adolescencia e ata a madurez. É un tema do que nunca pensei que escribiría, pero aquí estou”. Xogando coas ideas e as palabras, a autora guía ao lector a través dunha espiral metafórica: “Como medramos e mudamos as mulleres, de tódolos cambios que vivimos e que nos impiden volver ao punto de inicio”.

Pero a obra non só atende á intimidade das mulleres -malia estar escrito nunha primeira persoa feminina-, senón que nel a autora expresa ideas e reflexa os seus pensamentos: “Falo do que pode ser a mesma vida e como nos relacionamos co que nos rodea, dende a natureza, a nosa parella, e especialmente a morte, ese murmuro que nunca cala”. A través de versos directos, “cargados de imaxes sensoriais e dunha fonda honestidade emocional”, Nóvoa explora o corpo non só como territorio físico, senón como “arquivo de experiencias, cicatrices e renacementos”.

Bilingüe

Segundo explica a autora, é o segundo poemario escrito tamén en castelán non só por unha necesidade expresiva: “O feito é que eu quería publicalo e interesáronse por el editoriais en castelán”, recalcou. A editorial Talón de Aquiles foi a elixida: “Tivo a ben publicarmo con poemas nas dúas linguas. Coido que hai menos complexos fóra de Galicia co tema do noso idioma”. “Eu sempre intentarei publicar na miña lingua nai, pero hai veces que non é posible. Desta volta pensei que a obra pagaba a pena e aproveitei a oportunidade”, aseverou Nóvoa.

A coherencia que caracteriza a autora volve estar presente nesta obra, na que a parte material da edición harmoniza coas verbas que conteñen as súas páxinas. Malia isto, é o único dos seus libros no que durante as presentacións non contarán coa música e a pintura que adoita sumar á súa posta en escena, deixando espazo para a palabra. A primeira data será o vindeiro 17 de decembro no Carballiño, ás 20,00 horas no Ozoco.

Contenido patrocinado

stats