Opinión

Na alborada de Galicia

Do presidente Fernández Albor podemos dicir que levou Galicia á autonomía, e levou tamén a autonomía a Galicia. O presidente Albor incorpórase á vida pública levando consigo innumerables experiencias vitais recollidas na práctica da medicina. Despois de escoitalo moitas veces nas consultas, coñecía ao noso pobo, sabía descifrar os seus anhelos e compartir a súa linguaxe. O doutor Fernández Albor convértese en presidente sen abandonar o talante da súa profesión orixinal, e de aí nace esa comuñón coa xente que poucos mandatarios lograron dunha maneira tan intensa.

O presidente que vén de dicirnos adeus impregna co seu estilo unha etapa inicial do noso autogoberno que, a falta de grandes competencias e orzamentos, necesitaba estar en sintonía co país para unilo en anhelos comúns. Galicia inaugura a etapa máis prometedora da súa historia da man dun home próximo, capaz de encamiñar os grandes problemas do momento con ese talismán chamado “sentidiño”. Con el entra nas recén nacidas institucións un galeguismo integrador do que non estaba excluído ningún galego e onde cabían todos.

Ao mesmo tempo teima por achegar a autonomía á sociedade cunha presidencia peonil que superou a distancia e o illamento que o exercicio do poder ás veces promove. Agora que o termo “populismo” ten resonancias inevitablemente negativas, cómpre reivindicar o cultivo dunha proximidade ás persoas na que o presidente Albor foi pioneiro e mestre. Fixo da autonomía un espello no que Galicia podía mirarse e recoñecerse, sen presentala como solución máxica para as eivas do país, senón mais ben como un camiño que podemos e debemos facer xuntos.

O legado de Fernández Albor está vivo. Máis que buscalo nos seus discursos, ensaios e artigos periodísticos, hai que sentilo no seu exemplo de dignidade tanto nos momentos de esplendor político, como naqueles outros amargos; na presidencia e na ex presidencia. Chega sen vaidade, vaise sen rancor e traslada, xa no Parlamento Europeo, a concordia acadada en Galicia a esa peza fundamental da unificación europea que foi a reunificación alemá. Non é casual que un dos grandes representantes do galeguismo conciliador, sexa tamén un dos mellores estandartes do europeísmo fraterno. Con el, Galicia volve de novo a ter un protagonismo notable na andaina do Vello Continente.

O presidente Albor é a proba de que a historia a fan os homes e as mulleres, non o destino. O noso autogoberno puido ter un primeiro capitán diferente, menos sensible ao latexo popular, menos integrador, grato e próximo, facendo así que a autonomía botara a andar dunha maneira distinta. Afortunadamente non sucedeu iso. Galicia e a autonomía se atopan grazas a Fernández Albor, para iniciar unha andaina que hoxe continuamos. As institucións galegas forman un Pórtico tan acolledor como o catedralicio, no que houbo varios mestres Mateo. Entre eles figura, en lugar senlleiro, o presidente Albor.
Os nosos dicionarios definen Albor como “a primeira luz do día, cando sae o sol”. Na súa alborada Galicia tivo un presidente que soubo escoitar aos rumorosos. Xa está na nosa paisaxe.

Te puede interesar