Opinión

A Ferradura, en Abadín

Alí estaban, sentados á mesa. Uns en activo e outros xubilados, poetas, narradores, cantantes, cantautores e músicos, homes e mulleres amantes da Galicia nosa e todos os preocupados loitadores a pé firme, pola evolución e o desenvolvemento deste país, onde moitos viven coa sensación horríbel do retroceso, laiándose polo descenso da poboación nova e vella que sofre esta terra, penados por ver marchar aos fillos como antes marcharon os avós. Tristes e desolados, na procura da solución.

Alí estaban políticos en activo e políticos abandonados, médicos, funcionarios, parados de longa duración, xornalistas de radio, de prensa escrita e outros chamados teóricos, estudosos do que vai vir, do que acontecerá. Destes últimos, un par deles ou tres, contando a aquela señora que non paraba de mirar pola fiestra do norte para as verzas murchas da horta anexa, eran os máis calados. Só falaron para dar a saber que os seus estudos non se concluían ata coñecer os acontecementos sobre os que investigan. Sabían que para falar, aínda que sexa do futuro, é mellor ter vivencias, seguridade e certeza.

Alí estaban mestres e mestras, curas, poetas e narradores dos mellores, gaiteiros, guitarristas, acordeonistas, profesores de tódolos ensinos e un servidor estupefacto, perplexo diante de tanta diversidade harmónica, diante de tanta beleza daqueles cantares que, por mil veces escoitados, seguen gustando. Era en Abadín de Lugo, a onde toca ir outra vez mañá. Irán de novo dende varios puntos de Galicia, como outros anos foron, ao `Niza´. Arranxarase o mundo e falarase da Ferradura, cada quen dará a súa opinión e despois outra vez a gaita engaiolará aos comedores desa carne de pescozo.

Hai prazas, rúas, restaurantes, xardíns, praias, hoteis, cafeterías, administracións de lotería e galerías de arte que levan o nome de Ferradura, como a ferradura do boi ou da besta, as ferraduras dos zocos e as das paredes para atar o ramal. Na arquitectura e na arte fálase dos arcos de ferradura, desiguais, pero todos de grande beleza. Incluso no Norte de Ibiza está a illa de Sa Ferradura, un anaco de terra ben pequeno que mantén ricos aos seus millonarios propietarios. En Abadín, a ferradura faise na cociña. É de rancho cebado e morto na matanza do inverno. Quen o diría!

Te puede interesar