Opinión

Evitemos a mercantilización da vida

O vindeiro 18 de abril vaise realizar unha xornada de acción mundial, centralizada en Europa e Estados Unidos, contra os tratados de libre comercio (TTIP, CETA, TISA) que se están a negociar auspiciados polas grandes potencias occidentais e practicamente en segredo. É un tema de enorme transcendencia, xa que estes TLCs van condicionar todos os aspectos da nosa vida, dende as condicións laborais ate a calidade dos produtos, o medio ambiente, o investimento de capitais, o sector público... Polo que resulta lóxico que tamén estean convocadas manifestacións na Galiza por parte de forzas políticas, sindicais e sociais.


Estes tres tratados están en distinta fase de execución. O CETA, entre a UE e Canadá, xa foi redactado e está pendente da súa aprobación definitiva. O TTIP, que afecta aos Estados Unidos e máis á UE, preténdese concluír o vindeiro ano. Do TISA, un tratado entre dúas ducias de países que abrangue en exclusiva os servizos, pouco se sabe, e todo amosa que ten como finalidade tapar os aspectos neoliberais pendentes nos outros TLCs.


Estes acordos preséntanse diante da opinión pública como beneficiosos pra economía e a xeración de emprego. Claro que isto mesmo se dixo do TLC entre Estados Unidos, Canadá e México, e sendo verdade que neste último país, o máis débil dos tres, creceu o PIB, foi a costa da desfeita do sector agrario, o medre da desigualdade social e da enxurrada migratoria. Un informe do Instituto de Desenvolvemento Global e Medio Ambiente da Tufts University (Massachusetts, USA) calcula que suporía a perda de ate 600.000 empregos na Unión Europa, así como unha queda do PIB, aumento da desigualdade e inestabilidade.


O xeito totalmente antidemocrático de negociación destes tratados fica patente polo feito de que nen os parlamentos dos Estados, nen a Eurocámara teñen unha información completa sobre as propostas e o estado das negociacións, mentres que os lobbys empresariais teñen unha audiencia especial. No debate do texto do acordo con Canadá no Parlamento Europeo, déuselle un minuto a cada deputado/a pra expoñer súa posición. Foi un trámite. Aínda que a oposición de Alemaña, á que se lle sumou Francia, en relación coa cláusula sobre “garantías de investimento” ás corporacións freou, polo momento, a aprobación do tratado, xa que ademais, debe ser referendado por cada un dos estados da UE.


Un dos aspectos máis regresivos que se quere implantar é a cláusula ISDS (Investor-State Dispute Settlement). Trátase dun mecanismo que permite ás corporacións demandar os estados asinantes, se estas consideran que os seus negocios son prexudicados por normas ou decisións dalgún governo. Os conflitos serían resoltos en tribunais privados, nos que teñen un papel destacado os grandes bufetes de avogados. Este mecanismo xa se está a utilizar hoxe en caso de controversia, naqueles tratados internacionais nos que as partes se obrigaron a aceptar este tipo de procedementos, con resultados moi negativos para a soberanía dos estados e o sector público.


En resumo, este novo pulo na globalización neoliberal, da mercantilización da vida, que se quere impoñer, terá consecuencias moi regresivas pras clases populares, especialmente no sul da Unión Europea. Pra Galiza os efectos serían moi semellantes aos que se deron coa integración da economía na Unión Europea, e previamente no Estado español. Calquera pode ollar que a consecuencia non foi o desenvolvemento do país, senón que a “modernidade” fíxose a costa da destrución do mundo rural, a emigración, a desaparición de sectores estratéxicos e o aumento do control foráneo sobre a economía e a alienación cultural. Resultados que se constatan no menor peso da nosa economía e no retroceso demográfico, tanto en comparanza co Estado español como coa UE. Hai razóns abondo pra se opoñer.

Te puede interesar