Opinión

Vogando nos libros de Xosé Fernández e Frei Feijóo, OFM

Un novo amencer no coñecemento de Vicente Risco, proteico autor da Xeración Nós, é o que nos propón Xosé Fernández con ‘Vicente Risco mestre de mestres’, que ven de obter o premio ‘Antón Losada Diéguez 2016’. O libro foi editado pola Deputación en 2014, coa maxia de ‘Blau’ (Miguelanxo Carvallo) na maqueta, deseño gráfico e capa, que é a reconversión da súa tese en psicopedagoxía pola UVigo ‘Vicente Risco e a educación’, coa que en 2009 se doutorou. 

O autor nado en Maside desenrola no amplo volume, sete capítulos de fácil lectura dende a súa tipografía. Logo do preceptivo corpus bibliográfico, ben cumprido, ofrécese o catálogo dos artigos de Risco en xornais e revistas, da meirande utilidade para coñecer polo miúdo ao autor de ‘O porco de pé’, dende o nivel do cotiá no que escribía o ‘Libro da horas’, paradigmáticos latexos a comezos da súa filosofía vital. Dende que comezara a formar parte do claustro da Escola Normal de Mestres no verán de 1916, a súa pretensión foi, como salienta o autor do estudo, ‘ensinar a todos a coñecer e amar Galicia, reconstruír a nacionalidade galega’. 

Logo do capítulo inicial que trata da súa vida e formación, pasa a estudar a súa visión do ensino, literatura e tradición oral, os xogos, aspectos todos que son analizados no canto do servizo da escola, para centrarse finalmente na súa acción como ‘formador de mestres’. Eis, no ronsel das eleccións políticas, e do curso lectivo que está a rematar, unha clarificadora lectura para todos.  
A música que é son no ar, publicase para fixar máis alá da memoria unha inspiración. A do frade franciscano Frei Manuel Feijoo (1926-1992), ourensán de Outomuro (Cartelle), que comezou nos anos sesenta do século pasado a soar, retorna logo da súa ‘Obra polifónica’ tamén convertida en libro: ‘Música de Nadal’. Está editado en Ourense por Armonía Universal (Carlos Núñez), con deseño de Blau e coordinación de Frei Enrique Mourille, sobriño seu, que firma o limiar en maio este ano que andamos. 

O etnomusicólogo Rico Verea abre o libro que ten un tamaño de cantoral moderno co estudo antropolóxico do frade, a quen coñecemos na nosa estadía universitaria santiaguesa: espigado e delgado, co sorriso nos beizos e a música que reflectía dende os ollos o espírito dun ser que amaba fondamente á nosa terra e á nosa lingua. 

A extensa obra de Feijoo

Na súa abundante produción hai numerosa música sacra e tamén profana, haina para piano e tamén de solista, aínda que é a coral a máis coñecida dende o Orfeón Terra a Nosa, que fundou, e co que gañou numerosos premios e recoñecementos en múltiples países .

Nos textos poéticos, das súas coñecidas panxoliñas con texto de Torre Enciso, hai sempre algo de dramaturxia. Con elas, amais, hai outras: de López Abente, Ben-Cho-Shey, Alberto Camino, e súas propias, como a que comeza desta forma: ‘Onte á noite nun palleiro/sobre unhas pallas e un guizo/apareceu minha xoia/o Fillo de Deus meniño’. A harmonía da súa música é exemplo do Todo para todos.

Te puede interesar