Opinión

Ramón Obella Vidal

En 1939 nacía a empresa farmacéutica Zeltia. Unha feliz iniciativa que se lle debe fundamentalmente a Ramón Obella Vidal, un médico e empresario descoñecido para o gran público. Pertenceu a unha xeración de galeguistas ilustrados que souberon imaxinar un País e as maneiras para conseguilo con estratexias empresariais innovadoras e proxección internacional.


O Foro E. Peinador, que vén realizando nestes últimos anos un labor de sensibilización co empresariado galego, publicou recentemente a súa biografía: ‘Obella Vidal. Investigador, empresario e galeguista’. Un descoñecido no seu propio País. Porque o doutor Ramón Obella Vidal foi un dos persoeiros que, cando a modernización ía da man da mecnaización, e os sectores produtivos básicos asentaban a meirande parte do dinamismo e a produtividade da nosa economía, el soubo mirar máis alá.


A empresa Zeltia, o seu máis sobranceiro legado, referencia internacional da industria biomédica, sintetiza toda a extraordinaria capacidade que atesouraba Obella Vidal. A herdanza que Zeltia supón, vai alén do progreso científico-técnolóxico. Os máis de 70 anos da empresa son historia, tamén, dun dos esforzos máis importantes, transcendentais, direi, na configuración e a reivindicación dun tecido industrial galego do I+D+i, ao que el lle engadíu o ‘G’ de galeguismo, premisa imprescindible, para calquera marca comercial que queira salientar nos mercados internacionais.


Os efectos devastadores da guerra civil española, que levou ao exilio e a prisión a moitos investigadores, non arredou a Obella Vidal do empeño de soerguer unha industria baseada na investigación e no coñecemento. O seu biógrafo, o profesor Ricardo Gurriarán, sinala a clave do seu éxito: ‘Soubo escoller unha idea (a explotación dos recursos naturais do país co fin de mellorar a saúde da poboación, con metodoloxía científica), arrodearse das persoas mellor formadas para levala a cabo e poñer os medios económicos para a súa materialización, tendo no horizonte Galicia e o seu desenvolvemento industrial e hixiénico-sanitario’. Foi un importante emprendedor no difícil mundo da investigación científica aplicada á industria, por non dicir o primeiro en Galicia. Porque Obella puxera anos antes en marcha o primeiro laboratorio bioquímico galego, cando esta ciencia, a bioquímica, estaba dando os seus pasos iniciais: o Laboratorio Miguel Servet (Vigo, 1936), tendo como socio a Alexandre Bóveda.


Logo viría Zeltia, instalada no Porriño. En pouco máis dun ano e medio de funcionamento, apunta Ricardo Gurriarán, patentaron máis de dez especialidades con cadanseu rexistro sanitario. Nos seus laboratorios elaboráronse fármacos moi variados: a efedrina, a dixitalina, os extractos hepáticos, a foliculina, insulinas, o purpuripán, con presentación de varias formas; e as vitaminas de todo tipo comercializadas baixo o nome de Zeltivit. Tamén se elaboraron e comercializaron vacinas, pesticidas e funxicidas, sendo o máis importante o insecticida DDT, que foi comercializado como Insecticida ZZ, que aínda hoxe manten unhas altas cotas de mercado. Produtos, os máis deles, que se publicitaban a través do ‘Almanaque ZZ’, editado integramente en galego e distribuido gratuitamente nos puntos de comercialización.


O éxito de Ramón Obella débese, parte á súa capacidade de traballo e imaxinación; parte ao seu amigo Fernando Calvet, reputado investigador; e tamen a esa capacidade que tiña de crear un equipo de cualificados científicos aos que logo se lles uniría Antonio Fernández, continuador da empresa, unha vez falecido Ramón Obella, en agosto de 1951.


Ramón Obella Vidal é o continuador do galeguismo empresarial, que tiña no seu amigo Enrique Peinador Vela o modelo e referente máis preclaro na historia económica de Galicia.


(*) Presidente do Foro E. Peinador

Te puede interesar