Jorge Bermello

Publicado: 26 may 2026 - 04:10
Opinión en La Región
Opinión en La Región | La Región

Existen persoas que constrúen edificios, empresas ou proxectos. E hai outras, moito máis escasas, que constrúen cidades. Non unicamente con ladrillo, senón cunha maneira de entender a vida, cunha capacidade especial para unir vontades e cun estilo de liderado baseado no consenso, no diálogo e no servizo aos demais. Jorge Bermello pertence claramente a ese segundo grupo. E onte, no centro comercial Ponte Vella, Ourense devolveulle ao mundo do deporte unha pequena parte de todo o que leva décadas entregando á cidade.

A sala 4 de Galicine quedou pequena. O acto organizado pola Asociación de Adestradores Afiador converteuse nunha homenaxe profundamente emotiva a unha figura imprescindible da sociedade ourensá. Porque Jorge Bermello non é só un empresario de éxito. É unha persoa que leva toda unha vida pensando en Ourense, traballando por Ourense e tratando de facer medrar Ourense dende todos os ámbitos posibles.

E quizá unha das cousas que máis impresionan del é que, aos seus 90 anos, segue ao pé do canón. Continúa levantándose cada mañá coa mesma ilusión, dirixindo a empresa familiar e mantendo intacta unha enerxía que moitos quixeran para si coa metade de idade. Nun tempo no que tantas veces se fala do liderado dende o ego ou dende a imposición, Jorge Bermello representa xusto o contrario: a capacidade de liderar dende a humildade, dende o exemplo e dende o compromiso colectivo.

Sempre entendeu o deporte como un espazo de unión, identidade e sentimento colectivo

Durante o evento quedaron patentes as grandes fazañas que protagonizou pola cidade de Ourense. Unha delas foi salvar, xa naquel momento, ao Clube Deportivo Ourense da desaparición. Aínda que finalmente no ano 2014 o histórico club desaparecese, Jorge Bermello sempre apoiou o deporte ourensán, se do presidente do COB e axudando ao crecemento da Unión Deportiva Ourense, converténdose no primeiro patrocinador que tivo a entidade. Sempre entendeu o deporte como un espazo de unión, identidade e sentimento colectivo, contribuíndo a que existan sinerxias positivas arredor do fútbol ourensán.

Tamén quedou de manifesto o enorme impulso que deu á construción de Expourense, unha infraestrutura que hoxe é referencia e envexa para moitas cidades. Alí non só existe unha exquisita pista cuberta, recoñecida a nivel nacional, senón tamén un espazo que permite albergar feiras, eventos, congresos e actividades que dinamizan a provincia dende o punto de vista económico, deportivo e social. O máis relevante é que detrás deses grandes proxectos sempre houbo unha visión de futuro e unha capacidade extraordinaria para unir sensibilidades distintas arredor dun obxectivo común.

Algo semellante ocorreu no ano 2001 coa inauguración do centro comercial Ponte Vella. Hoxe resulta imposible entender Ourense sen Ponte Vella, pero aquel proxecto foi practicamente un milagre empresarial e urbanístico. Transformou unha zona chave da cidade e converteuse nun espazo de encontro para miles de persoas cada día. E detrás daquela realidade estivo tamén Jorge Bermello, impulsando consensos, buscando acordos e tratando sempre de sacar adiante proxectos pensando no ben común.

Hai unha frase que define perfectamente a súa forma de entender o liderado: “Vin servir, non servirme”. E probablemente aí resida a chave de todo. Porque Jorge Bermello nunca exerceu o liderado dende a confrontación nin dende o interese persoal. Sempre tratou de convencer máis que impor. Sempre buscou tender pontes. Sempre procurou unir. E iso, nunha sociedade cada vez máis polarizada, ten un valor inmenso.

A noite de onte deixou tamén unha imaxe moi significativa: persoas de ámbitos moi distintos reunidas arredor dunha figura que esperta admiración transversal

Ese espírito encaixou perfectamente coa intervención de Montse Tomé, convidada de luxo do acto organizado por Afiador. Ter en Ourense a unha campioa do mundo xa era un privilexio. Pero ademais, a súa reflexión sobre o liderado conectou dunha maneira case natural coa figura de Jorge Bermello.

Montse Tomé falou da importancia da xestión das persoas no fútbol profesional. Explicou que o máis importante de calquera proxecto, ao nivel que sexa, é a capacidade de crear grupo, de xerar confianza e de convencer dende o respecto e o exemplo. Falou de liderar con coñecemento, con humanidade e con capacidade para unir. E mentres falaba, era inevitable pensar que esa mesma filosofía leva décadas aplicándoa Jorge Bermello en Ourense.

Ela conseguiuno no fútbol profesional, liderando unha xeración histórica de futbolistas ata converterse nunha das mellores adestradoras de España. Jorge Bermello conseguiuno dende o ámbito empresarial, deportivo e social, contribuíndo decisivamente ao crecemento e á transformación da cidade. Contextos diferentes, pero unha mesma esencia: liderar dende o servizo, dende o exemplo e dende a capacidade de construír colectivamente.

O seu verdadeiro legado é unha maneira de entender a vida, o liderado e o compromiso coa sociedade

A noite de onte deixou tamén unha imaxe moi significativa: persoas de ámbitos moi distintos reunidas arredor dunha figura que esperta admiración transversal. E iso non se consegue cun discurso puntual nin cunha campaña de imaxe. Conséguese despois de décadas de coherencia, traballo e compromiso coa túa cidade.

Quizá por iso o acto celebrado en Ponte Vella tivo algo especial. Non foi unha simple homenaxe protocolaria. Foi un agradecemento sincero dunha cidade a unha persoa que axudou a construíla dende o diálogo, dende o consenso e dende unha visión profundamente humana do liderado.

Ourense necesita referentes así. Persoas capaces de unir cando outros separan. Persoas que entendan que liderar non é situarse por enriba de ninguén, senón axudar a que todos avancen xuntos. Persoas que crean máis nos acordos que na confrontación.

E onte quedou claro que Jorge Bermello representa precisamente iso. O seu legado vai moito máis alá das empresas, dos proxectos ou das infraestruturas que impulsou. O seu verdadeiro legado é unha maneira de entender a vida, o liderado e o compromiso coa sociedade.

Unha maneira de entender que o éxito só ten sentido cando serve para mellorar a comunidade que te rodea.

Contenido patrocinado

stats