Opinión

De Portugal a Galicia fado

Xa está aquí o agardado novo disco de María do Ceo, e aínda que os máis privilexiados xa tivemos a oportunidade de saborealo desde hai uns días, cando a artista fixo unha presentación para amigos e colaboradores do “crowdfunding” no Liceo de Ourense, a auténtica posta de longo vai ter lugar o próximo venres no Hotel Araguaney da capital de Galicia. Non vou ser imparcial ao falar deste fantástico traballo, porque tiven o pracer de poder escribir moi sentidamente no libro que atesoura os dous Cds e o luxo de poder gravar a dúo a canción “Quen poidera namorala”, un deses temas máxicos da discografía galega que engrandeceu a Luis Emilio Batallán.


Pois cancións tan fantásticas como esta van incluídas neste traballo que consagra, aínda máis se cabe, a impecable traxectoria da nosa fadista; porque fados e cancións populares portuguesas e galegas conviven nesta obra “minhota”, prologada polo Presidente da RAG, Xesús Alonso Montero, que estará tamén en Santiago participando na presentación, acompañado do profesor de Comunicación Xosé Ramón Pousa, e de Antón Alonso, director de Galicia Press, ademáis deste que vos escribe. Esa mesma noite será tamén Xosé Ramón Gayoso quen a reciba no plató de “Luar” para que a nosa cantora nos ofreza algunha das 28 cancións que conforman este dobre traballo, cancións que van desde o “Porto Sentido” ou “Portugal meu Portugal” da súa nenez ata a “Negra Sombra”, “Lela” ou “Xinzo” desta terra que a acolleu e a nomeou “Filla Adoptiva” das Terras da Limia; terras ás que lle canta con orgullo o “Teño Saudade”, porque son terras fronteirizas e minhotas unidas por ríos de augas cantarinas con arrecendo a “Alecrín Dourado”, para chegar a ese Atlántico tan noso que merece homenaxes como a “Cançao do Mar” que tanto emociona.


María do Ceo traballou duro e a conciencia para dar a luz o mellor disco da súa carreira, un dobre formato pensado para os seus fans de sempre e para os novos que se incorporarán, un disco reivindicativo do “fado minhoto” do que tanto gusta Armando González, alma máter de moitas das cancións que María leva cantado desde sempre, un disco fundamental para entender esta “Eurorrexión” da que tanto se fala pero que aínda é a gran descoñecida, tanto a un lado como ao outro da “raia”; foron moitos anos vivindo de costas sen saber que estabamos perdendo unha inmensa riqueza cultural e idiomática por compartir; créanme que aínda queda moito por facer, e sei ben do que falo por vivir durante o ano a cabalo entre Galicia e Portugal, pero tamén sei que con traballos como este “Desde Portugal a Galicia Fado” de María do Ceo imos dando pasos axigantados para “normalizar” definitivamente as relacións de veciñanza, que algúns aínda seguen relegando a unhas cantas compras nos mercadillos e á inxesta de bacallao; un “mea culpa” que tamén teñen que facer os nosos amigos portugueses, para os que a Galiza aínda segue sendo a gran descoñecida.


Para uns e outros canta María en “Terra Inteira”: “Toda a vida que me chega de um só destino se fez, ser no coraçâo galega e ter sangue portugués”.

Te puede interesar