Priscilla

A"Raíña do deserto” reina en Madrid. Confeso que aínda que non puidera asistir estiven convidado hai uns meses á estrea desta marabillosa “Priscilla”, que desde o “taconazo” luminoso do “Teatro Nuevo Alcalá” incita a mergullarse nun mundo de música, fantasía, tenrura e divertimento; todo eso ofrece esta magnífica producción australiana da que algúns conservamos o formato cinematográfico como ouro en pano. Pero para os ourensáns, esta “Priscilla” madrileña ten un valor engadido e emocionante ó contar entre os seus protagonistas co actor valdeorrés Christian Escuredo, un xoven artista labrado a sí mesmo e do que recordo con cariño os seus primeiros pasos en “Luar” e “Supermartes”, onde interpretaba as cancións do seu primeiro disco “Inesperadamente”. O actor valdeorrés non paraba de formarse, tanto en Educación Musical pola Universidade de Valladolid, como en Interpretación Textual na Escola de Arte Dramático de Galicia, ou facendo un posgrao en Pedagoxía Teatral na Universidade de Vigo. Asistía a todo canto curso impartían os mellores profesores de técnica actoral, danza ou creación escénica; participaba en obras, series e películas, como “Barreiros”, tan ligada ó noso Ourense. Escuredo apuntábase a un bombardeo con tal de aprender e medrar; cantou para Disney, volveu a Galicia para facer teatro e series, xirou por todo o Estado con musicais exitosos como “Sonrisas y Lágrimas” e, por fin, encarna un deses papeis polos que calquera actor mataría, o de “Adam” ou “Felicia” no musical “Priscilla Reina del Desierto”. E créanme, Christian está impresionante; emociona, divirte, provoca, e fai que pases no patio de butacas da gargallada máis sonora á bagoa máis sentida. Christian Escuredo converteuse nun actor de oficio, de moito oficio, ó lado de outros grandes como Mariano Peña, o arquipopular “Mauricio Colmenero” de “Aída”, que recibe ó final da obra a homenaxe de todo o público posto en pé. E en pé lle aplaudín sen descanso ó meu amigo Christian, que me dedica no saúdo final o mellor dos seus sorrisos, o de aquel adolescente que chegaba desde O Barco acompañado da súa nai atas os platós de Compostela para convencernos de que o seu era o espectáculo. ¡Grande Christian!, ¡canto me alegrou comprobar como os que cremos en ti desde un principio estabamos no certo! O teu traballo en “Priscilla” é dos de premio seguro, aínda que sabes ben que o mellor premio que os artistas podemos recibir é o da audiencia ou o de encher cada noite ese teatro madrileño onde estás facendo historia. Eres un exemplo para todos eses rapaces que cada venres ou cada sábado queren desde “Luar” ou “Bamboleo” darse a coñecer ó mundo, pero eres sobre todo o exemplo da constancia, do tesón e do traballo duro e ben feito.
Foi un pracer verte, abrazarte e compartir cea acompañados de Miguel Antelo, o estupendo director residente do musical, outro xoven de impecable carreira por d+iante e por tras das cámaras e dos escenarios. Noite inesquencible e para repetir. En Ourense estamos orgullosos de ti.