TRADICIÓN COMO PUNTO DE ENCONTRO
A ruralidade, un fío que une todos os pobos do mundo
TRADICIÓN COMO PUNTO DE ENCONTRO
O fume que comeza a agromar ás oito da mañá do forno comunitario de Lodoselo non só anuncia o pan acabado de cocer e o estoupido das castañas sobre as brasas; debuxa tamén unha ponte entre beiras separadas por un océano. Baixo esa premisa naceu o “Magosto escola”, unha actividade de inmersión cultural impulsada pola Área de Inclusión do Centro de Desenvolvemento Rural (CDR) O Viso que reuniu arredor dunha vintena de persoas de orixe latinoamericana para mergullarse de cheo nunha das celebracións máis arraigadas da provincia ourensá.
Concebida como unha “chiscadela” ao veterano formato de “Pobo escola” da entidade, a xornada fuxiu deliberadamente do folclore de escaparate. Así o explica Camilo Vila, pedagogo do CDR O Viso, que subliña que o obxectivo non pasa por exhibir un costume como unha peza de museo, senón por entregar as chaves para habitalo: “Queremos fuxir un pouco desa idea de ensinar co único afán de que coñezan; queremos que coñezan para que logo participen”. Para Vila, a verdadeira integración prodúcese cando quen acaba de chegar deixa de mirar dende a barreira e toma parte activa na vida comunitaria: “Que a xente non sexa mero espectador, senón que participe de verdade”. Deste xeito, busca que, cando camiñen polas rúas de Xinzo de Limia e vexan os bares, o Concello ou as distintas asociacións festexando o magosto, “saiban o que é, se sintan orientados, con confianza, e que poidan achegar”.
Para conseguilo, a aldea de Lodoselo transformouse nun obradoiro vivo no que ninguén quedou cos brazos cruzados. Organizados en grupos de traballo e cun percorrido polas Casas da Memoria e polo Albergue O Camiño, os asistentes asumiron as seis tarefas fundamentais dunha festa arredor do forno: quentalo dende primeira hora, amasar, apañar e asar as castañas, cocer o pan -incluídos uns bolos preñados- e limpar o espazo ao rematar. “Non fixemos un magosto de exhibición, de show; fixemos un magosto real”, resume.
Entre o labor manual, a cita serviu para descifrar o simbolismo que latexa baixo a tradición: a despedida dos traballos no monte antes do inverno, o inicio da matanza representado no chourizo, a estrea do primeiro viño da colleita e a irmandade transfronteiriza co norte de Portugal, visible ao outro lado da serra a só quince minutos. Nese intercambio aflorou ademais unha conexión inesperada ao elaborar os tradicionais zonchos -colares de castañas cocidas-, unha práctica que espertou ecos inmediatos nas persoas procedentes de zonas rurais de Colombia, onde existen ritos semellantes. Para Vila, ese achado confirma que “a ruralidade é un fío invisible que conecta o mundo”, e o pedagogo lembra que a pervivencia das aldeas galegas pasa por quen chega de fóra: “Para conservar as nosas tradicións, eles tamén teñen que ser partícipes delas”.
A convivencia festiva deixou tamén espazo para a reflexión crítica e o compromiso social. Durante o encontro presentáronse os resultados dunha investigación sociolóxica sobre as consecuencias do racismo estrutural nas mulleres racializadas no medio rural, un estudo desenvolvido ao longo deste ano polo CDR O Viso en paralelo noutras cinco áreas do Estado. Os datos expostos constatan que a discriminación na vida cotiá -na escola, nos servizos públicos ou na propia rúa- continúa a ser unha realidade que marcará as vindeiras liñas de traballo da entidade limiá para construír un rural compartido.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
TRADICIÓN COMO PUNTO DE ENCONTRO
A ruralidade, un fío que une todos os pobos do mundo
NUEVO VEHÍCULO
Vilar de Santos y Allariz mejoran la gestión de basura
Competencias discutidas
Los regantes de A Limia reclaman la puesta a punto de los canales
Lo último
HOMENAJE AL MÚSICO GALLEGO
La música de Carlos Núñez cambia de flauta por una noche en Oviedo
Jorge Vázquez
SENDA 0011
Lo que se compra rebajado
Miguel Anxo Bastos
Por fim, a campanha eleitoral chega ao fim