Berta Dávila, escritora: "Cuestionar por que non escribe alguén en galego sería unha pregunta incómoda"
ENTREVISTA
Berta Dávila é unha das convidadas do II Festival Literario de Allariz (FLAZ), iniciativa da libraría alaricana Aira das Letras que conta co apoio do Concello. Autora de "Illa Decepción" ou "Carrusel", é unha das figuras máis salientables da literatura galega actual
Este sábado á tarde Dávila manterá unha conversa coa escritora Marta Orriols titulada “A vida cotiá como materia prima na literatura actual”, ás 17,30 horas, na sala de exposicións A Fábrica. Ademais, a Feira de Editoras Galegas estará aberta de 11,00 a 21,00 horas.
Cando decidiu escribir?
Sempre fun unha nena que leu, que atopou na lectura un espazo no que me sentía moi ben. E o interese por ir escribindo foi xurdindo de aí. Despois tiven a oportunidade de publicar os meus libros, e algúns deles funcionaron ben. Tiven boa fortuna en moitos sentidos e seguín escribindo. Non houbo un momento catártico no que decidise nada.
A xente nova agora xa non ten un Xabarín Club.
As xeracións de hoxe, se cadra, xa non precisan as mesmas fórmulas que tivemos nós. Creo que é evidente que hai unha recesión da lingua dun tempo a esta parte: por número de falantes, por competencia, por cuestións que teñen a súa orixe nas políticas lingüísticas dos últimos 20 ou 15 anos. Gustaríame máis pensar, quen teña que pensar, en que precisan as xeracións de hoxe. Ás veces, cando pedimos que volva o Xabarín, pedimos que volvan os anos 90. Daquela os nenos víamos os debuxos nunha franxa tomando a merenda, pero agora xa non. Habería que actuar en dúas vías: consumir o que hai, e propoñer o que queremos que haxa. Certo tipo de queixa permanente, lonxe de ser un revulsivo, ás veces é un escudo para non facer nada.
A cultura en galego e o uso da lingua, traxectorias opostas.
Non podemos vivir alleos á circunstancia de que escribir en galego é unha escolla. Non pasa nada por dicilo. Unha cousa é o plano íntimo, no que facelo é unha escolla natural e con normalidade. E outra é o plano público, de circunstancia de conflito lingüístico, na que esa escritura en galego logo se proxecta. Con todo, eu tamén observo que esta pregunta poucas veces se lles fai a escritores, músicos e artistas galegos que deciden optar pola outra opción. Ás veces creo que se sobreentende que decidir non escribir en galego é unha opción natural e neutral, e que a outra é o contrario. Habería que indagar tamén nas outras escollas, porque non escribir en galego tamén o é. Pero sempre se carga a pregunta nas autoras que escribimos en galego, porque non pasamos todo o día pensando salvar o idioma en cada frase. O que quero dicir é que se consideraría unha pregunta incómoda se se fixera ao contrario. Non me parece mal, pero tamén é incómoda dende esta banda, non para min persoalmente, pero incómoda porque te pon no campo de ter que defender unha posición que creo que xa defendemos de facto.
Canto ten cambiado Santiago?
Na última década houbo unha presión que medrou exponencialmente co turismo e, sobre todo, co mercado do aluguer. Hai unha sensación de que vivir en Santiago é cada vez máis complicado. Pero eu son moi de alí, adóroa. Ten as súas cousas boas e malas, tampouco a teño idealizada Espero que a humanidade vaia transitando cara maneiras máis humanas de vivir nas cidades. Pero sinceramente tampouco me ten pinta de que todo isto vaia a mellorar moitísimo.
Por último, algún referente?
Penso que hai algo que mudou de maneira central a miña forma de relacionarme coa literatura e que ocorreu nun momento inconcreto e progresivo. Decateime de que levaba toda a miña vida de adolescente e primeira xuventude lendo un canon literario masculino, que ademais impactaba moito na miña maneira de escribir, porque asumira de forma inconsciente que para ser escritora tiña que ser escritor. Porque entendera que ese canon era a literatura. Así que houbo unha etapa na que comecei a ler autoras, e acabaron revelando e impoñendo as súas voces. Falo de moitas autoras americanas de contos, e que me levaron a unha certa estilización da linguaxe e unha vocación por escribir claro.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
ACCIDENTE DE TRÁFICO
Vuelca un coche en la A-52 en la salida de Allariz
BALANCE DE LA COMARCA
Un año de punto y aparte en Allariz y Maceda
Lo último
ACCIDENTE LABORAL MORTAL
Muere un hombre por una posible intoxicación de monóxido de carbono al revisar un generador
DEFICIENCIAS EN LA SEGURIDAD
Primor cierra temporalmente en la rúa do Paseo en Ourense por incumplir la normativa de incendios