Vicente Risco celebra os seus 140 anos cun percorrido pola vila
140 ANIVERSARIO
A Fundación que leva o seu nome organizou un roteiro dramatizado no que non faltou a torta
No ano do seu 140 aniversario, a Fundación Vicente Risco foi quen de “revivir” onte na vila alaricana ao intelectual nacionalista e autor prolífico da Xeración Nós Vicente Risco, que percorreu as rúas na compañía da súa muller, María del Carmen Fernández, grazas a un roteiro dramatizado que rematou na sede da Fundación, que acolle ademais a casa-museo do autor ourensán.
A mañá ameazaba chuvia, pero por sorte o tempo acompañou na camiñada, que contou coa presenza do conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos; o secretario xeral de Lingua, Valentín García; o delegado territorial, Manuel Pardo; o deputado provincial, José María Lago; a alcaldesa de Allariz, Cristina Cid, e a presidenta da Fundación Vicente Risco, Celia Pereira.
O roteiro iniciárono Tomás das Congostras e Manoliña, traballadores da casa-museo, pero a medio camiño “sorprendeunos o propio Risco cando nos atopábabamos na igrexa de Santo Estevo, xa que estaba a recoller frases feitas e refráns”, sinalou Celia Pereira.
Ao chegar á casa, os presentes descubriron que, ademais de Risco e a súa muller, alí tamén os “agardaba” Ramón Otero Pedrayo. Nun ambente festivo, tanto representantes institucionais como membros das fundacións Otero Pedrayo, Castelao, Blanco Amor, do Museo do Pobo Galego e da UVigo realizaron unha visita guiada pola casa-museo e, tralo turno de intervención, foron testemuñas dun Vicente Risco “redivivo” que soprou as velas dunha torta, e que deu paso a unha pequena celebración con viño e petiscos.
O conselleiro López Campos, que visitaba o museo por vez primeira, gabou o labor da Fundación polo traballo que realizan “para manter vivo un legado tan importante para Galicia”, e definiu a Risco como “alicerce da nosa cultura”.
Os actos polo 140 aniversario do nacemento do Risco continuaron á noite, cun concerto no Roi Xordo da banda de punk galega Radio Océano e de Xurxo Souto, que incorporou a poesía do autor.
Para a presidenta da Fundación, o máis importante é “seguir dando a coñecer toda a obra de Vicente Risco, dunha grande fondura e diversidade, e que perviva no tempo”, e lembrou que este luns presentan no Liceo de Ourense, ás 20,00 horas, o seu “Libro das Horas”.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
QUEN CHO DIXO
¿Sabe usted que la Navidad ya llegó a Allariz?
SAN VITORIO DA MEZQUITA
Alertan de un fuego intenso en una casa de Celeiros, Allariz
FLUIDEZ DO TRÁFICO
Allariz delega na Garda Civil de Tráfico dende esta semana
Lo último
PROPUESTAS INTERNACIONALES
Allariz selecciona los mejores jardines para su edición más libre
SEGUNDA FEDERACIÓN
La UD Ourense quiere acabar el año con victoria
La Región
Tiranías