Formación para mellorar os cultivos de pataca, en Xinzo

O obxectivo destes encontros é, tal e como subliñan dende a Consellería, reflexionar sobre as técnicas de cultivo da pataca a través do intercambio e transferencia de coñecementos entre Galicia e a Bretaña francesa

A Xunta de Galicia, a través da Consellería do Medio Rural, organiza esta semana un seminario en Xinzo sobre mellora das técnicas de producción de pataca. Dividirase en dúas xornadas: mércores, día 18, e xoves, día 19, e desenvolverase na Casa da Cultura. 

O obxectivo destes encontros é, tal e como subliñan dende a Consellería, reflexionar sobre as técnicas de cultivo da pataca a través do intercambio e transferencia de coñecementos entre Galicia e a Bretaña francesa, ao tempo que se busca establecer liñas estratéxicas para a implementación de técnicas de cultivo que optimicen os rendementos e a conservación dos solos, e instaurar canles de cooperación entre os produtores que contribúan á mellora dos sistemas de produción, almacenamento e comercialización.

Na procura do anterior, durante as dúas xornadas haberá charlas e mesas redondas nas que participarán expertos, tanto galegos como da Bretaña francesa. No primeiro día abordaranse temas como os criterios de traballo do solo, os labores preparatorios para o cultivo da pataca ou os sistemas de plantación. Tamén se intercambiarán experiencias entre o cultivo da pataca na Bretaña e as respectivas comarcas productoras galegas, e visitaranse diferentes parcelas co fin de adquirir novos coñecementos. No segundo día trataranse temas como o plan de fertilización da pataca, o tratamento e coidados das plantacións ou o uso dos fitosanitarios. Ademais, haberá unha mesa redonda. 

Os teléfonos para as inscricións no seminario de Xinzo de Limia son o 616 764 805 (Asociación de Empresarios, Gandeiros e Agricultores da Limia -Adegal-) ou o 981 654 637 (Fundación Juana de Vega).

Te puede interesar