Parada de Outeiro rendiu homenaxe ao que foi o seu párroco durante 49 anos
JUBILACIÓN
Centos de feligreses reuníronse nun acto que rematou cunha comida
Miguel Fernández Grande dixo adeus aos seus feligreses con todas as honras e descubrindo, da man do rexedor de Vilar de Santos Xan Jardón, unha placa coa súa imaxe ao carón do templo. "Intelixente, inquedo e coherente" foron os adxectivos que empregou o novo párroco de Parada de Outeiro, Don Manuel, para calificar ao seu predecesor no cargo durante case medio século.
O acto conmemorativo, que contou coa presenza doutros cargos do municipio como o ex rexedor e coordinador do Museo da Limia, Antón Jardón; o presidente da entidade, Delfín Caseiro e outros curas da comarca da Limia, comezou ás 12,30 horas coa celebración dunha eucaristía. Nela, o actual párroco louvou as tarefas realizadas por Don Miguel ao longo destes anos. "Buscou sempre o progreso cristián e humano da parroquia, fomentando todas aquelas actividades que axudasen a crear un espírito de comunidade", dixo. "Sempre pensou en vostedes e nunca nel mesmo. Foi un transformador da cultura e un galego de pés a cabeza. Convencido. E, por este motivo, fomentou o noso idioma sempre que puido e tivo ocasión de facelo", engadiu.
Na súa aposta por dinamizar a vida do rural, en xeral, e de Parada de Outeiro, en particular, Don Miguel fixo un campo de fútbol na localidade e creou un obradoiro no que se celebraron infinidade de cursos en todos estes anos. O octoxenario párroco, formado no Seminario de Ourense, sempre estivo convencido da importancia de ter un espírito cooperativo e asociativo.
Durante a misa, que durou algo máis de dúas horas, foron varios os amigos e persoas cercanas que quixeron adicarlle unhas verbas, entre eles, o rexedor local, Xan Jardón. "É unha honra para nós colaborar neste evento, xa que se trata dun obrigado recoñecemento", dixo o primeiro edil de Vilar de Santos. "Don Miguel foi un home comprometido co noso pobo e coa nosa lingua, pois nunca renunciou a empregala", engadiu.
Jardón enxalzou ao xa expárroco como unha persoa que "representou un punto de inflexión e unha vela de esperanza e de futuro. Sempre traballou dende a súa condición de ser un veciño máis".
O evento continuou coa retirada dunha bandeira galega, trala que apareceu unha placa conmemorativa. A nota musical púxoa un gaiteiro que interpretou o hino do antigo reino de Galicia. Logo dun forte aplauso, un tímido e emocionado Don Miguel quixo dar as grazas a todos os presentes polo seu cariño. ¡Saúde e longa vida para o párroco de Parada!, escoitouse para rematar, da voz dun dos seus amigos cercanos.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último
A varios organismos
Honduras denuncia a Trump por injerencia en sus elecciones
ESTATUAS PROFETAS JEREMÍAS Y EZEQUIEL
Santiago recibe las esculturas del Pórtico de la Gloria tras 70 años fuera de la ciudad
PROGRAMACIÓN NAVIDAD 2025
El centro comercial Ponte Vella arranca su programación navideña con ocio, talleres y visitas mágicas