Rafael Laso Lorenzo: "Hoxe unha desecación como a feita na Lagoa de Antela sería imposible"

undefined
photo_camera Rafael Laso Lorenzo no seu despacho.
O escritor limiao Rafael Laso invita a reflexionar, mediante narrativa de fantasía, sobre a flora e a fauna que se extinguiu coa desecación da Lagoa de Antela. “A revolta da lagoa” -presentarase en Xinzo o Día das Letras, 20,00 horas- é a loita dos animais deste entorno para evitar un proceso que mudaría a historia da Limia e que, 60 anos despois, continúa no imaxinario colectivo, protagonizando libros e debates. Aínda que Laso asegura que non se pode descontextualizar unha decisión que se tomou hai máis de medio século, si  opina que un día como hoxe non se materializaría. 

Estamos ante o seu terceiro libro ambientado na Lagoa de Antela. 

É o terceiro libro que ambiento na Lagoa de Antela -”O trasmundo de Antioquía” e “Unha vida de ra” foron os dous primeiros-, pero é a primeira vez que falo do proceso de desecación, da súa historia dende o punto de vista dos animais. 

Uns animais que, dende o proceso de desecación, xa  non están todos. 

O proceso de desecación afectou a especies que existían. No libro eu falo de moitas, pero algunhas xa non están: os cisnes, o gato montés, o avetouro, moitos tipos de patos… Hai outras que están case extinguidas como a pita cega. Pero o mesmo aconteceu coa flora. 

O libro pretende unha reflexión sobre o que se perdeu coa desecación?

Si, aínda que non pretende ser unha crítica. Non se pode criticar hoxe o que se fixo naquela época, onde había outra mentalidade e outras ideas. Eu son dos que din que un proceso non ten todo bo, pero tampouco ten todo malo. Habería que velo dende moitas perspectivas. 

É unha historia non so pensada para un público infantil. 

É para lectores de máis de 10 anos e conta cunhas fermosas ilustracións de Ximena Maier. Pero é unha historia que pode ler calquera. Engadiría un cero máis: de 10 a 100 anos. 

Que cre vostede que explicaría o feito de que algo que aconteceu hai 60 anos continúe tan presente na vida dos limiaos?

Penso que o paso do tempo deixa outra maneira de ver as cousas e pensas se o resultado foi tan bo como o que se pretendía conseguir. Hai que situarse no contexto daqueles anos, en plena ditadura franquista, na que había un afán desecador de zonas lacustres do país para xerar superficies agrícolas. Houbo dous intentos de desecación da lagoa que fracasaron pola presión da xente. A miña teoría é que se hoxe retrocedemos aos 60 volvería a desecarse a lagoa, pero actualmente non se faría. Sería imposible, hai unha maneira diferente de entender a relación entre os seres humanos e o medioambiente. 

De que maneira se poden preservar as especies que vostede reflexa no seu libro e que aínda existen?

Creo que a xente está concienciada e fanse cousas. Hai páxinas especializadas sobre a Lagoa de Antela, a Sociedade Galega de Historia Natural fai un moi bo labor, o propio Concello tamén. É moi positivo tamén que o resultado das extraccións areeiras se estea deixando ao aire libre. 

Escritores coma vostede fan unha labor importante na divulgación daquela realidade. 

Si, pero hai que animar a ler en xeral. Proporciona unha mente máis aberta e con máis posibilidades

Te puede interesar