Luis Carlos de la Peña
CAMPO DO DESAFÍO
Memorias
A quen lle pode interesar o pesimismo co que escribe o Vello Milenario? Penso que a moi poucos; máis isto non é óbice para que trate de conectar cos lectores que participan na dúbida da vida desde distintos balcóns do pensamento que, para teren validez, han ser críticos.
Un amigo solipsista, a quen lle teño un especial cariño, manifestábame que é feliz ao controlar a realidade ficticia dun mundo atomizado no que, a pesar de estarmos rodeados de “xente”, vívese na soidade máis absoluta e, por suposto, desconectados e sen proxectos compartidos. Para el todo o que existe son emanacións da súa conciencia. Pesimistas, amantes das festas. Fermosuras, devoradas polo tempo. Secretos ocultos para a eternidade. Erotismo emanado das masas desconsoladas. Amores clandestinos, fillos da imaxinación cromática e hormonados pola caricia de mans traballadoras.
A horta está chea de produtos caducados que ninguén consume para evitar unha gastroenterite que someta á humanidade a unha aburrida corentena. Nesa situación, moitas persoas experimentan unha profunda desconexión da comunidade a que pertencen, o que provoca ser vítimas de depresións que alteran a súa saúde mental. Cidadáns anónimos, con profundo desarraigo, que só contemplan a soidade como preámbulo dunha vinganza redentora. O instrumento máis perigoso é o móbil .
A capacidade de asombro é ilimitada. Unha coroza de aceiro protexe ós que tratan de absorber un coñecemento total dos acontecementos de tódolos días, o que xa cualificou como “inútil” o filósofo francés Jean François Ravel en 1989. A democracia, con múltiples opinións volubles e determinantes para acadar a maioría que da o poder, é estruturalmente a caverna de Platón. Nela, as posverdades teñen un lugar privilexiado para producir o efecto desexado e analizar, sen consumilos, os tomates contaminados do horto. Faltar a verdade convertese nunha defensa dos argumentos que protexen o grupo ideolóxico, ancorado nun pensamento incontestable e alienable.
A posverdade obriga ós patriotas a ter que agradecerlle a Isabel Díaz Ayuso o periplo que, como embaixadora da España dos Austrias, sufriu traizóns, fame, frío e infinitas penalidades para enfrontarse co pais máis corrupto e criminal do mundo, México, nación dos mexicas (aztecas), maias, olmecas, toltecas e totonacas… O obxectivo fundamental era recoñecerlle a Hernán Cortés o mérito de cristianizar e aniquilar a cultura salvaxe dos habitantes dese maldito país. Non lle importou a traizón do rei Borbón nin a conspiración do presidente do seu país nunha alianza inexplicable coa capo dos narcotraficantes, que a acosaron ata a extenuación.
A súa soberbia serve para coñecer o perigo que supón darlle ao necio responsabilidades propias do sabio que, para triunfar, necesita grandes doses de odio mesturado con soberbia. É consciente de que a súa limitación intelectual lle impide representar á dereita tecnolóxica, que aflora mediante algoritmos sofisticados que poucos neófitos dominan. Ignora as teorías de Curtis Yarvin ou Nick Land. A pesar de todo, Ayuso é unha activa aspirante a liderar en España a Ilustración Escura. Inda se considera fermosa e carece de data de caducidade. Esquecendo que as pirámides tamén caducan.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último
CONVERSACIONES
Cuba recibió en La Habana a John Ratcliffe, jefe de la CIA
La Región
Pantallas
LOS TITULARES DE HOY
La portada de La Región de este sábado, 16 de mayo
ENCUENTRO DE INDUSTRIA ALIMENTARIA
Rueda implementará medidas “valientes” ante el absentismo