O Entroido de Maceda comezará o 4 de febreiro cos Compadres

undefined
photo_camera Un Felo saúda a un conductor no centro de Maceda durante o pasado Entroido. (José Paz)
O sábado, día 18 de febreiro, será a xornada central das festas coa baixada da Marela dende o alto do Toural e cunha verbena coa Charanga Fuego.

Maceda quenta motores para vivir unha nova edición do seu Entroido cos felos como principais protagonistas. No caso desta localidade, a festa máis agardada do ano prolongarase durante oito días e terá a súa primeira parada o 4 de febreiro, con motivo dos Compadres. Ese mesmo día comezará o concurso de mecos. 

A conmemoración do Entroido continuará o sábado, día 11 de febreiro, cun fiadeiro en Carguizoi, que contará coa visita dos felos. Xa o venres, día 17 de febreiro, será a quenda das Comadres. Haberá un pasarrúas e cea a partir das 21,30 horas. 

O sábado, día 18 de febreiro, será a xornada central das festas coa baixada da Marela dende o alto do Toural e cunha verbena coa Charanga Fuego. Os felos percorrerán pobos como Castro de Escuadro, Pías, Santirso, Xinzo da Costa, Celeirón, Barxela, Vilar, Carguizoi e Maceda. Ás 20,00 horas chegarán á Praza das Toldas. 

Os felos tamén sairán polas rúas o domingo, día 19 de febreiro. Ese mesmo día, a partir das 19,00 horas, actuará a Orquestra Saudade. 

Por outra banda, o luns, 20 de febreiro, recuperarase a tradición de Os Bolouros -ás 11,00 horas- e, pola tarde, haberá festa infantil no pavillón municipal. A Mareliña baixará ás 19,00 horas da tarde. 

Para unha das últimas xornadas de festa, a do 21 de febreiro, deixarase a celebración do desfile de carrozas e comparsas. A saída será ás 17,30 horas dende a Praza das Canteiras. A Orquestra Fusión poñerá o ritmo a partir das 19,00 horas. 

Por último, o sábado, día 25 de febreiro, terá lugar o Enterro dos Mecos, evento que marcará a despedida. Será ás 20,00 horas, momento no que a Charanga A Felga acompañará os pasos da procesión fúnebre. Ao remate, Os Taberneiros ofrecerá pinchos aos asistentes.

Te puede interesar