A vila alaricana despídese por todo o alto da súa “Festa da Empanada”

FESTA GASTRONÓMICA

Veciños e visitantes acudiron aos postos de comida, desfrutaron da música e do deporte no último día do festexo alaricano

Iago García

Publicado: 19 ago 2024 - 01:07 Actualizado: 19 ago 2024 - 09:21

A xente non paraba de pedir empanadas nos postos do Campo de Vilanova.
A xente non paraba de pedir empanadas nos postos do Campo de Vilanova.

A Festa da Empanada de Allariz puxo o punto e final no día de onte. O Campo de Vilanova albergou os postos de churrasco, polbo e por suposto, o producto estrela: a empanada. Veciños e turistas intentaban probar as empanadas de ata 13 sabores diferentes, e algúns que chegaron tarde quedaron incluso sen poder degustar o produto, debido á gran cantidade de xente que se achegou aos postos a mercar.

As actividades do último día comezaron cedo, co tradicional pasarrúas da consolidada e galardoada Banda Unión Musical de Allariz, que actuaron en dobre sesión matutina. Mentres a música vibraba na vila, os piragüistas remaban na auga, coa Regata Provincial de Piragüismo no embarcadoiro da Alameda, que contou cunha alta participación de diferentes deportistas da provincia.

Como vén sendo habitual na historia da festa, os Xigantes e Cabezudos saíron a desfilar polas rúas alaricanas. Estiveron acompañados polo grupo de gaitas De Pé Feito, cun percorrido que foi dende a Praza de Abastos ata o Campo de Vilanova.

O fútbol tamén foi protagonista, co tradicional Trofeo Festa da Empanada do C.D. Allariz, que se presentou ante a súa afección xogando contra o Sporting Celanova. A música rematou coa festa, co concerto de De Ninghures e a verbena amenizada polo Grupo Tattoo.

Contenido patrocinado

stats