Xosé Manuel Olveira, 'Pico': ‘A xente que se adica ó audiovisual sempre foi un pouco pasota á hora de asociarse’

Presidente da Academia do Audiovisual

Subiu por primeira vez a un esceario hai 37 anos e xa non parou. Xosé Manuel Olveira ‘Pico’ (Esteiro, Muros, 1955), comezou a traballar co grupo de Teatro de Cámara Ditea en 1972.

Manuel Villar
Publicado: 18 jun 2009 - 15:37 Actualizado: 10 feb 2014 - 23:41

O teatro é para Xosé Manuel Olveira, máis que unha paixón, unha debilidade, pero nunca pechou portas a experiencias televisivas ou cinematográficas. O seu primeiro contacto co audiovisual chega en 1978 con ‘Os paxaros morren no aire’, dirixida polo seu amigo Chano Piñeiro. Con el descubriu a maxia do cine e compartiu as primeiras ilusións en formato celuloide: ‘Eu, o tolo’ (1982) e ‘Sempre Xonxa’ (1989). Despois virían longamentraxes con ducias de directores, que sempre viron en Pico o secundario perfecto: Alejandro Amenábar non se esqueceu de el en ‘Mar adentro’ (2004) e José Luis Cuerda tamén coutou con el para ‘Os xirasois cegos’ (2008). Participou, ademais, noutras produccións galegas de éxito: ‘Blanca Madison’ (1998), ‘A vida que che espera’ (2004), ‘O ano da carracha’ (2004), ‘Máis ca irmáns’ (2005) ou ‘Os mortos van a présa’ (2009), nun papel polo que ven de recibir Premio Mestre Mateo á mellor interpretación masculina.

A pesar do seu envexable currículum no teatro e no cine, Pico non se deu a coñecer para o gran público galego ata que apareceu en series de éxito (‘Mareas Vivas, Pratos combinados’ e ‘Padre Casares’) ou colaborou con diferentes programas de televisión. É un referente para o sector e os seus compañeiros veñen de elixilo presidente da Academia do Audiovisual, un cargo ó que lle dedicará o tempo libre que lle deixen as longas xornadas de rodaxe.

¿En que anda traballando na actualidade?

Estamos na terceira semana de rodaxe dunha serie de que leva por título ‘Última hora’. É unha historia de xornalistas, na que eu son o director do xornal.

Ademais de dirixir un xornal na ficción, desde hai uns días preside a Academia do Audiovisual. ¿Que é máis difícil?

Nada é doado. Aceptei a proposta da directiva anterior porque considero que debemos seguir na liña de neutralidade e independencia marcada durante a presidencia de María Bouzas. Hai cinco membros que conti núan e outros cinco que somos novos, pero penso que todos compartimos a idea de manter as cousas que se fixeron ben nos últimos tempos.

Aposta pola continuidade, pero seguro que ten algún proxecto novo na cabeza. ¿Que lle gustaría conseguir nos vindeiros dous anos?

Algo hai. Estaría ben que Televisión de Galicia destine o 5% do seu orzamento que por lei debe reservar para a producir audiovisual galego, aumentar a nosa presenza en foros e festivais, mellorar a gala dos premios Mestre Mateo e conseguir que aumente o número de académicos. A Academia aglutina colectivos moi diversos (actores, productores, técnicos, músicos,) que se agrupan en asociacións que atenden as súas necesidades particulares, polo que nós temos que actuar como punto de encontro para estes colectivos.

Outro dos obxectivos marcados pola nova directiva é aumentar a proxección fóra de Galicia. ¿Como se pode conseguir?

Este ano xa convidamos ós colegas cataláns ós Mestre Mateo para darlle máis visibilidade á Academia. Outro xeito de gañar proxección é fomen tando as coproduccións; eu, por exemplo, veño de traballar nun proxecto compartido por Galicia, Portugal e Arxentina. Hai que aproveitar tamén os contactos que se fan cando traballamos fóra de Galicia, propiciar encontros para saber como se armella o sector noutros sitios e facer todo o posible para que nos coñezan fóra e aquí.

¿Que poden facer os profesionais do audiovisual?

Temos que actuar unidos. Somos 270 académicos, cando no audiovisual traballan directamente máis de dúas mil persoas. O xente do audiovisual foi sempre un pouco pasota á hora de asociaciarse. Cómpre dar a coñecer a Academia e facer un traballo de promoción para que a xente saiba o que se pode facer desde esta entidade. Hai que tomar máis a iniciativa; teño compañeiros que non están en AISGE, e iso que son os que che pagan os dereitos.

A presenza de actores galegos en series de canles xeralistas non deixa de medrar. A pesar da crise, ¿pasa por un bo momento o audiovisual galego?

É un sector que vive nunha crise permanente. Tampouco penso que esteamos ante un boom de actores galegos en Madrid, o feito de que a xente traballe en canles xeralistas é froito dun traballo ben feito e dun esforzo de anos. O que para algúns é un descubrimento, para os que levamos tempo na profesión é unha realidade que xa coñeciamos desde hai anos. Mabel Rivera, á que moitos espectadores españois descubriron en ‘Mar adentro’, leva 30 anos facendo teatro, series e películas. Os actores, e os demais profesionais do audiovisual de Galicia, están cada vez mellor formados.

A súa chegada á presidencia da Academia coincide cun cambio na Xunta. ¿Que lle pide ós novos gobernantes?

Esperamos que a colaboración siga e, se pode ser, mellore. Máis que pedir, imos expoñer como vemos as cousas e escoitar as súas propostas. Temos a sensación de parón neste momento de cambio de goberno, cando non debería ser así. Estamos pendentes de concertar entrevistas cos diferentes interlocutores do Agadic, a Axencia, o Consorcio e as diferentes institucións relacionadas.

Esas institucións dependen de diferentes consellerías. ¿Non hai posibilidades de crear unha fiestra única?

O lóxico sería que todo estivese concentrado nunha consellería e, de feito, temos encargado un estudo para analizar as ventaxas e inconvintes desa dispersión e ver cal é a mellor situación para o sector.

Sen facer unha radiografía, ¿que diagnose fai do sector?

É un sector en auxe, aínda que se pode facer máis. Un dos principais problemas é que o noso traballo non chega ó espectador: é moi triste que unha película non chegue a estrearse, e que outras só se poidan ver en catro salas. A Administración ten que implicarse e apoiar para facilitar a conexión co público. Realizamos un esforzo moi importante para sacar unha obra adiante e é unha mágoa que nalgunhas ocasións non se poida poñer a disposición do espectador.

¿Agravouse a situación coa crise?

Afecta todo; aparte do parón provocado polo cambio de goberno da Xunta, tamén se nota a crise. Hai concellos, por exemplo, que se deron de baixa da rede de teatro porque non teñen cartos.

É un actor polifacético, que traballa en teatro, cine, televisión ¿Onde está máis cómodo?

Prefiro un bo de guión de televisión ou cine, antes que un mal espectáculo de teatro. Pero é certo que no teatro experimentas sensacións especiais, ten un comezo e un final, hai uha conexión co público que non se dá no cine ou a televisión.

¿Ten que ser o teatro un paso obrigado?

Persoalmente, penso que si, pero hai excelentes profesionais que comezaron nas series de televisión. Sexa onde sexa -teatro, cine ou televisión- a misión do actor sempre é a mesma: darlle vida a un personaxe.

No audiovisual, comezou con Chano Piñeiro. ¿Como era traballar con el?

Fantástico. Eramos amigos e pasabámolo moi ben xuntos. Traballabamos nunhas condicións precarias, pero supliamos calquera carencia de medios con moita ilusión.

Contenido patrocinado

stats