Proposto polo BNG ó Senado

Xosé Manuel Pérez Bouza: ’O Senado é unha responsabilidade maior, pero sei que podo desempeñala con rigor’

Pérez Bouza, sentado na Praza de Porqueira.
Pendente da súa ratificación no Parlamento galego, Xosé Manuel Pérez Bouza asumiu o seu nomeamento como senador do BNG por designación autonómica consciente de que pode traballar con rigor e aspirando a non defraudar a confianza posta nel.
O ata agora voceiro do BNG na Deputación provincial, concelleiro en Porqueira, responsable comarcal do BNG en Allariz/A Limia e membro do Consello Nacional desta formación política, Xosé Manuel Pérez Bouza, é nestes intres tamén o candidato dos nacionalistas ó Senado por designación autonómica. Así o decidiu o seu partido e así se acordou xa na Xunta de Portavoces do Parlamento galego, onde tamén se acordou nomear a candidatura de Manuel Fraga polo Partido Popular e de Francisco Xavier Carro polo PSOE.

O sistema de reparto de escanos posibilita ó BNG un representante na Cámara Alta en Madrid e pensouse en vostede. Como senador por designación autonómica métese de cheo na política estatal. ¿Que supón este cargo? Eu recibo esta proposta de nomeamento, que aínda se ten que ratificar no Parlamento de Galicia, con ilusión e moitas gañas, pero tamén consciente da responsabilidade que supón o feito de pasar a desenvolver o meu traballo na política estatal e nunha cámara tan importante como é o Senado. Espero non defraudar ás expectativas e que o meu traballo sirva para mellorar a calidade de vida de todos o galegos e galegas e para resolver cuestións importantes que dependen aínda da política do Estado e que teñen que ver co noso territorio.

¿Empaña esta situación o feito de que veña envolta na polémica con críticas tan serias como as que fai o PP falando de ’atraco político’ ante a perda do seu segundo senador? Eu penso que todo isto que ten montado o Partido Popular non é mais cunha cortina de fume para tentar distraer a atención sobre os malos resultados electorais que tiveron en Galicia e que demostra, unha vez máis, que o PP non asume que perdeu o poder e que non ten o mesmo apoio social que tiña hai catro anos. Polo tanto non pode pretender manter dous senadores cando está en minoría no Parlamento de Galicia e sería o primeiro caso no mundo de países cunha democracia parlamentaria na que a oposición tivera máis representantes que o propio goberno. Chámame a atención que falen de atraco e de roubo cando eles si que son auténticos especialistas en facer este tipo de manobras e eu mesmo as sufrín no meu Concello, en Porqueira, hai catro anos. Así que creo que non son, precisamente, os máis adecuados para falar deste tipo de situacións.

Pero o PP non ten intención de dar por perdido o seu senador ¿Teme que isto poda quedar para vostede nun simple espellismo? En ningún caso. A lexislación é clara. O reglamento da Cámara galega permite a utilización de calquera método que respete a proporcionalidade dos grupos e este medida é con ese precepto de proporcionalidade: un representante para cada grupo. Incluso o Tribunal Constitucional tamén ten dictado sentenzas neste senso. O Partido Popular non ten nada que facer en todo isto máis que facer ruido. En canto a súa proposta tan singular de subdividir o grupo eu recomendaríalle o señor Alberto Núñez que non ande a xogar con lume porque o mellor, máis cedo que tarde, se lle divide o grupo pero non por isto, senón por cuestións de índole interna.

Foi o candidato ó Senado con menos votos en Ourense. ¿Cómo se deu o seu nomeamento? Este proceso comeza por unha proposta que se me fai dende a organización para que eu valore a posibilidade de aceptar esta responsonsabilidade. Lóxicamente, é un cambio sustancial con respecto as responsabilidades que viña tendo ata estos momentos como concelleiro e voceiro en Porqueira e na Deputación. Pero despois dunhas xornadas de reflexión e valoración, decidín aceptar o reto. Tras o meu si, a executiva nacional do BNG aprobouno e presentouno no Parlamento. A miña proposta ten o refrendo dun órgano colexiado de dirección do BNG.

¿Que foi o que lle levou a aceptar o reto ante unha responsabilidade que, como vostede di, é moito maior? A mín sempre me gusta facer cousas novas e non cabe dúbida de que me gusta o traballo político e tras unha etapa de catro anos como voceiro do grupo provincial na Deputación a verdade é que este é un cargo de máis responsabilidade pero tamén de novos horizontes e con novos retos. Eso foi fundamentalmente o que me levou a aceptalo e tamén que son unha persoa disciplinada dentro da organización e cando se me chama para unha responsabilidade sempre que pense que podo desempeñala con rigor e dun xeito positivo a acepto. E así o fixen, coa mellor intención e desexando non defraudar nin a organización que é a que me propón nin o conxunto dos galegos.

¿Que traballo espera vostede desenvolver dende Madrid? Aínda que a proposta de nomeamento ven da miña for mación política, eu terei sempre moi presente que vou a ser senador por designación do Parlamento de Galicia co que eso supón de ter que traballar para o conxunto do país e dos cidadáns. Pero no cabe dúbida que dado o meu orixe da comarca da Limia e da provincia de Ourense, seguramente que moitas das iniciativas que leve alí teñan que ver coa problemática que podan ter estes territorios en relación coa problemática do Estado. Probablemente, as primeiras iniciativas que leve ó Senado nada máis tomar posesión o 1 de abril van ter que ver con cuestións relacionadas coa Limia, como por exemplo a concesión de caudais para seguir desenrolando os plans de regadío, ou da propia provincia co que ten ver coa chegada das grandes infraestructuras: o AVE, as autovías interiores, a reforma da OCM do Viño, o reparto dos fondos europeos co sector vitivinícola...

Asistimos recentemente a uns comicios xerais e non fai tanto tempo tamén a uns autonómicos. ¿Cre que o Bloque Nacionalista Galego está no bo camiño, cre que atravesa un bo momento? Eu penso que é un bo momento para o BNG porque hai que ter en conta que nestes intres ten máis representación institucional e social que en ningunha época da súa curta historia ata o de agora e que, polo tanto, estamos nun bo momento. E xa facendo referencia ás eleccións xerais do pasado 9 de marzo, penso que foi un resultado moi meritorio conseguir manter os dous deputados e incrementar, aínda que non de xeito maioritario, tanto o número de votos coma a porcentaxe de apoios. E se temos en conta o que lle ocorreu ás demais forzas políticas minoritarias, que todas baixaron en porcentaxe de votos e en votos contantes, e sonantes é para estar satisfeitos.

¿O BNG séntese con peso? Vendo como queda a aritmética parlamentaria si porque tanto os dous deputados no Congreso como eu mesmo no Senado imos a ser absolutamente decisivos para a toma de todos os acordos que se teñan que facer en ámbalas dúas cámaras. Iso danos xogo e posibilidades de incidir positivamente na política do Estado e que iso teña unha influencia clara en Galicia, na mellora da calidade de vida, dos servizos e das infraestructuras que os galegos reciben do Estado.


Te puede interesar