Antonio Piñeiro, escritor: "Os xornalistas están perdendo o olfacto para atopar historias humanas"

FORO LA REGIÓN

O escritor e colaborador de La Región, Antonio Piñeiro, será o vindeiro protagonista do primeiro Foro La Región do 2025

Publicado: 05 ene 2025 - 05:15 Actualizado: 07 jul 2025 - 20:08

Antonio Piñeiro, un dos protagonistas do próximo Foro.
Antonio Piñeiro, un dos protagonistas do próximo Foro.

Este xoves no Centro Cultural Marcos Valcárcel terá lugar o primeiro Foro La Región do 2025. Os seus protagonistas serán Maribel Outeiriño, Antonio Couto, director da Editorial Bolanda, Antonio Rodríguez Miranda, secretario xeral de Emigración, e o escritor Antonio Piñeiro, que disertarán sobre a historia e a situación actual da emigración ourensá. Un dos principais fíos condutores do coloquio serán as múltiples historias de ourensáns que Antonio Piñeira ten escrito para este xornal dende 1985.

Xa podes inscribirte a través deste formulario.

Como xurdiu a idea de escribir semanalmente sobre emigrantes ourensáns?

Era unha idea que tiña na cabeza dende que dirixín a Revista Auria. Dende aquel momento, sempre fun coleccionando personaxes ourensáns que me chamaban a atención. Cando xa tiña un arquivo grande, quixen facer semanalmente unhas crónicas xornalísticas. Foi unha idea que gustou en La Región e aquí seguimos 190 historias despois. O meu obxectivo é poder amosar a xente as historias de agora e sempre da provincia. Hai que dicir queeste proxecto non sería posible sen as facilidades que hoxe en día hai en internet, como a Galiciana e a hemeroteca de La Región. A xente non comprende o valor que ten. Nela está relatada a vida da provincia día a día. Podes seguir a vida dun personaxe a través dos anos.

Cales son as principais características que compartían os ourensáns que emigraban?

Pois o principal era a capacidade para adaptarse aos lugares nos que lle tocaba residir. Ademais, tiñan unha gran perspicacia para lograr atopar oportunidades de traballo, xa que a totalidade marchaba sen ter estudos básicos e moitos incluso sen saber ler nin escribir. Por último, outra das principais características era o respecto pola terra e non esquecerse as súas raíces e o amor da familia.

Da maior parte das historias que narra pasou medio século, como cambiou a emigración neste tempo?

É todo moi diferente. Antes emigrábase por necesidade, hoxe en busca dunha mellor oportunidade, pero sen as carencias e dificultades que se sufrían antes. Hoxe en día, os rapaces que marchan están moi preparados e só buscan unhas condicións laborais melloras que as que teñen aquí.

A maior parte das historias que narra son historias humanas, cree que se está a perder esa humanidade no xornalismo?

Creo que si. A cada paso que se da nunha cidade hai sete ou oito historias moi interesantes, o que pasa e que os xornalistas de hoxe en día están perdendo o olfacto para atopar as historias humanas. Para min, isto é produto do achegamento da informática e das redes sociais a profesión. Coller unha historia que ves no Facebook ou e Instagram pódeche dar unha noticia, pero será unha noticia sen alma.

Son moitos personaxes os que leva narrados, ten un favorito?

Si, a historia do paleontólogo Castor Cartelle. Naceu en Padrenda e eu descubrín a súa historia cando estaba documentando sobre Cartelle. Esta historia está entre as 100 primeiras que escribín. Era un home que no seu momento estaba moi ben considerado no estado brasileiro de Minas Gerais, onde fundou o museo de paleontoloxía. A vida lévate por camiños inescrutables. De todo o que eu recollo, céntrome nun aspecto concreto das súas vidas que logo moita xente, ao ler a crónica, dime que os conduce a buscar máis en internet sobre eles.

Traballa cun material finito e xa van 190 historias, cantas quedan no caixón?

Sempre trato de que as historias estean relacionados co que sucede na actualidade, o que dificulta o traballo. Está claro que é un peto finito, pero aínda quedan moitas historias por contar.

Contenido patrocinado

stats