"Cubrir hospitais comarcais non debe recaer só nos nosos internistas"

O xerente da área sanitaria ourensá, Félix Rubial. (MIGUEL ÁNGEL)
photo_camera O xerente da área sanitaria ourensá, Félix Rubial. (MIGUEL ÁNGEL)

Félix Rubial Fernández, xerente da Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras

Valdeorras tamén existe e ten hospital. A situación crítica dos médicos internistas que denunciaron a sobrecarga de traballo e o colapso  do servizo derivou nunha reunión coa Consellería de Sanidade na que se acordaron dúas medidas: os novos contratos con clásula de mobilidade a hospitais comarcais con necesidades e a centralización da xestión das vacantes. O xerente da área sanitaria ourensá, Félix Rubial, que debe manexar a dificultade da cobertura asistencial do hospital de Valdeorras, pensa que estes acordos solucionan o problema de maneira transitoria e ten postas todas as súas esperanzas na resolución da Oferta Pública de Emprego (OPE) de outubro para cubrir finalmente as vacantes do Barco.

Cómo valora os novos contratos para internistas con cláusula de mobilidade?

A valoración é, lóxicamente, moi positiva. É unha medida que, dalgunha maneira, foi asumida polos xefes de servizo porque entenderon as dificultades que nalgunhas áreas estamos tendo coa cobertura dos hospitais comarcais, onde aínda que ofertemos prazas vacantes estables non resultan atractivas para os especialistas, e polo tanto,  obrigan a desprazar internistas do hospital de Ourense ao do Barco de Valdeorras. O Sergas asumiu que esta medida tiña que ser aceptada de xeito centralizado. É un problema resolto de maneira colexiada, coa modalidade, que xa aplicamos durante a pandemia, de hospital único, onde os problemas de calquera dos nosos centros é asumido entre todos.  

É a solución?

A medida é positiva porque permite que se fagan todas as contratacións necesarias, e van estar obrigados, dalgunha maneira, a resolver a dificultade de cobertura que agora mesmo temos no Barco de Valdeorras.  Esta situación nos afecta a nós, a Valdeorras,  pero somos cinco os hospitais, dous en Ourense, dous en Lugo e un na Coruña, os que están afectados por esta medida e que hoxe afecta a Valdeorras, pero mañá pode afectar a calquera destes centros. O que non pode permitir o Sergas e a sanidade pública galega é que ningún centro esté desasistido, que ningún cidadán, independentemente de onde resida, non teña os profesionais necesarios para a súa asistencia  con todas as garantías.

Dende o Colexio de Médicos de Ourense pensan que esta medida podería causar unha fuga de internistas a outras comunidades autónomas.

Nós entendemos que esto non debera de pasar en absoluto. Nós imos ofertar contratos estables que cubran as vacantes existentes nos distintos centros. Entendemos perfectamente que esa é unha alternativa que vai permitir cubrir algo que non conseguimos cubrir nin ofertando prazas e contratos estables. Se seguimos facendo o mesmo que ata agora, teremos os mesmos resultados.

Por que  os médicos non queren ir a Valdeorras?

Habería que preguntarlles. Non o sei, pero dende logo polo tipo de contrato que ofertamos non é, porque o que ofertamos son prazas vacantes. Debe de haber outros motivos que nestes momentos afectan á vida persoal de cada un dos candidatos. Unha praza vacante, e por tanto un contrato estable de longa duración en Valdeorras, non resulta atractivo. E fronte a iso, o Sergas ten que facer algo. O que non pode facer é quedarse de brazos cruzados, aínda a risco de que algunha persoa no exercicio da súa liberdade de movemento busque o seu futuro profesional noutras comunidades autónomas. Tamén pode ocurrir que coa existencia de contratos estables poida vir algún traballador doutra comunidade.

Cantas vacantes de internista hai en Ourense e en Valdeorras?

En Valdeorras, nestes momentos, teriamos ata tres prazas vacantes. O que ocurre é que estamos no contexto dunha Oferta Pública de Emprego (OPE). Na reunión decidiuse que se resolvería no mes de outubro. No momento en que esas persoas se incorporen e tomen posesión da súa praza, pensamos que o problema debería quedar resolto.

En Ourense hai vacantes de Medicina Interna?

Neste momentos vacantes non hai. O que hai son prazas que non están ocupadas por propietarios, por tanto, están suxeitas a esa mesma OPE. A cuestión é que a OPE se cubra por propietarios.

Cómo valora o segundo acordo da reunión, a xestión centralizada das vacantes?

É unha medida que garante a ecuanimidade; permite que as necesidades sexan analizadas de maneira colexiada e global, e que sexan as necesidades as que determinen os contratos que se poñen enriba da mesa e non outros aspectos. A nosa visión é favorable porque facer as cousas de maneira colexiada nun momento coma este de dificultades é importante. De maneira centralizada, vanse cubrir as necesidades máis prioritarias. E, dende logo, nós entendemos que unha prioridade  é garantir que os centros máis pequenos e de máis difícil cobertura nos que incluso ofertando prazas vacantes non se consiguen cubrir esos espazos exista un mecanismo adicional que ata agora non tiñamos que permita que esas prazas e esa asistencia esté garantida. Algo parecido ocurriu en traumatoloxía en Valdeorras, onde só había un traumatólogo, e os xefes de servizo xuntáronse a principios de ano de maneira corresponsable e aportaron durante todos estes meses traumatólogos para cubrir as necesidades de Valdeorras. 

En Ourense xa se cubrían as guardias de Valdeorras desde decembro de 2021?

Si, aínda que é variable porque nos meses vacacionais ou nas baixas pódese precisar un reforzo adicional. Os internistas, como moitos outros especialistas de Ourense que se desprazan a Valdeorras, viñan facendo guardias desde principios de ano.

A diferencia é  que agora esta cobertura vaise facer por contrato?

O que tiñamos era a necesidade de cubrir eses espazos. Somos unha área sanitaria integrada e son tan importantes os pacientes que viven en Carballeda de Valdeorras coma os que viven no Carballiño ou na Rúa do Paseo. Nunha situación complexa e de sobrecarga derivada fundamentalmente da pandemia, non debe recaer exclusivamente nos internistas de Ourense a cobertura dos hospitais comarcais. Seguiremos participando nesa cobertura, pero entendiamos que non podía facerse exclusivamente dende Ourense. Estas medidas resolven o problema de maneira transitoria, polo menos ata a OPE.

O soldo que se oferta a un internista en Galicia é competitivo fronte a outras comunidades?

Eu entendo que si, aínda que non coñezo a nómina dun internista en Murcia.

E a nómina dun internista en Ourense?

Non o sei, a mesma que na Coruña ou en Valdeorras. Non coñezo moitos internistas que se vaian, ou profesionais que marchen de Galicia a outras comunidades.  Hai que romper o dogma ou o bulo de que se están ofertando contratos de escasa duración. En Valdeorras desde 2019 convocáronse 71 vacantes, das que 54 quedaron desertas en todas as especialidades.  Non é a modalidade contractual a que condiciona que esas prazas se cubran ou non.

Unha solución sería un concurso por méritos, sen exame?

Podería ser unha alternativa. Eu teño postas as miñas esperanzas na resolución da OPE. Agardamos que todas as prazas se cubran.

Por que  elexiu a María Bustillo como xefa de servizo?

É unha magnífica internista da nosa casa, é unha persoa xoven e con ganas, e temos que deixala traballar. 

Te puede interesar