A fiscal da "Operación Inu":  "Non hai moitos exemplos coma este de cooperación entre tres corpos de seguridade en España"

OPERACIÓN INU E ALFINETE

O traballo da Policía Local, a UDEV (Policía Nacional) e Seprona (Garda Civil) na "Operación Inu e Alfinete" é un exemplo de colaboración entre tres corpos de seguridade que a fiscal de Medio Ambiente de Ourense, Carmen Eiró, puxo en valor na memoria da Fiscalía e que desde entón expón como exemplo de cooperación. O pleno do Concello de Ourense aprobou este venres por unanimidade sumarse a ese recoñecemento

Publicado: 03 mar 2024 - 07:00 Actualizado: 04 mar 2024 - 08:28

A fiscal de Medio Ambiente de Ourense, Carmen Eiró, nun momento da entrevista (Martiño Pinal).
A fiscal de Medio Ambiente de Ourense, Carmen Eiró, nun momento da entrevista (Martiño Pinal).

A "Operación Inu (can, en xaponés) e Alfinete" "mantivo en vilo moito tempo a moita xente" na cidade de Ourense. En setembro de 2019 detectaronse os primeiros cebos cárnicos con alfinetes, pero non foi ata o 6 de novembro de 2021 cando se detivo ao responsable, Manuel, que acabaría sendo condenado por un delito continuado de maltrato animal a un ano de cárcere, inhabilitación para traballar con animais durante tres anos e a indemnizar aos propietarios dos cans afectados que se persoaron na causa. Ata trece cans se viron afectados por inxerir estes anacos de comida infestados de alfinetes.

Identificar á persoa que se agochaba tras estes cebos que apareceron en diferentes puntos da cidade de Ourense foi posible grazas ao traballo dun equipo multidisciplinar formado pola Policía Local de Ourense, Policía Nacional, a través da UDEV, e Garda Civil, con axentes do Seprona. O seu traballo foi recoñecido de maneira unánime no último pleno do Concello de Ourense.

Carmen Eiró, fiscal de Medio Ambiente de Ourense, foi outra das partes fundamentais na investigación e peche do caso.

Como foi a "Operación Inu e Alfinete"?

Foi un caso que nos preocupou a todos desde o minuto un e diferente aos casos que normalmente nos chegan a Fiscalía, por exemplo un maltrato por abandono dun can. A dinámica comisiva foi un factor diferencial do caso. Sabiamos que se estaban deixando cebos de maneira continuada, por zonas polas que paseaban cans, pero ao principio non tiñamos ningunha pista, non nos cadraba nada.

No escrito de calificación da Fiscalía recóllese que o primeiro caso dun can afectado foi en xaneiro do 2020, pero que a investigación abarcou desde setembro de 2019. Houbo casos antes cuxa autoría non se lle pudieron atribuir ao condenado nesta causa?

E houbo xente que non denunciou. Os particulares que se persoaron foron os que presentaron denuncias, e destes unha parte decidiron renunciar ao exercicio das accións civís e penais que lles correspondían.

Por que cre que houbo xente que non se persoou?

Penso que houbo persoas que viron que os seus cans estaban ben ou que non sufriran danos moi evidentes e quixeron deixar o asunto atrás, olvidalo.

Os donos as mascotas tiñan algunha sospeita de quen podía estar detrás?

Non, non tiñan pistas e estaban moi preocupados porque foron moitos animais durante moitos meses.

Cal cre que era a motivación de Manuel para poñer a comida de cans cos alfinetes?

Non o sei, é unha persoa en apariencia normal: un home de mediana idade, conductor de autobús, que vivía só. A priori, non daba motivos para sospeitar del e non doutra persoa. Penso que era, dalgunha maneira, como a súa actividade lúdica.

Acolleuse ao seu dereito a non declarar pero conformouse.

Non lle quedaba outra, as probas eran máis que evidentes, o modus operandi era sempre o mesmo. No rexistro ao domicilio que se fixo atopáronse varios centos de alfinetes, comida e golosinas para animais, cando el non tiña ningunha mascota. A marxe de defensa era moi escasa, por non dicir ningunha. Ademais, creo que el era consciente da presión da opinión pública.

Carmen Eiró, nun momento da entrevista.
Carmen Eiró, nun momento da entrevista.

Os primeiros cebos púxoos nos barrios de O Vinteún, A Ponte e A Chapa, pero despois desprazouse ata o parque de cans de Salesianos.

El viuse impune, empoderado, e iso motivouno a ampliar o seu radio de acción, pensou que non o ían coller. Ao principio, cando se presentaron as denuncias, había vixilancia policial na zona, pero ao cambiar a nosa táctica poñendo as cámaras de videovixilancia e co Seprona de paisano, relaxouse e continuou deixando a carne cos alfinetes.

Que supuxo a instalación das cámaras de videovixilancia?

Foron clave para saber quen era e pillalo in fraganti. Había que gravar imaxes da persoa, os seus xestos, todo. Ao principio non tivemos moito rédito, pero co paso do tempo e coa vixilancia e seguimento que facían tanto Policía Local, como Seprona e os axentes da Policía Nacional, acabamos dando co autor.

Por que acabaron implicadas estas tres forzas de seguridade?

Os feitos producíanse na cidade de Ourense, polo que había que coordinar as competencias da Policía Local, do Seprona (Garda Civil), por tratarse dun tema de maltrato animal, e tamén da UDEV, da Policía Nacional. Os tres corpos recibiran denuncias de donos de mascotas afectados ou que atoparan a comida para cans con alfinetes.

Como foi esa labor de cooperación entre estas tres forzas de seguridade?

Todos os axentes colaboraron e compartiron a información e os medios tecnolóxicos; se non chega a ser así, estariamos dando paos de cego durante moito máis tempo.

Cónstame que houbo días e días de seguimento, apostaderos dos axentes, moitas noites vixiando sen resultado. Porque o culpable tamén parou durante un tempo, pero eu dicíalles “non imos desesperar, estou segura de que vai volver”, e así foi. Foron moitos meses de traballo e saiu de marabilla. Estou moi agradecida pola labor que realizaron todas as forzas de seguridade.

Que papel tiña cada axente?

Todos facían de todo. A Policía Local fixo moitísima vixilancia, as cámaras colocaronse de común acordo e as imaxes vianse indistintamente, e compartían esa información. Os axentes colaboraron e fixeron unha simbiose perfecta, da cal eu estou moi orgullosa. Destaqueino na memoria da Fiscalía e a todos os sitios aos que vou o poño como exemplo. Non hai en España moitos casos coma este, é queda demostrado que se pode facer, e con éxito.

No momento no que aconteceron os feitos, o marco legal no tocante ao maltrato animal era diferente. Como evolucionou desde entón?

A lei de benestar animal non trouxo grandes aportacións agás incluir a todos os vertebrados como animais que poden ser obxecto de maltrato animal. Eu creo que esta foi unha sentenza xusta, aínda que as asociacións e protectoras de animais lles pareceu pouca cousa. O maltrato animal existe e hai que evitalo, pero se foron trece os cans afectados non hai trece delitos de maltrato animal: hai un delito continuado. A Constitución Española ten unha visión antropocéntrica, e neste caso non se poden apreciar delitos individuais porque non son seres persoais.

A pena para o acusado foi de un ano de cárcere máis unha indemnización económica aos afectados. Tería sido diferente coa nova lei?

Naquel momento, a pena era de 6 a 12 meses de cárcere; no marco actual, de 3 a 18, ou multa. Neste caso serían só seis meses máis de prisión e incluso podería ser máis beneficioso para o acusado porque perdería a pena de multa coa nova lexislación.

Contenido patrocinado

stats