Obituario | Xabier González Sotelo, o raio aceso dunha estreliña
Da súa cabeza saíron as máis brilantes propostas recentes de transformación do país, pero nunca quixo ser máis ca aquel neno de aldea, que ve o mundo dende Viduedo e faino ca máis rigorosa capacidade de análise
Cóideme do Xabier, que lle é un home moi especial.
Isto encargoume hai anos D. Ramón Martínez López, notable persoeiro do Partido Galeguista. Pouco puden coidar del; tampouco me deixou moito. A súa luz brilou sempre moitos treitos por diante de nós, os seus compañeiros, abrindo canles no medio do ermo; sempre que había que decidir sobre o imposible todos mirabamos pra o Xabier.
A historia de Galicia lévana movido persoeiros moi coñecidos como Castelao ou Bóveda, pero móvena especialmente aquelas persoas non tan coñecidas que se citan ao final do “Alba de Groria”, os que sentaron as bases da nosa historia de verdade, non necesariamente a oficial. Xabier sempre quixo ser destes, dos que non precisan pedestal pra construír país. Foi presidente do Partido Galeguista, pero fuxiu sempre das laudatorias como do lume.
Teño no caletre unha súa foto de neno cos mesmos ollos acesos, esculcadores da verdade e da luz que mantivo até onte. Da súa cabeza saíron as máis brilantes propostas recentes de transformación do país, dende a Concordia Nacionalista ao único proxeuto integral de Reforma do Estatuto presentado no Parlamento, pero nunca quixo ser máis ca aquel neno de aldea, que ve o mundo dende Viduedo e faino ca máis rigorosa capacidade de análise política e altura intelectual.
No seu enterro vanlle pór a bandeira galega que pousou sobre o cadaleito de D. Ramón Martínez, D. Manuel Beiras e outros egrexios persoeiros. Xabier vaise rir de tanto incenso. E razón leva, ¿pra qué quere a bandeira, se el xa é de seu unha parte sobranceira desa bandeira?
“Soio unha espranza: ¡o raio aceso dunha estreliña que brila ó lexos!”. Cara ela, contigo, Xabier, seguimos camiñando.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
DENUNCIAS DE LOS LECTORES
Cronista local | Las denuncias de los vecinos de Ourense hoy, viernes 17 de abril
Lo último