CANDIDATOS EN 360º

Ana Pontón: “Somos alternativa para as persoas que queren un proxecto pensado desde o país"

Ana Pontón, candidata do BNG á Presidencia da Xunta (ÓSCAR PINAL).
photo_camera Ana Pontón, candidata do BNG á Presidencia da Xunta (ÓSCAR PINAL).

Ana Pontón chega a súa segunda campaña como candidata á presidencia da Xunta  convencida de que os galegos teñen ante si a posibilidade de dar un xiro aos derradeiros anos co voto ao BNG.

Quere ser a a primeira presidenta de Galicia e aínda que ese horizonte parece lonxano, as enquisas ven o seu partido na disputa co PSdeG por ser a segunda forza.


¿Qué hai en xogo nestas eleccións en Galicia?

Os galegos e as galegas nos xogamos decidir entre dous modelos. Hai un modelo que é o do PP e a sumisión a Madrid e o modelo que representa o BNG. Ter un goberno ao servizo dos galegos e as galegas e que sexa capaz de poñer en pé o país despois desta crise. Entendemos que Galiza ten que cambiar cara un modelo basado nunha economía verde, que aposte pola ciencia e a innovación, en acabar co abandono do medio rural e blindar os servizos públicos: sanidade, educación, atención a dependentes. 

Vendo os datos sanitarios, seguen mantendo que a data elexida para votar non é a mellor?

O 12 de xullo hai unhas eleccións e nós estamos traballando para que haxa unha gran mobilización. Faremos historia se Galiza ten por primeira vez a unha muller na presidencia, e que ademais sexa do BNG, que nos garantiza ter as mans libres. Este ano vimos como un só deputado do BNG en Madrid conseguía poñer a Galiza no mapa. Conseguimos máis que Feijóo en 11 anos. Canto seriamos capaces de construir se tiveramos un goberno liderado polo BNG? 

Que diferencia ó BNG de Galicia en Común o da  Marea Galeguista?

Nós somos un proxecto nacionalista, temos a nosa causa de ser en Galiza, temos as mans libres para defender os nosos intereses. O BNG é a alternativa para todas as persoas que queren un proxecto pensado desde o país e que mire polos intereses das maiorías sociais.

Que outras forzas asocien ó BNG co independentismo, failles dano? 

Teño a sensación de que como non teñen nada que criticarnos pois intentan coller ese tipo de argumentos. O BNG ten a súa razón de ser na defensa dos nosos sectores produtivos e na defensa dun futuro mellor. Sempre digo que o nacionalismo é o inconformismo de ver como unha terra rica como a que temos en Galiza está indo cara atrás. O balance destes 11 anos é demoledor. A crise demográfica cada vez vai a máis, a crise industrial agudízase, crise dos servizos públicos, que se segue desmantelando... Unha persoa que me encontrei pola rúa estaba escandalizada por ter que ir a unha cita cun problema de alerxias porque lle ofrecían unha cita telefónica. É o modelo que quere implantar o PP. 

E neses problemas que detecta, que solucións propón o BNG?

Nós temos, por exemplo no ámbito sanitario, o compromiso de recuperar a dignidade dos traballadores. Tivemos en Verín un exemplo de como se defende unha Sanidade pública e a dignidade da xente co movemento de “Verin non se pecha”. Se imos votar co espírito de Verín haberá un cambio liderado polo BNG. Propoñemos que nos 100 primeiros días de goberno poñamos en marcha un reforzo da Atención Primaria con medios e recursos. No Sergas hai 6.000 plazas vacantes e temos que traballar para eliminar as taxas de reposición. Hai que traballar para que a sanidade pública se libere de recortes. 

Falaba antes dun dos problemas endémicos de Galicia, a despoboación. Que propón o BNG para o desenvolvemento do rural?

A crise demográfica é o mellor exemplo do fracaso das políticas e modelos do PP. En Ourense a Deputación leva 40 anos con mando no PP, o goberno galego case sempre estivo gobernado pola dereita e o resultado é demoledor. O que falta é confianza no país, que se vexa que é necesario desenvolver unha estrutura industrial e potenciar a produción local de alimentos, poñer en valor o patrimonio e que se siga apostando por dimensionar toda esa capacidade de innovación de sectores como o vitivinícola.

SAN CIBRAO DAS VIÑAS (LA REGIÓN-TELEMIÑO). 02/07/2020. OURENSE. La candidata a la Xunta de Galicia por el BNG, Ana Pontón, interviene en una entrevista realizada en Telemiño. FOTO: ÓSCAR PINAL

Ana Pontón, durante la entrevista en el plató de Telemiño (ÓSCAR PINAL).

A crise económica ainda non chegou con toda a súa forza a Galicia. Como pode o futuro goberno reactivar esa economía?

Eu creo é que os datos non son malos, pero temos unha situación preocupante porque Galiza aínda non saíra da anterior crise. É alarmante como despois de 11 anos do goberno do PP tiñamos menos emprego que no ano 2009, como se destruiu tecido industrial, ou como se detruiron elementos que son claves na reactivación. Unha das primeiras medidas sería convocar ao conxunto das forzas políticas, aos sectores sociais e económicos para traballar nun gran acordo.Temos que poñernos a producir e reorientar a economía cara unha verde e circular onde aproveitemos as enerxias renovables, onde apostemos por dimensionar o noso sector agrario e recuperar terras productivas, onde cambiemos o modelo forestal e poñer en marcha un país con maior capacidade de decisión.

É posible o entendemento entre as esquerdas para formar un goberno de coalición? 

Ningún galego dubida que si o próximo 12 de xullo o PP non ten maioría absoluta, sentarémonos o día 13 para traballar e conformar un goberno que poña fin a esta década de decadencia. Eu aspiro a liderar ese goberno porque creo que o cambio que necesita Galiza é un cambio que poña no centro os intereses do país. Se teño a posibilidade de liderar este goberno, o que farei será chamar ás outras forzas políticas para que, canto antes, nos poñamos mans á obra.

Por que sectores apostaría o BNG no caso de Ourense?

Temos que apostar polo comercioe promocionar o pequeno e mediano comercio local. Temos potencialidade no sector termal, e un sector textil con relevancia que hai que levantar. A  nivel vitivinícola, temos catro denominacións de orixe importantes, exemplo da capacidade de innovar e faríamos diso un elemento de dinamización. A crise do covid deixou en evidencia a importancia de ter un sector primario forte, e temos que aproveitar tamén as sinerxias que podemos ter coa universidade á hora de potenciar e diversificar sectores nos que temos unha enorme capacidade. 

Parece que Ourense vai ser clave no resultado destas eleccións.

Estou convencida de que unha parte do cambio se decide en Ourense. Se o espírito de “Verín non se pecha” se traslada ás urnas o 12 de xullo faremos historia poñendo por primeira vez a unha muller no frente do país.

Que mensaxe trasladaría para pedirlles o voto aos galegos?

Este 12 de xullo temos a oportunidade de facer algo importante. Acabamos de vivir unha situación inédita que nos demostra que temos que escoitar mellor ao noso planeta, que temos que camiñar cara un cambio de modelo onde apostemos por unha economía verde, pola ciencia e a innovación, o sector agrario e o medio ambiente, ademais de traballar por uns servizos públicos de calidade. Galiza ten todo para ser a envexa de Europa pero necesitamos ter confianza en nós mesmos. Este 12 de xullo podemos confiar no país e abrir un tempo novo para xuntos facer historia.

Te puede interesar