Candidatos en 360 grados

Gonzalo Caballero: “Somos o cambio con garantías no que se pode confiar: tranquilo e intenso"

Gonzalo Caballero, candidato á Xunta de Galicia de PSdeG. (FOTO: SABELA SOUTO)
photo_camera Gonzalo Caballero, candidato á Xunta de Galicia de PSdeG. (FOTO: SABELA SOUTO)
O candidato socialista á presidencia da Xunta destaca de que o PSdeG é a única  forza que pode liderar un cambio político en Galicia

O secretario xeral do PSdeG e candidato da formación á Presidencia da Xunta de Galicia, Gonzalo Caballero, amósase convencido da derrota do actual titular do Executivo autonómico, Alberto Núñez Feijóo, na cita electoral do domingo.

Que sensacións ten nestes últimos días de campaña? 

Temos moi boas sensacións, a impresión na rúa é moi positiva, hai moita proximidade cara o PSOE e percibo un ambiente de cambio e unha demanda de abrir unha nova etapa ao fronte da Xunta de Galicia. Estamos percorrendo a comunidade de norte a sur, de este a oeste e, cada día, esta lista gaña espacio e o PP e Feijóo perden a seguridade de manter a Xunta. Estou convencido de que vai haber unha mobilización crecente este domingo para poñer fin a once anos de goberno da dereita en Galicia e abrir unha etapa de progreso liderada polo PSdeG-PSOE.

En que mensaxe está insistindo nestes días?

Galicia necesita un cambio e o voto útil para iso é o PSdeG-PSOE. Gobernamos en 5 das 7 grandes cidades, en 3 das 4 deputacións, gañamos as eleccións ao longo do ano pasado en Galicia. Eu teño que dicir aos galegos que vaian votar que voten por unha Galicia mellor, na que poidamos ter máis oportunidades de futuro. Eu por iso presento unha candidatura que estou convencido de que é a que Galicia precisa. Somos o cambio con garantías no que se pode confiar: tranquilo pero intenso, con capacidade para facer políticas e moita ilusión e ganas. Estamos preparados para gobernar dende este mesmo domingo.

¿Preocúpalle que haxa unha alta abstención como vimos nas municipais de Francia?

É dificil prever o nivel de participación, hai un risco real dunha caída. Feijóo decidiu unilateralmente poñer as eleccións neste mes, cando outros lle solicitamos que primeiro se produxese toda a desescalada e volta á normalidade para testar o comportamento do virus. El incumpriu todos os acordos e puxo esta data, esperemos que todos participen, eu pido unha mobilización masiva especialmente a quen votou ao PSOE nas xerais e municipais, porque aquí hai unha maioría social de progreso. O 55% dos votantes escolleron ás forzas de progreso hai oito meses, esa é a mellor enquisa. Galicia necesita un presidente socialista para facer unha reconstrucción económica e social na que ninguén quede atrás. Non é o mesmo a dereita que a esquerda, non é o mesmo o PP que o PSOE.

img_6165_resultado

Di que non é a data axeitada para estas eleccións. Cal tería elixido vostede?

Xa dixen que podiamos esperar ata o final da lexislatura para ver como evolucionaba o virus, estamos vendo o que ocorre na Mariña Lucense, onde hai máis contaxios pola covid agora que en toda Galicia na data en que Feijóo decretou a emerxencia sanitaria. Cremos que a prioridade é a saúde, o dereito á vida, e cremos que Alberto Núñez errou cando pediu que o goberno de España non prorrogase o Estado de Alarma, e erra tamén ao decretar un confinamento de cindo días na Mariña, ao intentar soster un relato dunha xestión exitosa, que todos sabemos que se derivou de estar nas casas confinados grazas ao goberno de España.

Antón Gómez Reino  di que a maioría absoluta de Feijóo estase xogando por 15.000 votos. ¿Está dacordo?

É dificil cuantificar o número, pero estou convencido de que vai perder a maioria en Galicia e que vou presidir un goberno de progreso que vai tomar medidas moi positivas para fortalecer a sanidade pública despois de once anos de recortes: para crear 2.000 plazas en residencias públicas para maiores despois de que Feijóo incumplira todos os seus acordos, para apostar pola educación pública volvendo ao sistema de libros gratuitos e dotando a cada estudante da comunidade dun ordenador, para que poidan continuar o curso que vén sexan cales sexan as circunstacias que se dean. Temos un proxecto para gobernar, non somos un partido que queira gobernar contra ninguén senón a favor de todos para que toda a cidadanía poida estar confortable. Feijóo deixa Galicia con menos xente, con 70.000 traballadores ocupados menos, cos peores servizos sanitarios onde recortou, cunha problemática industrial moi importante, cun medio rural abandonado e con Ourense tamén no olvido. Eu pídolles aos galegos que confíen, gobernamos moi ben alí onde o facemos e eu vexo o que representa o PP cando vexo a Jácome, o exemplo das politicas municipais que eles queren. Eu teño a capacidade de amosar que somos un partido de goberno.

As enquisas publicadas non din iso, refrendan unha nova maioría absoluta de Alberto Núñez Feijóo. ¿Qué lle din?

O cambio estaba chegando cara o 5 de abril e é máis necesario nesta crise económica da que temos que saír con políticas progresistas para protexer á xente. A dereita ten unha política de privatización, de retroceso en dereitos económicos e sociais que poñen en risco a reconstrucción, Feijóo non está capacitado para pilotar esta situación despois dunha crise tan grave, porque non entende nada de economía e non ten proxecto. A mellor enquisa dáse nas urnas, o ano pasado vimos como en todas as convocatorias gañamos e acadamos resultados históricos, porque hai moita xente en Gailcia que sabe que é necesario un cambio. Eu non son nacionalista, son galeguista; non son rupturista, son reformista; son socialdemócrata e amósolles aos galegos e galegas o meu compromiso. Nin escondo as siglas do meu partido, nin escondo a miña ideoloxía, teño un proxecto moi positivo e estou convecido de que o domingo imos mobilizar aos nosos votantes para varrer a Feijóo, construir un goberno socialista e frear á dereita e ultradereita.

Di Feijóo que precisa para a súa maioría absoluta un 10% de voto socialista.

Feijóo ten perdida a maioría absoluta e o único que está pensando é si pactar ca ultradereita, está esperando a que entren no Parlamento Galego para unirse con eles se non lle dan os números. 

Se vemos esa maioría do PP finalmente nas urnas… Aceptarano con deportividade democrática?

Nós somos plenamente democráticos, a diferenza deles, que non asumen os resultados cando perden, coma  no caso de Casado, Ayuso ou Feijóo contra o goberno de Pedro Sánchez, nós sempre asumimos os resultados electorais con deportividade e recoñecendo a súa lexitimidade.

img_6177_resultado

Fágame un balance do goberno de Feijóo nestes últimos catro anos.

Se fago un balance dos once anos, un periodo que reflexa a evolución do PP, Feijóo tivo moito tempo para facer moitas cousas. Gastou 200.000 millóns de euros nese tempo. Se eu lle pregunto aos lectores tres cousas importantes que fixo dende a Xunta, a xente non é capaz de dicir que se fixo. Saben do terrible recorte sanitario, porque hoxe hai en Galicia 500 camas hospitalarias menos que cando chegou el, houbo recortes en educación con 1.000 profesores menos, privatizáronse residencias de maiores, non fixo unha soa pública. Hai un déficit en politicas sociais, e se falamos de emprego vemos que hai 70.000 traballadores ocupados menos. Por que mentras en España se xeraron 650.000 empegos aquí se destruiron? Non teñen resposta e están agochados. O PP cre que Galicia é da súa propiedade, pero é dos galegos, e hailles que pedir que vaian votar o domingo para conseguir un futuro de oportunidades que aposte por un Estado de Benestar, por unha nova política económica industrial que xere oportunidades. Somos o cambio con garantías no que a maioría pode confiar.

Como valora a xestión da Xunta de Galicia no que respecta á pandemia?

Eu creo que foi fundamental que o goberno de España decretase o Estado de Alarma e o confinamento. Feijóo decretou a emerxencia sanitaria catro horas despois de que Pedro Sánchez anunciase isto por televisión. En Galicia non houbo anticipación e os maiores focos de contaxio estiveron nas residencias de maiores e nos profesionais sanitarios. Agora o rebrote da Mariña está amosando que Feijóo non facía máis que pedir competencias pero que neste momento non quere comparecer no Parlamento porque actuaron con retraso e a situación foiselles das mans. Nós temos un comité de expertos sanitarios e xestores da Sanidade Pública que nos asesoraron ao longo da crise e están preparados para coller o relevo.  Nós nunca pediriamos que se retirase o Estado de Alarma e non aplicariamos unha medida de confinamento de 5 días cando ten que ser como mínimo 10 días segundo os criterios da OMS, pero Feijóo non prioriza a saúde. Está pensando en confrontar co goberno de España e salvar o seu escenario electoral. Merecemos un presidente que nos diga a verdade, eu quero facelo sen que ninguén quede na cuneta e levando a cabo políticas de progreso para todos.

Pero non ten a sensación de que os cidadáns pensan que a xestión do goberno central cometeu máis erros ca da Xunta de Galicia?

Non o creo, paréceme que todos recoñecemos que establecer o Estado de Alarma foi fundamental e o PP de Casado e Feijóo intentou botalo por terra, e de telo conseguido, a desescalada estaría en fase de retroceso e hoxe estariamos nunha situación moi perigosa. Incluso a OMS recoñece o traballo feito por España. En Galicia a maior xestión de Feijóo fronte ao covid foi saír nos medios públicos cada dous dias, convertindo a TVG nun medio ao seu servizo.

No caso de que o PP perda a maioría absoluta… Como de complicadas ve as negociacións?

Eu saio para gañar e quérolle pedir o voto a todos os progresistas que votaron ao PSOE, ao BNG, a Galicia en Común ou a Podemos. Hai que concentrar todo o voto no noso partido porque é a única forza que pode liderar un cambio político en Galicia. Se facemos ese exercicio teremos unha maioría ampla con outras forzas progresistas aliadas para conseguir un goberno de progreso que atenda as necesidades das galegas e galegos. Gobernamos en moitos lugares, e onde o facemos, as cousas van moi ben. 

Con respecto da Estación Intermodal, que segue sendo unha das infraestruturas máis importantes e criticadas por partidos e asociacións, que opina?

Este domingo hai unhas eleccións moi importantes e o voso voto é fundamental para o futuro do país, toca cambio e abrir un novo ciclo, o único voto útil é ao PSdeG. Imos cumplir con Ourense, imos apostar por unhas novas políticas de cooperación e infraestruturas readaptando o plantexamento da Intermodal, como presidente cumplirei co proxecto para ter a estación que Ourense precisa, non a que lle queren endosar. 

Te puede interesar