CRÓNICAS DE AGORA E SEMPRE

Elixio Rivas e o enigma de Xan Vivián

Adega coñecida como San Vivián (Vilanova das Infantas), que Elixio Rivas asignaría a un fidalgo de nome Xan Vivián.
photo_camera Adega coñecida como San Vivián (Vilanova das Infantas), que Elixio Rivas asignaría a un fidalgo de nome Xan Vivián.
Se é certo -que o é- que cando morre unha persoa é coma se ardese unha biblioteca, a semana pasada os ourensáns fomos testemuñas de como se apagou o derradeiro tizón dunha das principais bibliotecas galegas: a do sabio Elixio Rivas

Nacido en Xunqueira de Ambía en 1925 (a só tres de acariñar o século), o irmán paúl Elixio Rivas foi, no máis amplo sentido da expresión, un coleccionista do saber. Todo canto se movía no seu entorno era material de estudo e como o seu entorno foi maiormente Galicia, todo canto tiña que ver con Galicia era “cousa de saber”. Así foi como coleccionou máis de 15 mil palabras do noso idioma, como afondou na nosa etnografía, na nosa toponimia, na nosa natureza... En fin, na nosa idiosincrasia, alí onde aniña o enigma do noso “eu”!

Elixio Rivas cun torno de barro
Elixio Rivas cun torno de barro

Serían innumerables os fíos que embeleñar para elaborar o completo perfil enciclopédico (hoxe case habería que dicir, googleliano) que ó longo dos seus 97 anos foi configurando sobre el mesmo este humilde ourensán que dedicou toda a súa vida ó coñecemento de nós como colectivo e que deixou no seu ronsel unha morea de traballos de investigación sobre os máis diversos aspectos, así como unha colectánea de obxectos que van dende o etnográfico máis simple ós pioneiros  trebellos da ciencia e que calquera pode visitar no “Museo dos devanceiros” dos Milagres.

Perante a imposibilidade de abranguelo todo, pero co fin demostrar empíricamente (técnica moi acaída para o seu perfil investigador) ata que punto era quen de outorgarlle categoría científica a unha simple anécdota, paréceme oportuno traer a colación unha pequena historia personal demostrativa de que ata no ámbito da investigación -como dicía Einstein- os factores determinantes tamén xogan ós dados. Vexamos.

No burgo de Vilanova dos Infantes consérvase dende tempo inmemorial unha cova de xenerosas dimensións para ser traballada a pico e pala sobre o sábrego e que, situada nun dos recunchos máis inaccesibles  da aldea, identifícase  externamente por un respiradeiro pétreo do século XVIII en forma de “garita” de garda, que a veciñanza coñece co nome de “San Vivián”.

Non se conserva documentación que explique a razón de ser da súa construcción, polo que as especulacións (mesmo no tocante á súa inusual denominación, xa que Vivián non é un nome común na bisbarra) son tantas como a imaxinación popular ten sido capaz de desenvolver ó longo do tempo, dando lugar incluso á súa incorporación á literatura fantástica que Méndez Ferrín creou no fermoso relato “Fría Hortensia”. Dende a simpleza funcional dunha adega para a conservación do viño (que en Vilanova -dicían nos tempos de Conde de Monterrei- era de “inferior calidad, por lo cual se bebe sin tasa”), ata a posible existencia dunha sinagoga (pois é sabido que os primeiros xudeos documentados en Galicia por Gloria de Antonio Rubio, están radicados en Celanova), todo cabía no ámbito do enigma e das conxeturas, incluído o seu propio nome, “San Vivián”, curiosamente “un eremita que viviu -¡santa casualidade!- nunha cova do Val do Sopra, na Toscana italiana, escavada nunha ladeira rochosa, de moi difícil acceso e que hoxe é lugar de peregrinación para os habitantes da zona”.

Todas estas incógnitas leváronme a botar man do mestre e, aproveitando a celebración da romaría etnográfica “Raigame” -da que era seareiro principal-, fixen unha vista con el á cova, o 17 de maio de 2011, e alí mesmo lle patenticei todos estes misterios.

Entón, a voz do sabio non se fixo agardar e ó cabo dunha semana tiña nas miñas mans unha carta na que me daba a ver a súa interpretación respecto das funcionalidades de tan singular burato e, sobre todo, do enigmático nome, que me deixaron absorto, non só pola súa sinxeleza expositiva, senón polo resultado final do relato que comprobaremos de contado.

Nin santo, nin sinagoga, a explicación máis pragmática radica na adega dun fidalgo

Reproducción do encabezado da carta de Ellixio Rivas sobre o “San Vivián”.
Reproducción do encabezado da carta de Ellixio Rivas sobre o “San Vivián”.

Sorprendido polo descubrimento, Elixio Rivas, marchou de Vilanova remuiñando o texto e o contexto e -como queda dito- ós poucos días escribiume, respondendo ás súas propias incógnitas:

A primeira tiña que ver co lugar: “Unha cova inclinada, ampla, cincelada a brazo a puro golpe de marra e de cincel en viva pedra grá. Unha obra hercúlea, sen comparanza, coido, xa sen dúbida algunha, que coa finalidade de adicarse a adega. En Éntoma de Valdeorras, as adegas son ‘cova no monte sobre o lugar’, na barreira do monte.  Así son as cavas do Douro, Caves de Cataluña e Francia. Hai dez anos tuven a oportunidade de ver algo aínda máis parecido á de San Vivián en Italia. Foi na zona vinícola de Monferrato, no Piamonte”.

A segunda, sobre a actividade: “¿Que onde os bacelos? Non somente rubindo cara Castromao, senón tamén abaixo no val. Outrora, na Baixa Idade Media, houbo moita videira en contornas hoxe insospeitadas. Pensos de pisar a uva poden hoxe ollarse no val do Medo, ó pé da Serra de San Mamede, e no medio da Limia, á beira de Cortegada”.

E a  terceira e máis sorprendente, sobre o seu nome: “Tal obra e con tal fin, non foi posible, senón nun fidalgo moi tentado e con haber e vasalos ás súas ordes. A obra, pola capacidade e medio en que foi aberta, sen axuda algunha mecánica, supera a toda a obra antiga, mesmo de romanos que sexa, hercúlea. Probabelmente algún deses fidalgos a finais da Idade Media, de nome Xan Vivián. Ollando a documentación medieval que teño (Onomástica do Noroeste hispano, pax. 102) vexo que o antropónimo abonda no século XIII-XIV. En 1207, Vivianus en Lugo. En 1239, Vivianus en S. Román de Sobradelo. En 1260, Vivianus en Esgos. En 1270, Asensio Vivianez en Valdeorras. En 1330, Alfonso Vivianez en Ourense, etc. Só nos falta dar, pois, con ese Johanes Viviani (fillo de Viviano) do século XIII, Xoán Vivián do XIV ou Xan Vivián da primeira metade do século XV”.

As súas xestións leváronme, entón, a consultar a colección diplomática de Celanova transcrita por Beatriz Baquero e velaí que nun documento de marzo de 1328, sobre a cesión das facultades de vicearcediago do bispo de Ourense ó abade celanovés, aparece  un Iohanne Viviane que, de onde ía ser máis ca de “Iuncara de Limya”. É dicir -a historia xogando ós dados-, da Xunqueira de Ambía do sabio Rivas!

Te puede interesar