ESTATUAS PROFETAS JEREMÍAS Y EZEQUIEL
Santiago recibe las esculturas del Pórtico de la Gloria tras 70 años fuera de la ciudad
CRÓNICAS DE AGORA E SEMPRE
Poñámonos nun día calquera de 1938, nunha casa de Ponte Barxas, ollando fronte por fronte cara os bancais de solpor sobre os que asentan as galerías portuguesas de São Gregorio e cunha muller nun dos cuartos, suorosa e dolorida por ter acabado de materializar o feito transcendental de traer un ser á vida.
Había tres anos que ela e o seu marido cambiaran a nordesía ensenada do Orzán polas sombrizas terras do pé da raia seca, a onde o seu home fora destinado como policía de fronteira.
Así debeu ser, máis ou menos, como chegou ó mundo dun xeito ocasional nese lugar Cástor Cartelle Guerra, fillo do “guardia de segunda”, Castor Cartelle Alonso, e onde pasou os primeiros anos da infancia, ata que, en 1946, o pai foi ascendido e destinado á comisaría de Vigo.
Estamos, pois, diante dun neno que muda a terra finita de Ponte Barxas pola aberta ría de Vigo e a escola unitaria na que impartía aulas a súa nai, polo colexio dos xesuítas, onde comeza unha formación que iría evolucionando cara a vocación que -atizado pola admiración que sentía polo labor da Orde en África e Sudamérica- o animaría a abrir aínda máis os horizontes e, con só 19 anos, arribar o 12 de outubro -coma Colón, pero de 1957- no peirao de Río, poñéndolle foco así a unha singular travesía que, por fortuna, aínda continúa activa no país do que se namorou ese mesmo día.
Coa formación académica a medias, aproveita o amparo da Orde para radicarse en Belo Horizonte e graduarse en Letras Clásicas e Filosofía, en Bioloxía, Xeociencia e Morfoloxía, como limiar do seu encontro coa Paleontoloxía, que non abandonaría xamais, da man da Universidade Católica de Minas Gerais á que tamén se “atou” de por vida, non sen antes “desatarse” da súa condición de xesuíta.
“Na Lagoa Santa de Minas Gerais estaba o centro da paleontoloxía” que comezara a estudar un pioneiro dinamarqués, Peter Lund, quen cen anos antes ca el se namorara do Brasil, e ducias de covas e cavernas do Estado de Minas Gerais empezaron a recibiren de contado as visitas periódicas do “teimoso profesor Cartelle” e dos seus ilusionados alumnos, logrando descubriren milleiros de restos de animais extintos da fauna actual e recompoñendo con eles diversas especies de mamíferos que, por non ter, nin sequera tiñan nome, simplemente porque ós ollos humanos non existían.
Toda esta actividade tivo un punto de inflexión cando, nunha desas covas, o azar púxolle diante un óso do que acabaría sendo unha “preguiça gigante” (un perezoso, vaia!) que lograron reconstituír integramente e que o converteu co tempo no meirande especialista mundial no coñecemento dos grandes mamíferos da desaparecida fauna tropical.
Como consecuencia chegou o soño do museo de ciencias naturais, a “Rota de Lund”, o acreditado medioambientalista, o prestixio científico internacional e, no ano 2009, o recoñecemento oficial do Estado de Minas Gerais como “cidadão honorário, por sua relevante contibuição para o engrandecimento da terra mineira”.
A biografía deste ourensán non é menos peculiar no entorno familiar do que aquela que logrou ensarillar no ámbito científico, tan lonxe da súa terra natal.
O interese por el permitiume rescatar algúns trazos da vida de seu pai, un mozo seminarista que en 1927 dirixía o coro “Airiños da aldea” de Arnoia, co que gaña o concurso das festas do Portal de Ribadavia daquel ano; que un ano despois se pon á fronte da “Sociedade Artística” de Vigo e que segue estudos de órgano na catedral, pero que acaba como policía na Coruña, onde se ve protagonista dun suceso que marcou -para ben- a súa traxectoria, ó lograr salvar -el só- a dúas mulleres que estaban a piques de afogar na praia de Riazor. Era o 31 de agosto de 1932 e “las dos señoritas, viéndose en inminente peligro de perecer ahogadas demandaron auxilio que les fue prestado por el agente Castor Cartelle Alonso”.
Por isto, o policía recibiría a medalla ó mérito civil que lle sería entregada anos despois en Ourense, destinado en Ponte Barxas e xa casado coa filla do alcalde de Chantada a quen o Cástor fillo aínda tivo oportunidade de visitar no 2008, a piques de cumprir os cen anos.
Un Cartelle Alonso que non renunciaría nunca á música e que ó retornar a Vigo, en 1949, dirixe o Orfeón da Escola de Artes.
Digno herdeiro, en principios e valores, de seu pai, o Cástor científico tamén cultivará a música, co órgano como instrumento, tanto na súa etapa xesuítica como na da unidade familiar que conformou con Cristiane, “unha mineira estudante de Bioloxía” que podía ser a súa filla e coa que decidiu “unir as mãos para caminharmos juntos”.
Espertaba daquela o novo milenio ó 2001, e no 2008, con 70 anos ás costas e aínda moita vida por labourar, “tivemos a grande noticia -dixo no acto de cidadán honorario-, a maior da minha vida, de que un mineiro legítimo -Cástor Henrique Cartelle- estaba en caminho”.
Agora, con 84 anos, un cento de milleiros de visitantes cada ano no outro gran proxecto da súa vida -o Museo de Ciencias da Universidade Católica de Minas-, inumerables traballos científicos, libros de divulgación -coma “Os meninos da planicie”- na rúa e todo canto aquí queda sen contar, se un consulta as súas entrevistas na rede é doado escoitarlle pronunciar humildemente aquela máxima aristotélica de “só sei que non sei nada!”. É dicir, un ser admirable. Sen máis!n
Contenido patrocinado
También te puede interesar
ESTATUAS PROFETAS JEREMÍAS Y EZEQUIEL
Santiago recibe las esculturas del Pórtico de la Gloria tras 70 años fuera de la ciudad
REDUCIR LA BRECHA ECONÓMICA
En España el riesgo de pobreza afecta a más de 6 millones de mujeres
ANUNCIO SUS MEMORIAS
Urdangarin no se olvida de Cristina: “La quiero mucho”
Lo último
FÚTBOL SALA FEMENINO
El Ontime vuelve a la liga listo para estrenarse fuera
A varios organismos
Honduras denuncia a Trump por injerencia en sus elecciones
PROGRAMACIÓN NAVIDAD 2025
El centro comercial Ponte Vella arranca su programación navideña con ocio, talleres y visitas mágicas