Campus de Ourense

Nace en Ourense o Instituto de Física para impulsar a elite investigadora

Elena Martín, secretaria comisaria do instituto y Ángel Paredes, director comisario do instituto
photo_camera Elena Martín, secretaria comisaria do instituto y Ángel Paredes, director comisario do instituto
O Campus de Ourense contempla un “salto cualitativo” co Instituto de Física promovido por 19 científicos

O Instituto de Física e Ciencias Aeroespaciais (Ifcae), con sede no campus de Ourense, xa é unha realidade tras meses de procesos internos. O profesor Ángel Paredes, do Departamento de Física Aplicada da UVigo, foi elixido onte como director comisario do novo instituto, na constitución da xunta directiva celebrada onte en As Lagoas. No equipo acompáñao Elena Martín no cargo de secretaria comisaria: é doutora en Enxeñaría Aeronáutica e premio internacional de posdoutoramento David Crighton. Ten participado en proxectos da Nasa e lidera na UVigo proxectos de investigación coa Axencia Espacial Europea (ESA).

O Instituto de Física e Ciencias Aeroespaciais é o primeiro da UVigo en iniciar a súa actividade ao abeiro da nova normativa que posibilita a creación deste tipo de organismos de investigación. Un grupo de 19 profesores da UVigo elaborou a proposta do instituto, ao que se lle deu luz verde a finais de 2022. “Nas vindeiras semanas teremos un proceso aberto de adscrición de persoal”, anuncia o equipo directivo. O último paso será o recoñecemento da Xunta de Galicia.

Sinerxias

O Instituto de Física e Ciencias Aeroespaciais estará formado por persoal investigador dos campus de Ourense e Vigo. A súa investigación centrarase en certas áreas da física e das ciencias aeroespaciais, e en especial na busca de sinerxías con outras disciplinas relacionadas, como as matemáticas e a enxeñaría informática.

“Nace co obxectivo de ser impulsor do ecosistema galego aeronáutico e aeroespacial así como das súas sinerxías coa investigación emerxente baseada na física”, subliñan dende o equipo. Márcanse como eixos prioritarios “fomentar unha investigación excelente e recoñecida no seu ámbito; facer unha transferencia de coñecemento á sociedade relevante; captar talento reforzado e divulgar e comunicar”.

No campus de Ourense desenvólvese hai máis de 20 anos liñas de traballo en diversos campos da física, que van desde a fotónica á fluidodinámica ou as simulacións numéricas avanzadas. “O novo instituto presenta a oportunidade de dar un novo paso e salto cualitativo, consolidando a exitosa actividade investigadora e de transferencia dos grupos de investigación asociados mediante a creación dunha estrutura institucional no seo da UVigo”, sinala Paredes.

Novos proxectos no Campus

Por outro lado, a misión do novo organismo ubicado na Escola de Enxeñaría Aeronáutica é “que permita fomentar e potenciar ditas actividades, creando unha contorna propicia para a posta en funcionamento de novos proxectos, de maior alcance e impacto”.

Te puede interesar