Día das Letras Galegas

Enrique Álvarez Barreiro: “Un recoñecemento á constancia”

Enrique Álvarez Barreiro, alcalde de Vilamartín.
photo_camera Enrique Álvarez Barreiro, alcalde de Vilamartín.
“Estamos moi agradecidos ao esforzo dos veciños durante moitos anos”, subliña o alcalde de Vilamartín

Enrique Álvarez Barreiro, o alcalde de Vilamartín de Valdeorras, o Concello ao que pertence Santa Comba de Córgomo, a parroquia de 230 habitantes na que naceu Florencio Delgado Gurriarán, bota a vista atrás para lembrar qué sentiu cando se decatou que era o ourensán o elixido para ser homenaxeado no Día dás Letras Galegas 2022. “Ía coa miña muller no coche e tiven que parar, emocioneime, moitísimo, e non podo ocultar que soltei unhas cantas bágoas”, recorda o rexedor.

Porque a elección de Delgado Gurriarán non foi se non a recompensa ao traballo e ao esforzo de moitos anos. Detalla o alcalde que “fai máis de vinte anos que os veciños conformaron unha asociación na que reclamaban para Florencio esa distinción. É o noso veciño máis ilustre, claro, e significa moito para todos nós. Porque a cousa foise arrefriando ao ver que as solicitudes non atopaban a resposta esperada, os veciños fóronse desilusionando”. 

Fai seis anos

Ata que fai seis anos “diferentes Concellos da comarca de Valdeorras unímonos para facer máis forza aínda, para dinamizar culturalmente a comarca e para que a Academia nos tivese en conta. Algúns se descolgaron, pero os de Rubiá, O Barco, A Rúa e Petín, máis nós, continuamos adiante. Estamos dobremente agradecidos, á Academia, que nos fixo ver que todos xuntos iamos polo bo camiño, e ao esforzo dos veciños, eles foron un piar fundamental. Estamos moi contentos, a verdade”, recalca. 

“Supón un recoñecemento á constancia, nós, desde o Concello, envorcámonos porque vimos que os veciños se envorcaban. Estamos afanados en decorar, en deixar as rúas o mellor posible, queremos recibir a toda a xente coas nosas mellores galas”, adianta Álvarez Barreiro. 

“O esforzo foi grande, somos un Concello moi pequeno. As rúas están listas, as flores, a pintura. Entre todos estamos a decorar o pobo, queremos que estea vistoso o Día dás Letras pero tamén o resto do ano, para o que programamos unas cantas actividades. Merece a pena, non queremos que isto acabe aquí, queremos que se coñeza a nosa comarca e que se coñeza Galicia”, subliña. 

No mapa

 “Grazas a Florencio poñemos a Córgomo no mapa, ao Concello de Vilamartín e á comarca de Valdeorras. A nosa comarca é coñecida polo viño e a lousa, tamén ten que selo pola cultura, estivemos algo afastados deste mundo, queremos poñela onde se merece”, finaliza Álvarez Barreiro.

A “Florenciada”, a arte de arrastrar á xente do pobo

Entre as actividades programadas sobresae o que o alcalde de Vilamartín denomina “Florenciada”, leste mesmo día 17, despois do pleno. ”A “Florenciada” recolle o espírito de Florencio, que cando viña ao pobo arrastraba a todos os homes. Imos colocar cinco ou seis puntos nos que se vai a repartir petiscos de touciño entrefebrado e viño, nos que vai haber música, folclore, poesía. Trátase de revivir o seu espírito”, recalca.

“Florencio era iso, o espírito de aglutinar xente nunha adega. Alí falaba de viño, dos topónimos da comarca de Valdeorras, de poesía. Ninguén como el falou así , sempre loitou porque o galego non se esquecese, desde o outro lado do océano sempre puxo o galego por diante”, relata Álvarez Barreiro. 

“Florenciada” á marxe haberá tamén “ roteiros polos pobos nos que participan os colexios da comarca, ademais que para os meses de xullo e agosto teremos noites culturais, de teatro, de música. Van ser moitas ao longo do ano”, conclúe o alcalde.

Te puede interesar