Tribuna

Florencio foi un precursor nisto da procura da lingua correcta

Varios exemplares de libros que conteñen a vida e obra de Florencio Delgado.
photo_camera Varios exemplares de libros que conteñen a vida e obra de Florencio Delgado.

Cando a Galicia Infinda está a celebrar  a súa festa das Letras dedicadas, este ano, ao poeta valdeorrés Florencio Delgado Gurriarán, cada vez quedan menos persoas que usan ou mesmo que coñecen moitas das palabras que o poeta escoitou, usou e rematou prendendo para sempre nos versos das súa poesía. 

Florencio naceu, medrou e marchou sendo e falando orgulloso a fala de Valdeorras. A súa lingua mai, que el nunca esqueceu e da que nunca renegou, foi o galego, pero o galego valdeorrés que el exhibía sen pudor nin vergonza. Orgulloso e coidadoso do seu, do noso.

Cóntanos Alonso Montero no seu último libro Florencio Delgado Gurriarán Poeta da terra, na guerra e no exilio, editorial Galaxia, 2022 que o Florencio tiña unha obsesión coa corrección dos seus textos literarios e mesmo dá testemuña nel da existencia de varias versións e correccións dun mesmo poema. Florencio buscaba e rebuscaba a mellor maneira de dicir, o termo máis puro para expresar o que el quería, fuxindo sempre de todo aquello que puidese deturpar a lingua da súa poesía. Nos seus versos non atopamos case castrapismos, el odiábaos, e sempre intentaba buscar a pureza procurando os termos máis galegos.

Podemos afirmar, sen medo a nos equivocar, que Florencio foi un precursor nisto da procura da lingua correcta. Porque a el non só lle bastaba con falar e escribiren galego, queríoa facelo ben. Esa riqueza e eses matices que contén a súa poesía teñen un marcado acento valdeorrés. 

Este ano no que todos andamos como tolos estudando vida e obra do poeta, a min tamén me  me tocou estudar polo miudo os poemas de Florencio e neles atopeime termos tan enxebres que mesmo houbo que recurrir a dicionarios moi, pero que moi antigos para interpretalos. Confeso que tamén tirei de dicionarios vivos, porque non hai mellor enciclopedia nin diccionario que alguén que teña viva a lingua e eu teño a sorte de ter unha veciña de San Vicente, a Anita, que vos sabe… o que non está nos escritos.

Así que se queres entender como cómpre os poemas do Florencio, ou  coñeces ben e polo miúdo a terra, a lingua e a historia das xentes de aquí  ou tes que ter a man un diccionario valdeorrés vivo que che axude cos valdeorresismos. 

Que se saiba, Florencio foi o primeiro que tentou elaborar un dicionario de léxico valdeorrés. No  fondo do seu arquivo,  podemos atopar  listas de palabras que dan conta da vida, a paisaxe, os traballos e os leceres das xentes de Valdeorras, entre outros temas. E é que o valdeorrés tenche palabras moi inexcusables que enriquecen de tal maneira a lingua que ata os que algún día chegamos de fóra, falando outro galego, acabamos incorporandoas ao noso acerbo e agora alí a onde imos temos que seguir utilizándoas,  porque non hai mellor maneira de contar ou dicir as cousas que ao xeito de Valdeorras:

Como ir á feira de Viloira e non mandarlle 5 se che piden 6?

Como non anoxarse cando o leite esbolsa do cazo?

A quen non lle endilgaron nunca gato por lebre?

Quen non colleu do rabo ao reco / marrao un día de matanza?

Quen non viu ao un louxeiro subido a un louxado de louxa?

Quen non viu saír no día do Cristo as calantornias?

Quen non cochou xogando ás bólas para acabar escofinado?

Por non falar dos bois xamois, do mondongo, do pigureiro, a androlla, o botelo, da leiturga na ensalada, dos failos, teilos e poilos, das noutes e das truítas do Sil.

Quen non preparou a carabela para ir de merenda?

Quen non se embuligou comendo?

Quen non furou o calcetín para metelo no pé?

Ai loooobos!

En Valdeorras, temos que perder o medo e tamén a vergonza. Temos que empezar a sacar peito e a presumir do noso, e en cuestión de lingua temos que coller a testemuña que nos deixou Florencio e rematar, dunha vez, o dicionario de léxico valdeorrés que el empezou e non foi quen de rematar. Recollamos, como quen apaña patacas, todos os froitos que a fala desta fermosa terra nos dá, antes de que se esquezan e antes de que os dicionarios e as enciclopedias vivas nos deixen, porque cando eles marchen, se nós non a recollemos, tamén marchará o que é máis noso, a nosa fala.

Por Florencio e por Valdeorras.

Te puede interesar