Alba Gallego, organización e paixón polo éxito na produción

A pesar da súa xuventude, Alba Gallego conta cunha longa experiencia en series, longametraxes e curtas como ‘script’, un traballo ao que chegou case de casualidade pero do que deseguida se namorou. “Rapa”, “Fatum” ou “Ons” son algúns dos traballos que levan o seu selo. Máis alá tamén é produtora executiva en Kraken Media con Adrián Castiñeiras e Fernando Tato, unha produtora coa que ven de acadar un Mestre Mateo á Mellor Webserie con “Delicias Amargas”. Nos vindeiros meses, moito traballo e moitas viaxes. Entre elas o desenrolo da longametraxe “Adeus Berta”. 

“Rapa”, “Ons”, “Néboa”, “Fatum”, “La Unidad”, “Vivir sin permiso”… son algúns dos recoñecidos títulos do audiovisual que levan o seu selo como ‘script’. Para aqueles que descoñezan este termo, cal é o traballo dunha ‘script’?

É a persoa encargada de supervisar a “continuidade” ou ‘raccord’ nunha serie ou longametraxe. Un exemplo moi visual é: estás vendo unha serie e a actriz ou actor ten un vaso cheo nunha toma e, de repente, na seguinte, esta valeiro. Ao espectador isto “cántalle”. Son os típicos “erros de raccord” que nós temos que evitar.
Pero o noso traballo vai máis alá. Desde a fase de preproducción, analizando os guións, desglosándoos, facendo fichas de persoaxes, reuníndonos con cada departamento involucrado… ata a mesma rodaxe. É necesario ter todo calibrado ao milímetro para saber, por exemplo, se un persoaxe ten unha ferida, como ten que ir evolucionando co paso do tempo. Só levando todo moi atado, e facendo que cada sección coñeza á perfección o que ten que facer durante a rodaxe, na que cada minuto conta, é posible que a continuidade resulte fluida. 
Xa metidos no traballo, temos que supervisar como van as tomas, facer partes de horarios, cronometrar as horas, calibrar a duración dos capítulos… é un mundo moito máis complexo e completo do que a xente pensa. Pero, a modo de resumo, e para non liar máis aos lectores (risas), nós decimos que tentamos que todo o que está plasmado no guión se traslade á pantalla con coherencia.

Todo un mundo! E como di, ben descoñecido. Como chegou vostede a el?

De casualidade total. Estudei Comunicación Audiovisual e fixen un Máster en Producción e Xestión Audiovisual. Fixen as prácticas na produtora Portocabo formando parte de “Galegos polo mundo”, e pasando por diferentes departamentos. O meu primeiro traballo como ‘script’ foi para a serie da TVG “Luci” e, a verdade, non sabía moito dese mundo. Ofrecéronmo, dixen que si, e fun investigando e buscando información pola miña conta. Trátase dun posto menos accesible ca outros que forman parte do equipo de rodaxe xa que non hai moitas figuras referentes. Así como un cámara pasa primeiro por auxiliar e logo vai collendo soltura, isto non existe como ‘script’. Pero pouco a pouco e tras a segunda tempada de “Luci” empezaron a chegar novas propostas para series, longas… e ata hoxe.

Polo seu currículo non o fai mal.

(Risas). Penso que non, que non se me da mal… e ademais é algo que me gusta moito.

E ata creou o seu propio blogue “Cuentos de una ‘script’”.

Foi algo que fixen como unha forma de axudar á xente que se inicia. Cando eu comecei tirei dalgúns libros que atopei, tan só un par deles e en inglés, e sentínme moi soa para poder tirar adiante co traballo. A través desas publicacións busco explicar por riba todas as funcións e como debe facelas un ‘script’. Agora non estou facendo novas entradas por falta de tempo, pero máis que incluir novo contido, creo que debo reler todo o que teño e facer novas aportacións tras estos sete anos de experiencia.
Nunca pensei que fose recibir tantas visitas e preguntas. E sempre sempre respondo. Aínda que tarde porque a veces me colle inmersa nunha producción. Aviso por se teño algunha pendente de resposta!

Que consello daría a alguén que se inicia nese traballo?

Creo que é un traballo moi bonito porque estamos en contacto con todos os departamentos. E, aínda que non son ninguén para dar consellos, deberíase comezar por algo pequeno, como unha curtametraxe, para poder controlar todo pouco a pouco. Eu, que comecei nunha serie, aínda que pequena, foi como un ‘schok’: moitos actores, moitas tramas, moitas localizacións… así que eu recomendo que vaian con calma. O traballo vai ser o mesmo, pero a menor escala. Máis alá, que traballen, que se interesen e que vexan moito cine

Ser ‘script’ non é o seu único traballo no eido audiovisual.

Non, hai que tentar ser moi multidisciplinar. Cando comecei a traballar no 2013 víviase unha tempada moi boa de series para a TVG. Combinei o traballo de ‘script’ co de montadora, o que me axudou a gañar experiencia, coñecer máis xente… e tamén a pagar facturas…

E a producción executiva da man de Kraken Media… e con premio: un Mestre Mateo á mellor webserie por “Delicias Amargas”.

Si! A produción executiva foi algo que retomei fai algúns anos da man de Kraken Media, con Fernando Tato e Adrián Castiñeiras. E fai un par de semanas vimos de emitir o último capítulo de “Delicias Amargas”. Trátase dun traballo dividido en 36 capítulos e dúas tempadas, no que participaron máis de 60 actrices e actores, máis e menos coñecidos, que crearon os seus propios guións despois de preparar varias improvisacións coa única premisa de que as historias tiñan que ocorrer nun restaurante.

Algún novo proxecto coa produtora?

Temos varias longas en desenvolvemento. Das que poida falar, recibimos unha axuda da Agadic para o desenvolvemento de proxectos audiovisuais para “Adeus Berta”, que tamén recibiu o Premio Guión para Largometraxe Julio Alejandro da SGAE. Ademais seguimos pendentes da distribución das curtas “Compañeiros” e “Entrevista”. Algúns proxectos internos dos que aínda non podo falar… e niso andamos.

Falando de premios tamén recibiu no 2020 o galardón María Luz Morales o Mellor Videoensaio sobre audiovisual galego.

Foi co traballo “O vídeo esquecido”, tamén foi seleccionado na 2ª Mostra Internacional de Cine e Ciencia da Galería Demolden Video Project de Santander. Entereime da convocatoria María Luz Morales en plena pandemia, e como son moi inqueda… lanceime a crear este proxecto establecendo unhos horarios tal cual  estivese traballo. 
Na miña casa sempre houbo unha cámara e grabávase todo. Con todo ese material sabía que tiña algo que contar, e, ademais, apetecíame facelo. Se gañaba o premio, xenial. Senón, quería que a xente o vise. E a resposta daqueles que o viron non puido ser máis positiva. Decíanme que os levara ás súas propias vivencias, recordou desos VHS agochados no rocho, as horas de gravacións de eventos familiares, primeiros pasos, festas… e só por recibir ese ‘feedback’ non podo estar máis satisfeita con habelo feito.

Con todo isto na súa axenda, non podo menos que preguntarlle como se organiza.

Todo con listaxes! Se non as tivese, e confiara só na miña memoria e capacidade organizativa, probablemente todo sería un caos e non sacaría nada adiante. Ou alomenos non sei ata onde chegaría. Durmo pouco, o mínimo. E traballo moitos días que o resto da xente toma coma libres. É moi sacrificado e sei que renuncio a unha parte da miña vida persoal, pero agora é o momento en que podo facelo porque dependo de mín mesma. E, a verdade, é o que me apetece. Traballar noutras producións e tamén apostar pola produtora facendo os nosos proxectos, que sempre motivan máis.

As plataformas… que me di das plataformas?

Cando eu comecei a traballar non había forma de ver certas películas que me podían interesar de forma legal. E o catálogo era moi reducido. Coas plataformas de repente estamos ante un mundo de posibilidades de contidos. Incluso por riba das nosas posibilidades. Nese senso son útis e intesesantes.
Se lle están quitando espectadores ao cinema? Non teño cifras diante. Penso que o que foi letal para o cine foi a pandemia. E tamén creo que para recuperalo é preciso que haxa máis involucración e unha firme aposta con iniciativas como a de potenciar que a xente máis nova vaia ao cine, por exemplo. E igual para iso é preciso baixar o prezo das entradas, non porque a valía para levar a cabo unha película non custe ese precio, senón para atraer a máis público potencial de cara os vindeiros anos. Ao igual que a lectura ou o teatro, se a costume empeza a unha idade temperá, é máis probable que de adultos sigan ese hábito. 
E sempre hai que pensar que a experiencia a ir ao cine é un evento en si. Na casa, o tamaño da pantalla, o son, seguro que te interrompes a ti mesma para facer calquera cousa… nunca será o mesmo. 

Está en Madrid, pode desvelarnos en que está traballando?

Aínda non o podo facer público! E ben que o sinto… só pdodo decir que estou nunha serie e que nun par de meses o ides saber. E que hoxe voo para Canarias…

Te puede interesar