Fina Rei, a doce repostería artesá con selo alaricano
Fina Rei é unha empresa familiar de artesáns reposteiros que comezou a súa andadura da man de José Mosquera e Fina Rei, a matriarca cuxo selo levan tódolos produtos que saen do seu obrador. Dende 1994 tomou o relevo Marcos Mosquera que, mantendo a tradición que viviu dende cativo no obrador, segue elaborando as sobremesas tradicionais, pero engadindo novas propostas que fan difícil elexir unha soa. O segredo? Imprescindible unha materia prima de calidade. A elaboración, a dedicación… e como non… algún segredo que non nos van desvelar. E non llo tomamos a mal polo ben que o fan. Marcos Mosquera fálanos do pasado, presente e futuro desta doce empresa chea de valores e moito agarimo por todo o que fan
Foi no ano 1971 cando Fina Rei comezou a súa traxetoria. Que nos pode contar deses inicios?
A miña nai, Fina Rei, sempre se lle deu moi ben a repostería. Elaboraba moitas cousas e con moi boa man. Nunca faltaba unha sobremesa despois da comida. Unha especie de ritual sagrado que, confeso, tamén herdei dela. Así que dándolle voltas, decidiron converter ese don nun pequeno obradoiro de repostería tradicional. Unha forma tamén de sacar adiante aos seis irmáns que somos: Miguel, Jose, Juan, Isa, Fran e eu.
Podo imaxinalos percorrendo o obradoiro botando unha man.
Dende sempre. Primeiro foros os meus irmáns maiores, e logo tocounos o turno dos máis cativos. E, por cousas da vida, eles foron tomando outros camiños nas súas vidas e quedamos os máis novos. Chegado o momento de decidir de seguir no obradoiro ou non, alá polo ano 1994, Miguel e máis eu tomamos as rendas. Agora estou eu ao frente. Tentando ser o máis fiel posible a todo o que vin e vivín de cativo aprendendo dos meus pais.
Recorda cales foron as primeiras pezas de repostería que sairon de Fina Rei?
Ao principio era únicamente o doce tradicional: o amendoado, a torta real, as roscas de cazo (melindre de Allariz), ou de xema e, durante unha época, a amendoa de pico. Daquelas era só un obrador, sen tenda. Os produtos que facíamos estaban destinados á venta, sobre todo en Ourense.
Evolucionou moito a elaboración dende esa infancia no obradoiro?
Non… si que cambiou que unha batidora que fixera meu pai cun taladro, agora temos unha máis grande e industrial. Ao igual que o forno por un mercado. Máis alá non temos moita maquinaria. Bueno, temos lavalouzas, que non lavamos a man (risas). Pero o demais segue mantendo a esencia do que foi.
Espere, estame decindo que seu pai tamén era inventor… como é iso dunha batidora cun taladro.
(Risas). El era un home moi inquedo e manitas. A “batidora Fina Rei” era un taladro posto fixo nunha parede, ao que se lle enganchaba unha varilla que tamén fixera el de aceiro inoxidable. E así facilitaba as cousas. E o forno igual… fixo un forno de butano moi rudimentario para cocer os produtos. Ata fixera unha máquina de churros e a máquina de facer as obleas!
Que fermosos recordos deben ter.
Si, si. É máis, a máquina das obleas aínda a temos.
Que vos motivou a tirar para adiante con Fina Rei?
Foron unha serie de acontecementos e, sentados ao redor dunha mesa falando do que se podería facer ou non, pensamos que podería saís adiante. Pero xa dunha forma máis empresarial.
Ese foi o punto de inflexión que os leva a ser recoñecidos en toda España.
Co obradoiro que xa tiñamos, máis unha subvención e a adicación total e máis profesional como unha aposta por un modo de vida no noso entorno, introducimos melloras, ampliamos produtos, vendemos en estoxos, comercializamos máis alá de Ourense a toda España e incluso fora… eso si, mantendo sempre a esencia que me ensinaron.
E hoxe en día, en repostería tradicional, que ofrecen?
O amendoado, que non pode faltar; a torta real, moi xugosa, elaborada con moita cantidade de améndoa, e a rosca de cazo, que non comercializamos a grande escala xa que é un produto moi especial que, a xente que a coñece, encántalle. Pero aos que non… din que é moi dura (risas). Tamén facemos unha variedade do amendoado con chocolate.
A eses produtos dos que falamos, suman novas propostas. Por exemplo, ollo aquí aos “chocoadictos”, os ricos chocolates. Cal é o segredo do seu sabor?
A materia prima. Sen dúbida. Os nosos froitos secos collémolos en cru. Tostámolos e caramelizámolos, co cal sempre están frescos. E eso tamén inflúe no resultado. Xa non é só a calidade do cacao que empregamos, senón tamén todo ese proceso artesanal ata obter cada peza. As cousas como son, ao final tampouco hai tanto segredo… unha boa materia prima, tratar os ingredientes con respeto e cariño… o resultado ten que ser bo.
Recén acabado o Nadal, o turrón. Que non sei se hai xente con antollo deste produto ao longo do ano.
A verdade é que pasadas estas datas, poucos ou ninguén se acorda de que existe esta sobremesa (risas). Hai moito onde escoller sen buscar o turrón! En Nadal facemos variedades co chocolate como ingrediente común, que é o que máis gusta. De laranxa e canela, de marrón glacé, de amendoado de Allariz, de licor de herbas, de café e doce de leite ou de cava e limón.
Tamén nese seguir avanzando, ademais dos puntos de venta físicos en Ourense e Allariz, contan con venta online.
Hai que adaptarse. E a xente tamén o demanda. Mercan se veñen de visita, ou xente que só pode vir no verán. É unha forma de que teñen sempre estes produtos frescos nas súas casas estén onde estén tan só dous ou tres días despois. E teño que decir que funciona moi ben.
E para un agasallo, teñen estoxos que son unha delicia.
Hai unhos estoxos de madeira, personalizados, ben cheíñas de bombóns que gustan moito. Tamén facemos surtidos de turróns, caixas agasallo para empresas, vodas, de Nadal, por San Valentín.
E xa que fala de San Valentín e a pouco máis dun mes para a chegada do 14 de febreiro, fan unhas pezas de chocolate moi especiais.
Si. Son unhas frechas de punta de bombón de amorodo, cama de gianduja de canela e un poema de amor. Empezamos fai tres anos e cada un deles convidamos a un ou unha poeta a que crease devantido poema. Tamén temos un combinado de ostras de chocolate con espumoso galego que funciona moi ben.
E como pezas únicas, que ata da mágoa comelas, están as “Caras de Acisclo” e o “Turrón Acisclo”. Obra de arte en galego… e por riba exquisitas!
Sempre estamos buscando colaboracións, como a Fundación Vicente Risco, a libraría Aira das Letras… e tamén xurdiu esta obra do artista Ascisclo.
E sempre, sexa o produto que sexa, facendo patria co nome de Allariz e Galicia.
Sempre. Para ben e para mal. Levámolo alá por onde imos. Estamos moi orgullosos e sempre presumimos das nosas raíces.
Orgullo de orixe e de idioma, tal e como reflicte o voso etiquetado.
As embalaxes van en galego, ao igual que a descripción da materia prima que empregamos. Temos que presumir e promover a riqueza que é ter un idioma propio. Eso si, cando saen os produtos para fora, de acordo ca lei, si temos que empregar o castelán.
Para este 2023 que acabamos de comezar, hai novos proxetos á vista?
Os proxectos non se poden desvelar… que trae mala sorte! (risas).
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último
Jaime Noguerol
EL ÁNGULO INVERSO
La mirada sabia del barman
PRIMERA FEDERACIÓN
Una victoria para terminar el año del Arenteiro