X. M. del Caño, a maestría do relato curto galego

A entrevista de esta semana do suplemento Vida é a X. M. del Caño, escritor e xornalista xubilado, que nos falará do relato curto en Galicia

Son 40 relatos curtos de autores que van de Ramón Caride, Olga Novo ou Pedro Feijóo  a Darío Xohán Cabana –recentemente falecido e que non puido ver o libro publicado-, Antón Riveiro Coello ou Emma Pedreira.  Son xeracións diferentes- atopamos ata 40 anos de diferencia de idade- con liberdade temática e cada un no seu estilo. Non é unha selección dos mellores escritores, senón que é un libro integrador e permeable á xente que traballa noutros eidos. 

Supoño que este libro vén dunha idea longamente estudada.

Totalmente. Era algo que tiña pensado en moitos momentos da miña vida, pero por temas laboráis e a falta de tempo ía pospoñendo sen poder desenrolalo como desexaría. Este proxecto que puxo en marcha Amigos do libro galego / Artes e letras arrancou pola fascinación que un grupo de amigos -uns están dentro da organización e outros animan e colaboran dende fóra- sentimos por grandes figuras da literatura galega. Pola obra que foron tecendo dun xeito esforzado e silencioso ao longo dos anos. Amor polo libro tradicional, de papel, coa súa portada, lapela, ano de publicación, tipo de letra e contraportada. O libro que se pode tocar, pasar as páxinas, ter entre as mans no sofá da casa ou mentres un camiña.

Ata que chegou o momento…

Coa miña xubilación (risas). 

Como foi o proceso de coordinación para lograr esta titánica labor de dar xunguindo a tantos autores?

Moi moi laborioso. Primeiro hai que facer unha escolma e contactar con cada un deles. E non se límita a unha chamada e resolto. Senón que se establece toda unha relación ata o momento de obter o resultado final. Dende autores que pasa o tempo e pensan que non serán capaces ata outros que din que “as musas” non lle dan chegado. Foron momentos de moita tensión. Eu ata cambiei o café pola tila! Tiña auténticas dores de cabeza, e iso que estou acostumado a vivir na imprevisibilidade da profesión do xornalismo. Xa me decían que agora que me xubilara, traballaba máis ca nunca. Pero esto é o que eu quería. Un soño que viu a luz a través da Editorial Linteo. 

E chegou a hora de porlle un título: “Fisterra”. A que se debeu?

O libro xurdiu dunha especia de encontro virtual en tempos de pandemia. Cando un se sitúa en Fisterra Galicia mira ao mundo. Adiante: América; Abaixo: África; Atrás: o resto de Europa e Asia. E neste punto estratéxico estamos nós. 

Acompañando este libro hai unha lámina de edición límitada.

En “Fisterra”, Acisclo Manzano elaborou unha lámina – numerada do 1 á 100-, “As deusas de Fisterra” para os colaboradores. Lámina que pode que acabe sendo unha escultura para ubicar neste noso “Fin do mundo”, según algunhas primeiras conversas con devandito concello. 

O que ata agora non dixemos é que “Fisterra” só é o comezo dunha, agardemos, longa serie de libros de relato curto en Galicia.

Exacto. O segundo sae na primeira quincena de abril, baixo a editorial Xerais. Neste caso serán 38 relatos e 41 escritores, co prólogo, epílogo e apéndice. Levará como título un topónimo ou elemento xeográfico relacionado coa cidade de Ourense, aínda por determinar. O antetítulo será “Antoloxia do relato galego actual”.  Nel inclúense textos de Manuel Rivas, Domingo Villar, Marilar Aleixandre, María Xosé Queizán, Luisa Castro, Xosé Ballesteros, Fina Casalderrey, Bieito Iglesias, Celia Díaz, Antón Reixa e Xavier Queipo, entre outros. 

E tamén irá acompañado dunha lámina.

Neste caso será de Manuel Buciños.

E aumenta a presencia femenina.

Se no primeiro había un 40% de mulleres escritoras, neste serán un 50%. E no terceiro superao.

O terceiro? Xa está traballando no terceiro?

Sairá no primeiro trimestre do 2024. O máis probable é que leve o nome dunha das sete grandes cidades galegas. E tamén incluirá unha lámina, neste caso dunha artista de Noia que vive en Oleiros, Soledad Penalta. 

Un punto que non tocamos, pero que é imprescindible, é o empuxón que fai a Asociación de Amigos do Libro galego/Artes e letras. Que é esta entidade?

Naceu fai dous anos, coincidindo tamén coa miña xubilación e cunha idea que me rondaba dende sempre. Trátase dunha asociación cultural na que de momento só somos tres persoas: presidente, secretario, Manuel Pato Vidal, e tesoreiro, Manuel Álvarez. De momento non temos nin socios, nin cuotas. O seguinte paso que queremos dar é, a través das redes sociais, unha canle de comunicación cos autores e artistas participantes nos libros e coas persoas de diferentes puntos de Galicia que queiran asistir a presentacións ou facer un seguimento do proxecto. Tamén recoller todo tipo de novas relacionadas cos autores e participantes sobre os  seus libros. 

Entón, axiña haberá presentacións?

Contamos con que si. “Fisterra” tan só se presentou en Ourense. Pero a idea é que, coincidindo coa segunda publicación, se fagan presentacións dos dous libros por toda Galicia contando coa presencia dalgúns dos autores participantes neles. 

E un longo futuro…

A idea é publicar un libro cada ano, con textos de 10 a 20 páxinas a cargo de moitas das primeiras firmas de Galicia. Como mínimo será durante catro ou cinco anos. Un proxecto integrador, tendendo pontes -incluso a autores doutros xéneros literarios e doutras literaturas-, tal é como comentaba, e no que todo o mundo vai poder participar. Ademais, neste momento estamos traballando con tres editoriais, mediante pactos tácitos: “acordos de cabaleiros”, non escritos en ningún documento.

Con todo, non desbota escolmas doutros xéneros literarios.

En calquera momento se pode meter polo medio un de poesía ou ensaio, que desplazaría o de narrativa. Por outra banda, nun momento determinado, temos a previsión de impulsar algunha publicación que tratara de contribuir á internacionalización da literatura galega

Cando comezou a pedir e recibir os relatos, que se atopou?

O moito que cambiou o panorama da literatura. Dende que agora os intereses non só son construir cultura e país, ata como a muller, que antes estaba máis presente na poesía, gaña peso noutros eidos literarios cun grande potencial e un espectacular currículum.

A modo de pregunta final, como é a saúde da literatura galega en Ourense?

Non se pode facer cultura en Galicia de costas a Ourense. Esta é unha das principais cidades literarias do país. E ten a vantaxe de representar un modelo descentralizado. Os escritores e moitas das mellores cabezas pensantes da provincia viven ou viviron fóra. Ese foi o caso de José Ángel Valente e Carlos Casares, pero tamén de Manuel Curros Enríquez, Celso Emilio Ferreiro e Eduardo Blanco Amor. Na actualidade residen fóra X. L. Méndez Ferrín, Alfredo Conde, Antón Riveiro Coello, Francisco Xosé Fernández Naval, Ramón Caride... 
Lonxe quedan os tempos nos que foi a capital cultural de Galicia, con Vicente Risco, Ramón Otero Pedrayo e Florentino López Cuevillas, que impulsaron a revista Nós.
Ourense aportou moitas das mellores páxinas da poesía social de Galicia, con Manuel Curros Enríquez e Celso Emilio Ferreiro. Marca o cume da novela galega con “A Esmorga” (ademais de “La catedral y el niño”, en castelán) de Eduardo Blanco Amor. E aporta obras fundamentais ao movemento da Nova Narrativa Galega, asinadas por Carlos Casares e X. L. Méndez Ferrín.

Te puede interesar